Alejandra, de 11 anos, é unha nena feliz. Débelle parte ao seu propio aplomo é á súa vontade inquebrantable de atreverse a ser quen ela sempre foi. Mais outra vertente importante do proceso polo cal Alejandra leva hoxe unha vida plena é responsabilidade da súa familia, dos seus pais, que souberon, dende o primeiro momento, comprender, escoitar e, o mais importante, acompañar á súa filla. "Dende que soubo expresarse, Alejandra xa nos foi deixando sinais de que era unha nena, pero non sabía verbalizalo. Cando o fixo, non nos sorprendeu", lembra Pili Fonte, a súa nai. Pasados tres anos dende aquel gran paso, esa nai continúa a loitar pola felicidade desa filla, dende asociacións como Chrisallys, composta por familias de menores trans, ou valéndose dos seus propios medios, recursos e esforzos. "

Un talante activista que herdou a pequena e que forma parte do seu día a día, no que segue os pasos de mulleres referentes coas que ten a sorte de medrar e aprender. "A miña filla é moi activista, é consciente da loita que levaron a cabo outras persoas do colectivo. Coñece e admira a mulleres trans como Elsa Ruíz, Carla Antonelli ou Ángela Ponce", explica.

Malia que o apoio familiar é fundamental do desenvolvemento e a realización das crianzas trans, o entorno educativo xoga unha parte importante no proceso, polo que o comportamento da comunidade estudantil debe ser exemplar nestas situacións, algo imposible de acadar sen empatía ou formación.

Unha sorte que, por desgraza, non acompañou a Alejandra no momento no que decidiu dar o paso de visibilizarse na escola. Pili Fonte, como nai á que lle doe a súa filla, amosa un descontento , que lle custará esquecer cara o persoal do colexio onde Alejandra rematou quinto e sexto, incapaz de comprender a súa vivencia.

"Cando Alejandra foi á escola vestida como Alejandra, nin a titora nin o equipo directivo foron quen de explicar ao alumnado o que estaba pasando. Ela chegaba chorando a casa todos os días porque non a crían", relata. Tiveron que ser Pili Fonte, nai incansable e indignada, e a propia Alejandra, as encargadas de explicar a situación aos seus compañeiros de clase e ás súas familias. Agora loita porque non se repita: "A formación ten que implicar a toda a comunidade, dende o persoal de administración ata os docentes, pasando polo estudantado e as familias".