"Chegas a Lugo cunha tarxeta de embarque, atravesas a máquina do tempo e, ao volver ao presente despois dunhas horas, pregúntaste: isto pasou de verdade?". Así describe o director da produtora de experiencias Microsoños, Iago de Sant, a sensación coa que se quedan todos os que participan en O Camiño Inmersivo, unha nova forma de ocio que traslada a aquel que atravesa a "máquina do tempo" a unha época remota, na que se converte en protagonista da súa propia historia.

Esta semana Microsoños lanzou unha campaña de micromecenado na plataforma Goteo chamada Construír unha máquina do tempo para seguir adiante con esta iniciativa, que se realizará en diversos puntos da xeografía galega, concretamente en aquelas vilas que atravesa o Camiño de Santiago. "Esta experiencia tamén é unha forma de que a xente redescubra a beleza de Galicia e a do seu propio pobo", conta o lucense De Sant, que tamén recorda que o proxecto se enmarca na promoción do próximo Xacobeo 2021.

O concepto do que parte O Camiño Inmersivo é o das Filmersións, unha nova forma de facer cine que ten por obxectivo que os espectadores sexan tamén actores dentro da historia, e que se sintan completamente inmersos na mesma grazas á ambientación, aos actores profesionais que os guían e á recreación histórica. A experiencia, na que poderán interactuar con todos os elementos e improvisar para determinar o seu rumbo, se gravará cun enfoque cinematográfico para crear, finalmente, un filme inmersivo que se proxectará en cines. "Cada inmersión se adapta á vila na que se realiza e aos participantes, e as historias baséanse nas nosas idiosincrasias e lendas. Polo tanto, as experiencias son personalizadas e para grupos reducidos", engade o director.

Non haberá dúas inmersións iguais, pero a historia sempre xirará arredor das lendas da ruta xacobea e os participantes terán o mesmo obxectivo: viaxar ao pasado da súa vila coa misión de axudar aos personaxes que encarnan os actores a emendar erros que terán repercusións fatais no presente. De Sant adianta que serán uns extravagantes científicos os encargados de guiar ao grupo, pero o resto de detalles son un segredo, xa que hai que asegurar que o que hai máis aló da máquina do tempo sexa un auténtico misterio para os participantes. "Para vivir esta experiencia hai que colaborar no micromecenado con 35 euros. Así obtés a tarxeta de embarque para participar e, dende ese intre, o xogo comezará dende a distancia a través das redes sociais. Así entras pouco a pouco no concepto de inmersión", detalla.

O gran desafío que se lle presentou a De Sant á hora de facer realidade este proxecto que leva xestando dende o ano 2007, foi o de gravar unha experiencia baseada na improvisación do grupo, algo que o seu equipo conseguiu despois de varios anos dedicándose ao cine improvisado: "Trátase de adaptar as cámaras á historia, e non ao revés". O director sinala que esta experiencia é única en España, aínda que menciona que, no que á sensación que viven os participantes se refire, el non inventou nada. "Realmente trátase de facer o mesmo que facíamos de nenos. De pequenos, nos imaxinábamos que éramos astronautas en Marte, pero non actuabamos, simplemente o éramos. Nesta experiencia, vólvese a trasladar ese sentimento aos adultos grazas á inmersión", asegura.

Microsoños xa realizou dúas Filmersións o ano pasado nos concellos de Verín e A Rúa, e conta De Sant, a reacción da xente foi "sorprendente". "Participaron todo tipo de persoas: homes e mulleres maiores, rapaces, nenos e nenas... Foi algo único para todos. En Verín as entradas esgotáronse de inmediato, e en A Rúa duplicouse a venda e tivemos que facer dous pases", comenta o director. Este ano está previsto que a máquina do tempo se traslade a Baleira en agosto e a Lugo a mediados de setembro, pero o director afirma que están "abertos a facer máis". O Covid-19 non sería neste caso ademais un impedimento. "Estamos loitando por este proxecto para que Galicia se identifique aínda máis coa innovación, pero tamén porque isto é unha fonte importante para facer persistir a cultura na situación que estamos a vivir, xa que nesta experiencia os actores se asegurarán de manter as medidas de seguridade entre os participantes integrándoas na propia historia, sen necesidade de recordar ao virus", conclúe.