08 de junio de 2020
08.06.2020
La Opinión de A Coruña

Blanco e Touriñán fan historia

Ofrecen a primeira obra teatral do país nunha emisión de pago na internet - 'Somos criminais' congregou na web a unhas 10.000 persoas de 47 países

08.06.2020 | 09:36
Carlos Blanco e Touriñán, nun momento da peza emitida o sábado á noite.

Os dous actores e cómicos galegos falaron de proxectos como a segunda parte de 'La Unidad'

O sábado 6 de xuño de 2020 vén de entrar a formar parte da historia do teatro galego da man de Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. A súa peza Somos criminais era retransmitida ás 22.30 horas a través de internet con entradas a cinco euros, convertíndose na primeira obra teatral do país ofrecida como emisión de pago na internet. O éxito veu dado polos 3.350 usuarios que mercaron o acceso. A produtora Ainé, a raíz dos datos dunha enquisa, sinalou que unha boa parte dos visionados fixéronse en grupo (a metade con dous espectadores e ó redor dun 30% con máis de dúas persoas) co que o espectáculo foi seguido por máis de 10.000 persoas.

O propio Touriñán e Blanco subliñaban ó acabar a peza, no coloquio que tamén se puido seguir vía streaming, os numerosos países dende onde se viu o espectáculo. Finalmente, foron 47 estados.

Ata a media tarde de onte, participara na enquisa de valoración do espectáculo a metade dos usuarios que mercaran o acceso. O 96,7% aseverou que si voltaría a ver un espectáculo de pago vía internet.

A única sombra da retransmisión -hai que lembrar que, primeiro, a obra foi gravada e despois editada; é dicir, non se ofreceu en directo- foi os erros que algúns espectadores tiveron na conexión nalgúns intres.

No coloquio, aberto vía redes sociais ó público, Touriñán explicou que a oferta de pago vía streaming da peza supón un xeito de darlle "unha vida extra ós espectáculos", ó tempo que se lle daba a posibilidade ós galegos no exterior de gozar dunha mostra do traballo teatral "que se fai en Galicia".

Na peza, Blanco e Touriñán foron dando vida a diferentes personaxes en gags nos que fixeron rir ó amosar situacións que poden levar a calquera a converterse nun criminal, sempre entendido como hipérbole. ¿Exemplos? Diferenzas á hora de conducir e encontronazos; loitas entre dous irmáns por unha herdanza; envexas entre veciños...

Tras esta fiestra de lembranza á idiosincrasia galega, cun gag final sobre o mundo do narcotráfico cun pequeno neno Laureano (Carlos Blanco) que pon a cabeza tola á súa nai (Touriñán), o equipo deu paso a un coloquio a catro, ó que se incorporaron o director da peza, Tito Asorey; mailo autor do texto, José Prieto.

Carlos Blanco aproveitou para anunciar que nesta semana empeza o seu proxecto de teatro nas residencias. Ó final, recibiu 300 solicitudes e escolleu 40. Recoñeceu que era "complicada" a iniciativa pero que ía "con moito respecto". Aproveitou para propoñer que se estableza un pequeno circuito por estes establecementos para que os nosos maiores teñan unha xanela ós espectáculos. Blanco tamén adiantou que en meses -seguramente a primeiros de ano- terá lugar a rodaxe da segunda parte da serie La unidad de Movistar, dunha unidade da Policía Nacional na loita contra o terrorismo yihadista.

Pola súa parte, Touriñán anunciou que a obra Fariña, na que actúa, se representará en xullo na Mostra de Ribadavia e en Madrid no outono; que participará nun filme de Portocabo con Miguel de Lira; ademais da terceira tempada de Pequeñas coincidencias de Javier Veiga.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es