21 de junio de 2020
21.06.2020
La Opinión de A Coruña

O 'neno bonito' dos Fugaz

O director Fran X. Rodríguez gaña o premio á mellor montaxe pola súa última curta, 'Beautiful Boy', coa que retrata o consumismo

21.06.2020 | 00:46
O director Fran X.Rodríguez, co cartel do seu filme.

A gala dos premios Fugaz, o festival co que CortoEspaña recoñece o máis destacado das curtas do Estado, emitiuse o pasado xoves en streaming. Moitos dos nominados pasaron aquel día fronte á pantalla, coas uñas un pouco mordidas e algún ser querido coa botella de champán arrefriando na nevera. Fran X. Rodríguez, director de Rianxo, non estaba entre eles. Do galardón a Beautiful Boy, o seu último filme, decatouse mentres rodaba en Cangas, nunha zona pobremente comunicada na que as felicitacións, como as raias de cobertura, chegábanlle a contagotas en forma de whatsApps.

O despiste, confesa, estase a converter nunha sorte de amuleto para o realizador. "Cando anunciaran aos nominados tamén me avisaron, porque tiña unha entrega e se me pasara. As boas novas sempre me collen traballando, así que ogallá continúen tanto elas como o emprego", di o creativo. O coruñés recibiu "con sorpresa" o premio do festival -no que arrasou Javier Fesser-, non só "polo nivel", senón pola categoría: a mellor montaxe. Recoñece que a súa peza mistura con tino "varios códigos distintos", pero que foi tamén un dos maiores obstáculos á hora de artellar á narración.

Rodríguez tivo a idea da curta cando estaba a piques de cumprir 37 anos, xusto como o protagonista, un coleccionista obsesivo "moi aferrado á súa nai". A súa historia "de fatalidade" -reflexo "do consumismo ao que estamos abocados"-, rodouse en tres longas fases nas que o director chegou a cumprir os 39. Na primeira delas reuníuse aos actores, na segunda graváronse bodegóns e, na terceira, planos urbanos que o coruñés roubaba polas rúas. Cando se chegou á ensamblaxe final, porén, a frustración dun proceso tan vagaroso elevouse ao cadrado, pois era o intre da "gran anécdota": desaparecera "unha secuencia bastante importante" para a comprensión da trama.

"Era inviable convocar de novo ao equipo, así que tivemos que darlle á cabeza. Houbo que mudar o guion, aínda que non a historia", lembra o artista. Para rematar a peza, o director serviuse da súa bagaxe ao fronte da empresa Kaito Estudios, na que fai desde hai un ano spots para marcas coma Movistar + . "Unha curta é coma un anuncio. Arranca co conflito,e apela en pouco tempo aos sentimentos", sinala.

Malia o seu gusto polo xénero, di que non descarta o salto á longametraxe, aínda que reclama a revalorización da curta nun sector que adoita vela máis coma un chanzo que coma un fin. "Nunca perdeu ese estigma de ser o irmán pequeno, os grandes directores non destacan por ter grandes curtas. Falta moito apoio para este tipo de formato", lamenta.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es