O 6 de abril de 1875 ingresaron no castelo de Santo Antón o cántabro Augusto González de Linares (29 anos) e o madrileño Laureano Calderón Arana (27), catedráticos, respectivamente, de Historia Natural e Química Orgánica na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Trasladóuselles á fortaleza coruñesa nunha lancha porque durante moito tempo se necesitou dunha embarcación para chegar a un edificio que foi utilizado coma prisión.

Reacción gobernamental e mitificación krausista

Os profesores opuxéranse ás medidas reaccionarias postas en práctica polo novo Goberno presidido por Antonio Cánovas del Castillo, nado do golpe de Estado que en decembro de 1874 acabou co Sexenio democrático e permitiu aos Borbóns recuperar o trono. Ese camiño cara atrás manifestouse na volta ao Ministerio encargado da Educación do integrista Manuel Orovio, quen suprimiu a normativa vixente e recuperou a de 1857. O ministro fixo público o 26 de febreiro un decreto e unha circular que pretendían restrinxir a "ilimitada liberdade" de que gozaba, segundo el, o profesorado, controlando os libros de texto e programas das materias e instando ás autoridades académicas á vixilancia dos docentes para que estes non expresaran críticas sobre o dogma católico ou a Monarquía. As protestas xeradas polas medidas provocaron a denominada "segunda cuestión universitaria", na que participaron activamente, entre outros, profesores de filiación krausista como os propios Linares e Calderón.

As circunstancias e razóns do encarceramento dos catedráticos de Santiago, sobre todo no caso do principal protagonista, Linares, foron presentadas dun xeito parcial e apoloxético polo seu círculo próximo, e recollidas así en moitas publicacións. Hoxe coñecemos a causa do seu envío a prisión, que a iniciativa da protesta foi autónoma, realizada co ánimo de agradar a Francisco Giner de los Ríos (o líder krausista), e que os afectados contaron coa solidariedade e axuda da familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa. Tamén sabemos que as represalias estiveron directamente relacionadas coa conxuntura política e non cun suposto labor modernizador dos docentes implicados nin coa difusión das ideas de Darwin por parte de Linares. Entre outras cousas porque este profesor era partidario nese tempo dun evolucionismo metafísico e criticaba o mecanismo evolutivo proposto polo naturalista inglés.

Os feitos

O 5 de marzo González de Linares e Calderón dirixiron ao Reitor da USC, o químico Antonio Casares, un escrito rexeitando o contido das disposicións ministeriais. Aludían a que estaban en contradición coa vixente Constitución de 1869, que no seu artigo 17 protexía a liberdade de expresión e no 27 admitía a liberdade de exercicio dos cargos públicos con independencia da relixión maioritaria en España.

O 30 dese mes, tivo lugar a reunión do Consello universitario da USC para estudar o caso dos catedráticos. A votación para solicitar ao Ministerio o afastamento da cátedra rematou nun empate (votaron a prol desa medida represiva o Reitor e decanos de Farmacia e Dereito e contra dela o decano de Medicina, director do Instituto e da Normal). O voto de calidade de Antonio Casares desempatou e determinou o traslado ao ministerio da petición de expulsión. O destacado químico estaba inmerso nunha operación persoal de achegamento ao novo Réxime político e optou polo castigo exemplar dos colegas disidentes, que en reunión posterior con el ratificaron a súa posición crítica.

En medio dese proceso sancionador, na madrugada do 1 de abril detiveron a Francisco Giner, catedrático de Dereito en Madrid, e trasladado en ferrocarril a Cádiz, onde foi encarcerado no castelo de Santa Catalina. Linares e Calderón remitiron un telegrama de queixa por ese apresamento á Presidencia do Consello de Ministros. Esa circunstancia, e non o escrito do 5 de marzo, foi a razón da súa detención pola Garda Civil ás 4 da mañá do martes 6 de abril e posterior traslado á Coruña. Diso informou El Diario de Santiago e tamén deu conta da nova El Ejemplo. Diario de La Coruña, medio conservador-alfonsino que no seu número do 8 abril comunicou a chegada dos profesores á cidade herculina.

De xeito parello, o mesmo 6 de abril reuniuse en Madrid o Consejo de Instrucción Pública para estudar a proposta do Consello universitario da USC de afastar definitivamente a Linares e Calderón das súas cátedras, o que foi aprobado por vinte votos fronte a catro. Unha Real Orde do 12 abril comunicou o cese.

González de Linares

A traxectoria vital e profesional de Linares estiveron moi condicionadas por dous elementos: o seu coñecemento da cultura alemá e a estreita relación con Francisco Giner, quen actuou como amigo íntimo, mentor e apoio decisivo nas súas actividades e preocupacións persoais e profesionais. O profesor cántabro era un home atractivo, culto, comprometido cunha visión progresista da sociedade, pero tamén indolente, desorganizado, caprichoso, con escaso interese e competencia na práctica científica.

A estadía en Compostela, iniciada en setembro de 1872, foi descrita en moitas ocasións como a incómoda experiencia dun profesor de ideas avanzadas rodeado dun ambiente provinciano conservador hostil. Hai algo de verdade nesa imaxe, porén Linares foi ben acollido por algúns colegas e os problemas que tivo con outros profesores e co alumnado non se limitaron aos sectores reaccionarios. De feito, amosou unha escasa disposición a integrarse na realidade local e un carácter soberbio e desafiante. A súa correspondencia con Giner amosa que desexaba volver canto antes a Madrid para recuperar o contacto cos amigos e. especialmente, con el.

Prisión no castelo e saída o 24

Á chegada á Coruña o 6 de abril Linares e Calderón foron levados ao Xulgado, que deu orde de traslado ao castelo de Santo Antón. Alí estiveron confinados dúas semanas e media, ata o 24 de abril. Do paso pola prisión existen escasos datos, extraídos da correspondencia persoal e da prensa, que falou pouco dun tema que era politicamente delicado. Unha excepción foi a crónica do correspondente na Coruña de El Diario de Santiago, quen o sábado 10 abril informaba da visita do día anterior aos presos. Contaba que a pesar do mal tempo dirixiuse ata o castelo pola tarde para saudalos e cumprimentalos e que os atopou "agradablemente ocupados en sus estudios". O xornalista, dun medio próximo ideoloxicamente aos detidos, pasou tres horas con eles e afirmou: "Aquí todos nos hemos condolido con la disposición del Gobierno con estos señores...apreciables y distinguidos profesores".

O 24 dese mes saíron do castelo, dato que recolleu El Diario de Santiago dese día, indicando que foran postos a disposición do xuíz compostelán de primeira instancia, quen os mandou ao cárcere local, onde recibiron visitas "por un gran número de personas". Dous días despois estaban libres, previo pago dunha fianza. Por unha carta remitida por Linares a Giner o 26 de abril sabemos dalgún detalle máis do acontecido, como a visita ao castelo de Santo Antón de Hernández, profesor de Latín do Instituto coruñés, e que os detidos estiveron 12 horas no cárcere compostelán.

Na ILE e a París

Tras a excarceración, Linares pasou uns meses en Santiago, impartindo algunhas clases particulares. O 23 de xullo marchou cara Lugo a ver a outro profesor desterrado, Nicolás Salmerón, e da cidade lucense viaxou a Coruña, onde colleu un barco ata Santander. Cesado e sen actividade laboral falou con Giner do seu futuro. O plan do mentor de crear unha "Universidad Libre " (o que despois sería a Institución Libre de Enseñanza", ILE) non lle atraía moito, pola contra, pediulle que fixera xestións para obter cartos realizando traducións; o seu desexo era irse ao estranxeiro. Giner presionouno para que lle botara unha man na posta en marcha da ILE e así foi, pero en 1880 o profesor cántabro marchou cara París, para "perfeccionar a súa formación científica". Juan Valera, diplomático e escritor, diría: "Va a París a estudiar, no solo la naturaleza, sino también los aditamentos y perfiles con que el invencionero espíritu humano ha ido hermoseándola y completándola... ver mundo, divertirse y conocer alguna gente de por ahí".

Coa familia Pardo Bazán

No seu período compostelán Linares estableceu unha interesante conexión coa familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa, que o apoiou. Emilia, quen casara en 1868 (con dezaseis anos), era unha muller nova que estaba nun momento de formación e definición do seu proxecto intelectual, do que a Ciencia non estaba excluída. Nese proceso o trato con Linares foi relevante e permitiulle acceder a unha figura como Giner; asemade, xerou unha intensa relación íntima entre a futura escritora e o científico cántabro, un "amor triste". Destes temas daremos conta nun futuro episodio.

*Historiador e divulgador da ciencia