A Coruña aínda ten 102 símbolos franquistas e 30 corresponden a rúas, retratos e distincións a alcaldes da ditadura. O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha declaración institucional o 18 de xullo de 2016 que falaba de "eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos". O Pleno da Deputación da Coruña, Presidencia do PSOE, acordaba "instar aos concellos da provincia a eliminar os restos de simboloxía franquista, distincións a golpistas e franquistas". Non hai dúbida de que os alcaldes ou alcaldesas de 1936 a 1979 son referentes e dirixentes da ditadura franquista. Isto é o que se fai noutros moitos concellos.

Ferrol. A proposta do PSOE, o pleno de xullo de 2018 acordaba a retirada dos retratos de sete alcaldes da ditadura.

Paterna (Valencia). Acordou en decembro de 2015 e co apoio do PSOE, retirar os cadros dos alcaldes franquistas.

Bilbao. O pleno de febreiro de 2014, co voto de PNV e PSOE, declaraba como "ilexítimos" os alcaldes nomeados durante a Guerra Civil e a ditadura e acordaba habilitar "un espazo para la memoria contextualizada del ayuntamiento" onde os retratos deses alcaldes están diferenciados do resto.

Ponferrada. O PSOE pedía en decembro de 2017 a retirada dos retratos dos alcaldes franquistas porque é "un bochorno".

Sestao ( Biscaia). Retirou en 2015 a distinción de Fillo Predilecto a Jesús Sainz Planillo, alcalde na ditadura.

Barcelona. O pleno de abril de 2018 acordaba retirar a Medalla de Ouro a Miguel Mateu Pla, alcalde na ditadura.

Madrid. Retiraba en 2017 a distinción de Fillo Predilecto a Carlos Arias Navarro, alcalde na ditadura. Eliminaba tamén a avenida Conde de Mayalde, alcalde na ditadura (1952-1965) e a glorieta Cirilo Martín Martín, alcalde de Aravaca na ditadura cando tiña concello propio.

Cádiz. Eliminaba en 2017 a avenida Ramón de Carranza, alcalde na ditadura. Retiraba tamén os retratos de oito alcaldes da ditadura, situados na escaleira nobre do concello, varias placas con referencia a Ramón de Carranza e unha escultura na galería nobre do concello. Foi retirada a escultura e a placa onde naceu José León de Carranza Gómez-Pablos, fillo do anterior e alcalde na ditadura, así como unha placa de gratitude do padroado de vivendas de Sagrada Familia e unha escultura coa inscrición: "Cádiz a José León de Carranza, alcalde de esta ciudad".

Badaxoz. A deputación, Presidencia do PSOE e despois de catalogar en 2017 un total de 253 símbolos franquistas na provincia, comunicaba ao concello de Badaxoz que debería cambiar os nomes das rúas de catro alcaldes na ditadura.

O Barco de Valdeorras. O pleno de outubro de 2019 aprobaba por unanimidade unha moción con referencia á represión franquista na comarca: "Informa ao Concello da Coruña sobre os feitos acaecidos ao remate da guerra civil en terras de Valdeorras e nos que participou o tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano" (alcalde da Coruña). E falaba de "promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade".

Cidade Real. A Xunta de Goberno Local (alcaldesa do PSOE), cambiaba en febreiro de 2018 a rúa José María Aparicio Arce, que foi alcalde de Alcázar de San Juan na ditadura.

Valencia. O pleno de xullo de 2016 retiraba a distinción de Alcalde Honorario a Adolfo Rincón de Arellano, alcalde na ditadura.

Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Málaga, Bilbao, Zaragoza, Cádiz..., sempre co voto a favor do PSOE, non conservan rúas, placas, monólitos ou distincións a alcaldes e alcaldesas da ditadura. Por que A Coruña vai ser diferente?

Manuel Monge foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011