"As especies que sobreviven non son as máis fortes nin as máis rápidas nin as máis intelixentes, senón aquelas que se adaptan mellor ao cambio". Esta afirmación atribúese a Charles Darwin e non podemos evitar vernos reflectidos como especie, como pobo e como profesión. O SARS Cov-2 reta unha vez máis á profesión odontolóxica como xa fixeran nos anos 80 o VIH e a Hepatite C, que obrigaron a mudar os procedementos clínicos normais", lembra a Doutora López Prieto, médica e odontóloga.

Aqueles foron retos que obrigaron a introducir cambios que xa temos aceptados como parte da nosa normalidade. Agora e como o resto de servizos sanitarios, as clínicas dentais teñen que incorporar as modificacións axeitadas para minimizar as probabilidades de contaxio do SARS Cov-19: "Estamos a recuperar unha nova normalidade e, canto antes nos deamos de conta que existe a posibilidade de que teña chegado para ficar entre nós, mellor será para todos", afirma o Doutor Pardiñas López, especialista en ciruxía oral.

"É unha cuestión de responsabilidade topar as maneiras de, respectando os máis altos niveis de control para evitar a propagación dos contaxios, poder seguir proporcionando á poboación as atencións médico-dentais que precisa", engade o director da clínica médicodental Pardiñas, a primeira galega en cumprir cos esixentes requirimentos da norma ISO 9001 dende o ano 2003: "Isto fai que o procedemento de adaptación á nova normativa sexa un pouco menos traumático. Os estándares de limpeza e desinfección que seguimos sempre son punteiros, polo que os maiores cambios que temos que adoitar son os correspondentes aos equipos de protección individual (EPI) e á normativa que, dende as autoridades, ditan con respecto a aspectos administrativos como o uso dos espazos comúns, o volume máximo de ocupación, ou a obriga de atender unicamente a pacientes con cita previa".

Ese derradeiro punto é un dos tres puntos fundamentais para combater os contaxios fortuítos na nosa práctica diaria como odontólogos. Son os chamados 3T. O primeiro T e de triaxe: é preciso manter uns criterios sólidos para que rebaixen a posibilidade de que unha persoa contaxiada ou con sospeita de poder estalo vaia ser atendida na consulta. O segundo T é de temperatura: non se atenderán pacientes que teñan unha temperatura coporal maior de 37,5ºC. E o terceiro T é de tempo: procurarase que pasen o menor tempo posible na clínica.

"Se a estes tres T unímoslles as barreiras de protección persoal e interpersoal, as medidas de limpeza e desinfección avaliadas polos máis altos estándares, e a formación constante, profesionalidade e compromiso de tódolos integrantes que formamos a clínica médicodental Pardiñas, poden estar seguros de que o risco de contraer a enfermidade nas nosas instalacións é case nulo", remarca o Doutor Pardiñas López, que se despide: "A odontoloxía sempre prestou especial atención á loita en contra das infeccións cruzadas e, desta volta, estamos preparados para asumir esa responsabilidade unha vez máis".