Inés Cebreiro é Graduada en Educación Infantil e estuda un mestrado en política social pola rama de xénero, que se especializa en políticas de igualdade. Xa fora na lista da Marea Atlántica nas eleccións municipais, pero non en postos de saída. Na cita autonómica deste domingo é o número 5 da candidatura de Galicia en Común, un feito que recoñece como "un orgullo".

Como está a levar esta campaña marcada pola alerta sanitaria?

Está a ser unha campaña moi atípica e, para nós, aínda máis, porque a base do noso traballo en campaña sempre foi estar na rúa e, nestas condicións, fáisenos máis difícil achegármonos á xente. Accións como as dos repartos xa quedan descartadas. Mentres que Feijóo está na tele todos os días, nós, que non temos eses altofalantes, temos encontros con colectivos,que están a ser moi produtivos.

Cales serían, en clave de cidade, para Galicia en Común os temas máis importantes se, finalmente, consegue ter capacidade de gobernar na Xunta?

Non podo deixar de facer referencia ás promesas incumpridas de Feijóo para a nosa cidade. Nos últimos catro anos, o maior investimento da Xunta na cidade foi a pasarela de Marineda e non tiña nin seis meses e xa tiveron que parcheala. É un exemplo de como están a tratar a cidade. Hai outras problemáticas, como o desenvolvemento da área metropolitana, a intermodal, por suposto, as políticas de corresponsabilidade e coidados, que creo que son as que, actualmente, máis preocupan polo impacto que teñen na vida da xente, a transformación dos peiraos interiores... Feijóo aprobou o copago da axuda a domicilio, que é un servizo esencial para coidar as persoas maiores e dependentes e para as súas coidadoras, que sofren unha gran carga. As listas de agarda son tremendas. Hai que falar dos centros de día de maiores, tamén da carencia de prazas públicas en residencias. É intolerable que teñamos que ir visitar as nosas avoas a Lugo, e o 77% das prazas son privadas. O único investimento que imos ver na cidade é o da residencia de Eirís, que non é unha obra da Xunta senón da Fundación Amancio Ortega.

As enquisas, polo de agora, non lles son favorables...

Cando falamos de enquisas temos que ser conscientes de que non atinan nunca ao 100%. Nos últimos anos houbo unha maioría social que agora é a que se agrupa nesta candidatura e que é a que máis está a perder con estas políticas de expolio do PP e a que vai saír reforzada co cambio de Goberno. Recolle pluralidade e a experiencia de goberno das mareas municipalistas. Estamos en condicións de construír un Goberno de progreso en Galicia.

Pódese dar logo unha réplica do Goberno do Estado na Xunta, con protagonismo tamén do BNG?

Claro que si. Estamos dispostas a poñer todo da nosa banda para que sexa posible este cambio de destino político na Xunta. Basta xa de privatizacións e recortes. Farémolo con quen faga falta e co PP non vai ser.

E pódese trasladar tamén a María Pita?

O PSOE da Coruña non representa, por sorte, ao conxunto do socialismo galego. O PSOE decidiu gobernar en minoría e a Marea demos todas as facilidades que non se nos deron a nós no noso mandato. O PSOE está a incumprir tres de cada catro acordos asinados. A situación é insostible. O futuro non está escrito, pero non creo que se poida replicar. O PSOE ten que reflexionar e cumprir o pactado. A cidadanía o que precisa é que se resolvan os seus problemas. Pedímoslles que dialoguen con lealdade coa forza política á que lle debe a Alcaldía e os orzamentos, que é a Marea. Parece que non descartan a outra opción, que é o PP.

Visto o rebrote na Mariña de Lugo, como cre que afectará á participación?

Facemos un chamado á mobilización o domingo. Obviamente, a situación da Mariña é preocupante, sobre todo, porque o número de casos é maior ao que se nos dixo ao principio. O PP trataba de que parecese que era menor. Gustaríanos saber que criterio sanitario se usa para decretar unha corentena de cinco días. Está a xogar coa saúde pública. A participación é o único xeito de conseguir un resultado que remate cos anos escuros de Feijóo.