A voceira nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, instou onte na Coruña a promover un "cambio real" e "galego" nas próximas eleccións autonómicas que poña fin "á maioría absolutista inútil" do PP. Para iso, pediu o apoio a un BNG "que non vai fallar na defensa de Galicia", segundo expuxo na presentación da candidatura nacionalista pola provincia da Coruña no entorno da Torre de Hércules.

Pontón reivindicou o apoio para un BNG "unido, cohesionado e fortalecido" o próximo 12 de xullo, no que aposta pola mobilización e, en particular, apelou aos mozos, pero tamén ás persoas "cansas de ver como nos esnaquizan Galicia" para solicitar o respaldo a unha candidatura da que destacou a súa "excelencia" polas mulleres e homes que a integran.

Na súa intervención, Pontón arremeteu contra o Goberno do Partido Popular, ao que reprochou non achegar "nada" a Galicia nin á Coruña. "A única obra que puido inaugurar nesta cidade é unha pasarela que xa houbo que reparar enseguida. Iso é un retrato da ineficacia e incompetencia da xestión de Feijóo", sinalou.

A candidata nacionalista remarcou que o goberno galego que aspira a liderar porá en marcha "medidas que dean futuro" a A Coruña e a Galicia, entre as que citou recuperar o pulso industrial para salvar o emprego de Alcoa San Cibrao ou de Alu Ibérica na Coruña.

Neste sentido manifestou que un goberno presidido polo BNG "apostará por nacionalizar Alcoa", unha petición que trasladou de novo ao considerar que é a única maneira de "salvar os empregos e a produción dun sector crave". No caso de A Coruña expuxo entre os seus proxectos "dar solución" aos terreos do porto interior e impulsar as conexións ferrovarias, ademais dun plan de revitalización do comercio local.

Ao seu carón, o tamén candidato pola provincia da Coruña Xosé Luís Rivas Mini asegurou, nun acto coa presenza do resto de candidatos e do portavoz municipal dos nacionalistas na Coruña, Francisco Jorquera, que o BNG representa "a volta que este país necesita". "Nada nos vai a parar neste camiño de servizo a Galicia", asegurou nunha intervención na que aludiu ás "vergoñas da sanidade roubada" e as "residencias negocio que mostraron na pandemia a peor cara das políticas do PP".