O Covid puxo contra as cordas ao sector da cultura, que decidiu unir forzar para trasladar as súas reivindicacións ao Concello e idear novas liñas coas que dinamizar o tecido da cidade. Preto dunha trintena dos seus promotores -pertencentes a ámbitos como a música, as librarías, o audiovisual ou as artes escénicas- reuníronse onte en Méndez Núñez para presentar VAI, "un colectivo informal", según indican os seus organizadores, que pretende "aglutinar ao máximo número de traballadores" do eido e facer da Coruña "de novo unha cidade viva culturalmente". Entre os seus obxectivos está o desenvolvemento "de metodoloxías constructivas coas administracións" e a blindaxe dunha "práctica cultural xusta". "Atopar respostas" a anómala situación provocada polo virus é outro dos eixos sobre os que traballará o grupo, que reclama "o apoio explícito de todas as institucións" e unha programación estable que sirva "de colchón" durante o verán.

A encargada da libraría Lume, Paula Veira, e o actor de Caramuxo Teatro Juan Rodríguez foron os encargados de pórlle voz a estas demandas, coa lectura dun manifesto á que asistiron políticos de distintos grupos municipais como Diana Cabanas e Juan Ignacio Borrgo (PSOE), Iago Martínez (Marea) ou Mónica Martínez (Grupo Mixto). "Co termo VAI queremos transmitir que é o momento de estar xuntos e cunha dirección de futuro. Agardamos que sexa un día histórico para a cultura da cidade", indicou o intérprete. O primeiro paso de grupo será a creación dunha serie de mesas de traballo das distintas pólas artísticas, que esperan que teñan o seu reflexo no Concello. O colectivo pide "unha mesa da cultura onde se nos escoite e poidamos presentar as nosas propostas", e asegura "botar en falta" que tanto o Executivo local como o autonómico conten con eles desde o inicio.

"Teño a percepción de que se volcan unhas propostas e que logo se traballan con nós, pero pedimos que iso se faga desde o principio.Tamén demandamos que se teña en conta aos creadores no caso de que se aplace unha actividade por rebrote", explica Rodríguez.O artista pon como exemplo o San Xoán, para o que asegura que deron "moitas alternativas ao Concello", pero que este as descartou "polas dinámicas que se deron a nivel de cambios nas concellerías". "Iso colleu ao Executivo a traspés á hora de organizar unha actividade con tempo", afirma o actor, en referencia á baixa por maternidade de Diana Cabanas, que obrigou a delegar Turismo e Festas no edil de Deportes, Juan Ignacio Borrego.

De cara ao resto de celebracións do verán, o colectivo pide "unha programación de apoio á música e ás artes escénicas", e que o Concello "faga un esforzo" para artellar o Festival Noroeste e o de María Pita. Segundo informan desde o grupo, algúns axentes culturais trataron xa a cuestión coa concellería de Cultura e Festas pero, malia que hai "unha boa disposición", aínda -di Veira- "falta para chegar a un acordo". En canto as mans xa tendidas, como as axudas culturais, a entidade afea os tempos nos que se materializan. Denuncia que as administracións son "moi lentas" e que algunhas "van chegar ás empresas a final de ano".

A Feira do Libro, sen "esencia"

Xunto a Viñetas desde o Atlántico, un dos poucos festexos confirmados para este verán é a Feira do Libro, prevista do 1 ao 10 de agosto. Pero o sector libreiro de VAI advirte que a presenza das tendas de libros aínda está en proceso de decidirse. Desde Lume, Paula Veira asegura que moitas "non saben se van participar" porque "as medidas de seguridade son moi grandes" e a celebración "perde a esencia". Entre os cambios provocados polo coronavirus, a encargada cita a ausencia de presentacións e a "centralización" das firmas, que este ano non se farán nas casetas.