Que dificultades atopan os armadores coruñeses para desenvolver a súa actividade durante a pandemia?

A frota de arrastre de litoral do porto da Coruña non fixo paradas derivadas da Covid-19, pero ao principio tivo problemas á hora de protexer aos tripulantes porque non había materiais de protección suficientes, aínda que tivemos a sorte de que apenas houbo casos de contaxios. Agora a subministración é mellor, ao igual que acontece para o resto dos cidadáns pero as primeiras semanas foi preocupante.

Pero no espazo tan reducido dun barco será moi difícil manter as distancias de seguridade.

É moi complicado, hai que traballar como o faría un sanitario porque un traballador está pegado practicamente con outro e os camarotes e os espazos son como son, polo que un non se pode distanciar do compañeiro de traballo, xa que non podería traballar no barco. Outro problema que xurdiu foi o da rendibilidade, porque os prezos descenderon en primeira venda en case todas as lonxas aínda que o consumidor final non o notara, porque o peixe do pincho se paga a cinco euros o quilo na lonxa e despois na praza ou no supermercado véndese a quince ou dezaoito. Isto repercutiu de forma negativa nas economías das empresas e dos propios traballadores, que van á parte nas súas ganancias, polo que se os ingresos son cativos, as nóminas tamén son pequenas.

Por que se produce esta baixada de prezos?

Descoñecémolo, pero hai indicios que nos poden dar pistas. Está claro que todo o que é restauración estivo pechado, ademais dos hoteis, que tamén teñen unha importante demanda de produtos pesqueiros. Aínda que as estatísticas nos din que se incrementou o gasto en peixe nos fogares, hai que ver en que se incrementou. Isto, ademais, non se vai solucionar en dúas ou tres semanas, polo que os produtores seguramente imos seguir notando en primeira venda uns prezos que non son normais. E o sector ten, como toda a sociedade, a incertidume do que vai a acontecer, de se haberá rebrotes e voltaremos todos ao comezo do confinamento.

Confía en que coa progresiva reapertura da hostalería os prezos vaian subindo?

O normal é que se vaian recuperando os prezos, pero tamén hai que ter en conta que a maior parte dos consumidores non terá posibilidades de consumo de peixe de gama media-alta dada a situación económica de boa parte da poboación. Igual hai especies de prezos moi económicos como o lirio, a sardiña, a xarda, o xurelo ou a parrocha que poden ter saída, pero outras como pescada, rape ou robaliza van ter seguramente dificultades para recuperar os prezos anteriores ao decreto do estado de alarma. Haberá que pensar en arbitrar medidas de axuda para este sector que segue traballando porque non lle queda outra, xa que hai que seguir subministrando produtos pesqueiros á poboación, máis nesta situación tendo en conta o saudables que son.

Houbo algún armador que apostara por non saír ao mar?

Houbo xente da frota do cerco que temos constancia de que non foi capaz sequera de saír e algún barco do Gran Sol, pero a maioría da frota optou por seguir a actividade por sorte para todos, porque a desaparición ou escaseza dos produtos pesqueiros dos mercados sería un problema para moita xente.

Houbo reclamacións ao Goberno de axudas para as empresas pesqueiras?

O sector está demandando que os recursos que se habilitaron do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca se articulen o máis rápido posible. Seguramente tamén vai demandar estes días do Goberno xunto con outros sectores axudas directas para que as empresas que seguen a súa actividade non vexan tan mermada a súa rendibilidade e non teñan dificultades para facelo sen perdas.

Ve sensibilidade na Administración cara aos problemas da pesca neste momento?

O que nos comunica é que ten moitas frontes abertas porque hai moitísimos sectores demandando axudas e vai intentar concedelas a todos os que as necesiten. Polo de agora non se nos dixo nada en concreto sobre as axudas directas á pesca, pero creo que é un dos sectores no que é importante que se atendan estas demandas porque é esencial.