A Marea Atlántica, pese a ter firmado pactos de investidura co Goberno local e ter apoiado os orzamentos deste ano, foi o partido que máis crítico se amosou no pleno do pasado luns coa xestión do plan anticrise. Segundo a súa voceira, María García, as queixas se centran na falta de diálogo durante a negociación, en que o Goberno local cambiou propostas pola Marea e en que o PSOE dialogou de xeito preferente co PP.

Para García, aínda que lle parece "unha boa noticia" que se producise un acordo entre todas as forzas, considera "positivo" que se formule un plan e tamén e que o PP "se desmarque do que están facendo en Madrid", pero cre que o Goberno local "priourizou" a este partido na negociación, "e iso xa non nos parece tan ben".

Segundo García, a "interlocución preferente" co Partido Popular " ten un prezo nas medidas que se abordan, un peso máis conservador, que rompe ese eixo progresista que penso que debe guiar todo o mandato, tendo claros unha serie de principios e xustiza social e redistribución".

O que lle parece máis preocupante á Marea Atlántica é "a falta de negociación". De acordo con García, ao seu partido se lle presentaron "feitos consumados". Así, "foi unha xestión bastante atropelada, a documentación chegou moi tarde, se presentou o acordo na rolda de prensa sen ter acceso ó expediente, se ditaminou na comisión de Facenda sen poder revisar o expediente". Isto fixo que se atopasen "sorpresas", é dicir, cambios introducidos polo PSOE nas propostas que fixeran.

Unha delas é a dos bonos para incentivar o comercio, que "foron unha iniciativa da Marea, se ben moi posiblemente coincidente con outros grupos". Non se incluíu, na versión final, a "vocación redistributiva" e de apoio ás rendas máis baixas que tiña a proposta do grupo. Tamén se xestionarán a través da Federación Unión de Comercio Coruñesa (FUCC) e da Asociación Provincial de Hostelería, mentres que Marea apostaba por xestión directa por parte de Administración municipal.

Outro punto de desencontro é a retirada de partidas dos orzamentos participativos para financiar o plan de choque. Pese a que García defende que tiveron unha postura "flexible" e que entendían que había que baixar algunhas partidas, estas "non se negociaron" e afectan a cuestións de mobilidade que considera que "non tiñan moito sentido dar de baixa".

"Parece que hai unha certa teima en dar de baixa orzamentos participativos", engade a concelleira María García. O Goberno local apunta a que son proxectos que seria difícil executar este ano, e que se van tratar de completar antes outros que quedaron sen realizar de anos pasados, cando gobernaba a Marea. "Se houbo baixa execución nalgúns anos, ten que ver con que non aprobaban os orzamentos municipais", sinala a súa voceira.

Sobre o mantemento do apoio ao Goberno local nun futuro, do que dependen cuestións como a aprobación dos orzamentos de 2021 por estar o PSOE en minoría no pleno, García afirma que o seu grupo "é clave para aprobar políticas progresistas e de esquerdas", pero que "esa alianza hai que coidala cumprindo os compromisos adquirindo e recoñecéndonos mutuamente como interlocutores".

A falta de diálogo neste plan, cre, "non é o xeito de funcionar e o temos que dicir claramente. Non viñemos a dicir amén e si bwana, senón a indicar cales son as políticas de progreso".