Ata hai ben pouco, un alumno gay, unha estudante lesbiana ou unha nena transexual que rematase a súa formación cun bo recordo da súa etapa na escola ou no instituto constituía toda unha rareza. Certos entornos educativos distan moito, nos nosos días, de representar espazos seguros para os nenos, nenas e adolescentes do colectivo Lgtbi, unha realidade dolorosa, xa que moitos non atopan o apoio que precisan tampouco nos seus propios fogares.

Froito deste despropósito que nos acompaña aínda hoxe como sociedade, un grupo de docentes galegos constituiron, a finais do ano pasado, a Rede Educativa de Apoio Lgtbiq+ decididos a introducir nas aulas esa asignatura pendente que era a formación na diversidade. Formar, normalizar e brindar apoio son os principais obxectivos da rede, que traballa, a través de obradoiros, exposicións e outro tipo de actividades, para que a visibilidade ocupe o lugar que lle corresponde dende hai xa demasiado tempo.

"A lexislación obriga a falar de diversidade nas aulas, e non se está facendo. A Xunta debería supervisar, poñer os medios e a formación. Os docentes teñen medo a meter a pata", asevera a vicecoordinadora da rede, a coruñesa Noemí Díaz, quen, pola súa banda, predica co exemplo nas súas horas lectivas. E tamén, se é preciso, (que o é) nas non lectivas.

"Temos un grupo, Iguais na diversidade, que empezamos facendo unha asemblea semanal no recreo. Á primeira viñeron 250 alumnos. Hai moito que facer, o profesorado ten que sentirse a gusto, e para iso ten que estar formado", relata Noemí Díaz. A formación que propón a rede é transversal e integral. Dista moito de estar pensada para ocupar un par de horas de obradoiros ao curso: a historia do colectivo Lgtbi é historia mundial, e así debe explicarse.

"Se un profesor de ciencias fala da primeira muller que foi ao espazo, terá que dicir que era lesbiana. Hai que conmemorar todas as datas relacionadas co colectivo, como se conmemoran as datas clave para a loita feminista", propón.

A rede veu a luz nun momento no que o clima político aconsellaba todo o contrario, e, ao mesmo tempo, evidenciaba que un organismo coma aquel tíñase tornado, co avance dos tempos, nunha necesidade. "O do pin parental foi duro. Dende a rede denunciamos que estaba a chegar propaganda e panfletos da extrema dereita ás escolas e ás ANPAs", explica a docente.

Porén, a resposta das familias á introdución deste tipo de contidos no currículo discorre polo vieiro contrario. É unha cuestión de coherencia. "Todo o publicamos na web do instituto e nunca recibimos unha mala palabra. As familias falan da sorte que teñen os nenos de ter profesoras tan abertas".