Como representante dos alumnos, Raquel Saavedra votou, de igual xeito que os seus sete compañeiros, en contra da proposta de finalización do curso da reitoría no Consello de Goberno do pasado 22 de abril. A estudante explica os motivos que levaron aos oito representantes a tomar esta decisión.

Os representantes do alumnado votaron en contra da proposta da avaliación no último consello de Goberno. A que se debe o desacordo?

Os oito representantes puxémonos de acordo para votar en contra porque críamos que as medidas son propostas para os profesores. Eran recomendacións que non garantían a obrigatoriedade de impartir esas medidas, buscabamos que a avaliación continua fora obrigatoria, e que se non se podía substituír a proba final, que esta valera un 40% como máximo. O profesorado que estaba a facer as cousas ben non tiña que adaptar nada, pero hai unha parte dos docentes que aínda se resisten ao cambio. Porén, si que houbo diálogo e conseguíronse cousas. A nosa función agora é a de tentar que nos centros se cumpran as medidas.

Malia os puntos comúns, continúa a haber unha oposición forte por parte dun sector do alumnado, que pide a liquidación do curso.

O da liquidación do curso foi un tema a debater sobre a mesa, pero realmente contemplamos que si debíamos acabar o curso para obter os coñecementos necesarios. O enfado vén quizais da incerteza que causou o ter tardado semanas, que é obvio, porque hai moito que mirar, é unha universidade grande cunha casuística diversa. Das tres universidades galegas, penso que a UDC é a que mellor está levando o tema. Pode que o alumnado se deixase levar un pouco polos acontecementos sucedidos nas outras universidades.

Estanse a percibir, por parte do alumnado, os esforzos por parte da Universidade para evitar as caídas do campus virtual durante as avaliacións?

Suponse que hai probas de carga para ver se a plataforma aguanta, verémolo. Dende o alumnado temos esa preocupación de que non aguante, é a forma de asegurar a avaliación. Non queremos que cree problemas. Nós, de base, non queriamos que se celebrasen os exames, pero, con moito diálogo, comprobamos que hai unha serie de casos nos que os exames son a vía máis fácil para rematar o curso coa menor carga posible, as plataformas é o único que nos queda.

Son suficientes as axudas da UDC para suplir as carencias de medios do alumnado?

Dende a UDC sacáronse unhas axudas para ampliar a banda de internet a aquelas persoas que non podían permitirse pagar un aumento de gigas, nese sentido agradécese, a raíz do problema é do sistema. Se a UDC non ten o orzamento suficiente, non poden dar moitas axudas, e teñen o problema de que as persoas que precisan axudas son máis das que pensaban, tanto económica como equipos físicos. A min, por exemplo, a reitoría prestoume un portátil, nese aspecto si que tentan cumprir, a carencia vén do sistema. Isto delata que unha universidade que se considera pública non é tan accesible como se cría.