Alembranza na Coruña de Xosé Rodríguez Martínez (1856-1921), o popular médico Rodríguez, inclúe a un busto seu na praza de Ourense e a dedicatoria dunha céntrica rúa. Un merecido recoñecemento a quen en vida foi un profesional comprometido e xeneroso, preocupado polos máis necesitados.

Entre as moitas intervencións de mérito desde médico hoxe imos salientar a súa participación como voluntario na epidemia de cólera que en 1885 asolou Valencia. O primeiro caso tivo lugar en abril e no mes de xuño as cifras de contaxiados e mortos medraron moito, a doenza estaba descontrolada. A epidemia estaba causada por un tipo de bacteria, o bacilo Vibrio cholerae, que xeraba unha enfermidade diarreica aguda causada por la inxesta de alimentos ou auga contaminados con materias fecais con ese microorganismo. Hoxe o cólera segue a ser unha ameaza mundial para a saúde pública, cada ano morren no mundo entre 21.000 e 143.000 persoas nos países pobres.

A resposta sanitaria valenciana incluíu un máximo de 30 médicos, pagándolles, aos que non eran municipais, 250 pesetas ao mes. Pouco salario, moito risco e intenso traballo con case 100 visitas diarias cada facultativo. De fóra, e voluntarios, chegaron dous médicos, Manuel Romera Otal (de Madrid) e o noso Xosé Rodríguez, de Monelos, quen acadaron notable sona na cidade pola súa abnegación e entrega; contribuíron a salvar moitas vidas.

Rodríguez, con menos de 30 anos, partiu da Coruña a principios do mes de xuño e se aloxou na Fonda de París. Na capital levantina asistiu ao desenvolvemento da epidemia e ao estudo do sistema terapéutico do notable microbiólogo Jaume Ferrán. Xa antes da marcha á capital levantina debía ter interese polo tema, pois deu unha conferencia sobre o cólera o 12 de xullo de 1884 no Ateneo da Coruña. En Valencia tamén actuou como correspondente para o xornal republicano, daquela, La Voz de Galicia. As crónicas eran moi entusiastas e apoiaban o labor do médico catalán, amosándonos a Rodríguez como traballador infatigable.

En Agosto a epidemia rematou e o día 15 houbo unha celebración popular. O meritorio labor do noso médico foi recoñecido polo Concello de Valencia que o nomeou fillo adoptivo da cidade, tamén recibiu unha homenaxe do Ateneo-Casino Obrero local e, posteriormente, o Goberno concederíalle a Grande Cruz da Beneficencia. O 16 de Agosto Rodríguez e Romera saíron en tren cara Madrid, con moita xente na estación para despedilos. En Coruña organizarase unha comisión para renderlle unha merecida homenaxe, presidida polo senador Juan Montero Talinge. A recepción na súa cidade natal tivo características propias do recibimento a un heroe.

Á volta do episodio levantino publicou o folleto Valencia-Galicia, estudio práctico acerca del tratamiento más eficaz del cólera morbo asiático, método seguido en la epidemia colérica de Valencia del presente año. O texto foi escrito e editado de inmediato, pois xa se puxo á venda o 17 de setembro de 1885. Xunto a diversos comentarios sobre a epidemia, trasladaba recomendacións e fórmulas para aliviar aos enfermos. Salienta a postura favorable á vacina de Ferrán, cuestión que provocou, nese momento, un relevante debate.

Xosé Rodríguez foi un sanitario exemplar, coma moitos que hoxe en día fan fronte á Covid 19 (médicos, enfermeiros e resto do persoal dos hospitais). Agardemos que se lles trate como merecen e que cando pasen os apuros, que os xestos dean paso aos feitos. Que os aplausos xeren efectos prácticos e recursos. Coido que en tempos escuros, e con tantas persoas, entidades e institucións "desaparecidas", eles merecen o recoñecemento público con algún monumento na cidade que lembre ás xeracións futuras o seu exemplo.