De entre os case 100 docentes que compoñen o claustro do instituto Eusebio da Guarda, só hai unha profesora abertamente lesbiana. A Noemí Díaz non lle cadran as contas. "Nin sequera o profesorado se sinte seguro para visibilizarse. Como pode ser que non haxa ninguén máis no meu centro? As persoas homosexuais representamos un 10% da sociedade", reflexiona ela. Como vicecoordinadora da Rede, o de crear espazos seguros nos centros educativos para que o propio profesorado dea o paso de rachar co armario é un dos obxectivos fundamentais.

Non lle fai falla ocultar a súa orientación aos seus alumnos e alumnas, todo o contrario: educar dende a súa propia visibilidade é o mellor xeito de borrar prexuízos e estigmas. Tamén de loitar contra a lacra do acoso escolar. "A rapazada é inocente, moitas veces din o que escoitan na casa. Ás veces utilizan gay ou lesbiana como insulto. Aí é cando hai que atallalo e normalizalo, e dicir, 'mira, eu son lesbiana, que pasa?'", sinala.

Fala dende o exemplo e dende o compromiso: "Eu, como adolescente lesbiana, pasei por iso". Incide na necesidade de crear referentes de cotidianidade, capaces demostrar ao alumnado que realidades como a súa non están tan lonxe. "Os referentes do colectivo non teñen por que ser persoas famosas, hai que crear referentes próximos: a túa profesora, o teu primo, o señor que che vende o pan", relata.

Destaca, á marxe de que sexan os integrantes do colectivo Lgtbi os que leven a batuta, a necesidade de que o profesorado heteroaliado comparta o camiño e abrace o compromiso. "Dos oito docentes que formamos o grupo que prepara as asembleas semanais, só eu pertenzo ao colectivo. É importantísimo que todo o claustro se implique, é unha loita de todos, sexan Lgtbi ou heteroaliados", asevera.