Nun episodio anterior prometín tratar a relación de Augusto González de Linares coa familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa, especialmente coa escritora coruñesa, malia á hora de poñerme a escribir pensei que sería útil saber algo máis dese científico, catedrático de Historia Natural na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela entre 1872 e 1875.

No núcleo krausista

Linares rematou os seus estudos universitarios en Ciencias Naturais en Madrid (1866). Na capital entrou en contacto co grupo krausista, en especial con Francisco Giner de los Ríos, líder do movemento e catedrático de Filosofía do Dereito, unha persoa culta, interesada por temas variados (Literatura, Ciencia, Estética, Educación, Ética, etc.), con enorme vocación e capacidade para actuar como titor e coordinador de iniciativas. Linares converteuse nun dos seus amigos e colaboradores máis próximos.

O krausismo español tivo a súa orixe no labor do profesor Julián Sanz del Río, quen espallou a obra de Karl Krause, baseada na Filosofía Natural alemá de finais do século XVIII. Alén do contido da súa proposta filosófica, os krausistas traballaron a prol dunha modernización do mundo intelectual e educativo. No plano político, identificáronse coas posicións progresistas moderadas e buscaron manter estreitas relacións co poder. Apoiaron o cambio producido en 1868 e tiveron protagonismo nas propostas educativas, mais perderon presenza na segunda parte do Sexenio e, sobre todo, coa chegada da Restauración en 1875. Pero volverían con forza á escena pública en 1881, coa chegada dos liberais ao goberno. Nas décadas seguintes, ata 1939, exercerían un papel relevante na institucionalización da Educación e a Ciencia en España, coa Institución Libre de Enseñanza e a Junta para Ampliación de Estudios como ferramentas destacadas.

Chegada a Compostela, un carácter peculiar

Linares chegou a Santiago con 27 anos e iniciou a súa actividade docente en setembro de 1872. O profesor cántabro comezou animado, estudou Química mineralóxica e acudiu ás clases de Anatomía de Francisco Romero Blanco e de Química de Antonio Casares. A pesar da súa sensación de soidade, mantivo frutífero contacto con varios colegas e persoas do mundo académico compostelán. Traballou no microscopio co futuro catedrático de Fisioloxía Ramón Varela de la Iglesia, tratou con Maximino Teijeiro, influínte catedrático en Medicina, e con Francisco Sobrino, director da Escola Normal local. Tamén co seu brillante alumno, José Rodríguez Carracido, Ramón Hermida Romero, licenciado en Ciencias que impartía Matemáticas desde 1870 no Instituto, e Laureano Calderón Arana. Nese período estaba ben activo en Compostela outro sector do progresismo, o republicano, no que destacaba un colega de Linares, Esteban Quet, catedrático en Farmacia. De feito, en 1873 a cidade acadaría a Alcaldía da man do republicano José Sánchez-Villamarín. A conexión con ese grupo non tivo lugar por enfrontamentos políticos, en 1872 Quet competiu electoralmente fronte o filokrausista Eugenio Montero Ríos.

O novo profesor tivo problemas co alumnado pola severidade nas cualificacións e pola súa docencia e recibíu algún anónimo: "Odiamos las doctrinas e ideas de V. que son heréticas y condenadas por la doctrina de Jesucristo. Aborrecemos a Kant (escrito Kan)". Fronte o mal comportamento e ameazas amosouse belixerante; contou, fachendoso, a Giner como un alumno se burlou del na aula e "lo agarré con la derecha y de un empujón le hice salvar la distancia de la cátedra al Claustro"; a cousa seguiu e "pensé en molerle las costillas si lo hallaba". Recibiu ameazas e un anónimo que atribuiu a ese alumno, buscouno e "tan amilanado se puso que juzgué que era inadecuado estropearlo a puntapiés". Finalmente averiguou que a carta anónima procedía dun crego resentido con el, polo que escribiu que a ese "curita...varias veces he estado próximo a descuartizarlo". Nesa liña violenta ten outros comentarios, como, por exemplo, o referido ao profesor de Dereito mercantil, Ramón Ramiro Rueda Neira, con quen tivo un enfrontamento e de quen lle di a Giner, "el buen hombre conoció que era un poco desagradable exponerse a la percusión de una onza de plomo". Unhas expresións indicativas dun carácter que o seu propio alumno Carracido recoñeceu como "fogoso".

Ética e recomendacións

Os krausistas, e de xeito especial Giner, fixeron fincapé na importancia dun comportamento ético exemplar. Nesa liña, Linares queixouse de certos hábitos na universidade compostelá, mesmo de manexos do reitor Antonio Casares. Tamén ese foi o motivo inicial da disputa co catedrático Rueda. Porén, esa pulcritude ética só a aplicaban Linares e Giner para as persoas alleas. Así, por exemplo, pediu ao mentor que intervira a prol do amigo e correlixionario Ramón Varela favorecendo que se convocara unha oposición: "Haga Vd. porque salga la de Fisiología de Granada. Varela está necesitándolo con urgencia". Noutro momento pídelle que lle solicite a José Moreno Nieto, Director xeral de Instrución Pública a prórroga dunha licencia de Varela: "haga que M. Nieto la decrete". Ou fai alusión a outro caso: "No recomiende V. al recomendado de Varela (mayor) para Juez, no lo merece". Ou sexa, observamos o funcionamento da moi humana dobre vara de medir: comprensivo cos meus, crítico cos demais. A propia carreira profesional de Linares sería incomprensible sen o apoio do influínte Giner.

O desexo de volver a Madrid

Por momentos semella que Linares non podía soportar máis a estadía en Santiago e tentou de que Giner lle facilitara o acceso a Madrid, explicándolle, con escasa modestia, que estaba preparado para calquera posto e especialidade: "V. comprende que la cultura general mía en Ciencias Naturales me permite en poco tiempo hacer muchísimo", e repasaron as opcións, Museo de Historia Natural, Xardín Botánico, Facultade de Ciencias. Nese contexto, a chegada en 1874 do amigo Laureano Calderón á Faculdade de Farmacia debeu animalo bastante. Nesas datas, prevendo unha estadía máis longa en Galicia, proxectou a que podería ser a primeira Estación de Bioloxía Mariña española en Marín (Pontevedra).

Unha conferencia sobre evolucionismo

No paso por Compostela de Linares ocupa un lugar destacado a conferencia que impartiu sobre o evolucionismo (fins de 1873). O profesor cántabro pasou á historia como difusor do darwinismo fronte a un ambiente retrógado e hostil na Academia de Medicina. Cómpre matizar esa versión. O catedrático falou nun acto dunha academia escolar, unha reunión de alumnos da súa facultade. Carracido dixo que o seu mestre amosouse partidario da evolución e non dispoñemos de máis referencias directas pero si dunha indirecta ben relevante, o contido dun traballo de Linares publicado nesas datas, 1873: Ensayo de una introducción al Estudio de la Historia Natural. Nel alude ao darwinismo de forma marxinal e no contexto da súa visión organicista da Natureza, un evolucionismo metafísico dependente da perspectiva especulativa da Filosofía natural alemá. Unha concepción anacrónica do evolucionismo que deixaba fóra os mecanismos que a propiciaban. Iso non exclúe que desde o punto de vista do debate ideolóxico a intervención do profesor fose innovadora polo tema tratado e por ter lugar no seo dunha universidade que se resistiría ás ideas evolucionistas durante moitas décadas.

O "plan de Historia Natural"

Unha actividade central de Linares no seu período galego foi a xestación do que denominou "plan de Historia Natural", que atoparía unha primeira e significativa concreción no folleto que indicamos, o Ensayo. O "plan" era un ambicioso intento de integrar e ordenar as novas teorías biolóxicas no marco teórico do krausismo, cara a xerar unha identidade intelectual que servira como elemento clave na promoción intelectual do grupo. Nesa estratexia traballaron varios discípulos baixo a dirección de Giner, especialmente Linares, mais tamén Enrique Serrano Fatigati (daquela profesor de Física e Química no Instituto de Coruña) e os irmáns Calderón Arana.

Linares-Giner pretendían, asemade, que o folleto servira de fundamentación científica do krausismo fronte outras correntes filosóficas competidoras. O modelo conservador, a escolástica, estaba derrotado intelectualmente, por iso os krausistas dirixían as súas principais críticas a outras alternativas modernizadoras, a positivista e a materialista. A diferencia desas propostas, o profesor cántabro coidaba que a Natureza non se reduce a materia polo que concluía que non era posible un coñecemento completo desta por medio dos sentidos e incorporaba consideracións alleas ao feito experimental, uns principios metafísicos que condicionaban a experiencia. Este enfoque levaría a unha vía morta nos anos seguintes, polo que os científicos krausistas mudaron de perspectiva achegándose ao positivismo, se ben Linares persistiu no organicismo.

Este catedrático novo, culto, coñecedor do alemán, de Filosofía e de Ciencia, progresista, ben relacionado con sectores influíntes, guapo, polémico, de carácter "fogoso", chamou a atención de Emilia Pardo Bazán cando esta tiña pouco máis de vinte anos.