En episodios previos falamos de Augusto González de Linares, quen ocupou a cátedra de Historia Natural da Universidade compostelá entre setembro de 1872 e o verán de 1875. Hoxe imos analizar a relación deste científico coa familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa.

Momentos previos, a batalla polo título nobiliario

En xullo de 1868, con dezaseis anos, casou Emilia Pardo Bazán na posesión de Meirás con José Quiroga, de dezanove. Tras a apresurada voda a parella pasou a vivir en Compostela, onde o mozo estudaba Dereito. Pouco despois, en xaneiro de 1869, José Pardo Bazán saíu elixido deputado nas Cortes Constituíntes da man do Partido Progresista e a familia (José, Amalia Rúa-Figueroa, Emilia e Pepe Quiroga) marchou cara Madrid. Mais o parlamentario axiña abandonou as ringleiras progresistas e a súa acción nas Cortes estivo dirixida a defender os intereses temporais daquela Igrexa española. Concretamente, manifestouse a prol de que só fose legal o culto católico e, cando, a raíz das declaracións do arcebispo de Santiago favorables aos insurrectos carlistas, o Congreso votou un suplicatorio, opúxose. Ese comportamento obtivo unha inmediata recompensa. O 13 de xuño de 1871, o Papa Pío IX asinou a concesión do título de conde pontificio para José Pardo Bazán. Polo medio, houbo unha doazón deste á Igrexa e arduas xestións co propio arcebispo compostelán.

O retiro forzado da política institucional tivera lugar ese mesmo ano, nas eleccións de marzo José Pardo presentouse sen filiación partidista e non saíu elixido. Fóra do Congreso, pasou por un período en Madrid no que desenvolveu un dobre xogo político, por unha banda o exdeputado e a familia animaban a conspiración reaccionaria fronte a Amadeo de Savoia e, pola outra, el negociaba coa contorna do monarca a autorización para o uso en España do título condal. Emilia formou parte da oposición frontal dunha parte substancial da aristocracia española ao novo rei, as "damas brancas" que realizaban exhibicións de españolismo fronte ao rei "estranxeiro", levando mantillas brancas con flor de lis as partidarias do futuro Alfonso XII e con margaridas as favorables ao pretendente carlista, como fixo ela.

Unha parella carlista

Co título baixo o brazo, a familia retornou a Galicia. Emilia estaba farta da vida de "diversión perpetua" en Madrid. Se José Pardo Bazán estaba inmerso nunha evolución política conservadora, a filla e o xenro eran activos militantes carlistas. Unha opción política que encaixaba ben cos intereses económicos da familia, fidalgos absentistas que vivían de rendas agrarias. O carlismo español era unha proposta política reaccionaria, que cuestionaba a existencia dos dereitos cidadáns. Defendía a volta ao Antigo Réxime, a unha sociedade estamental en base a unha monarquía absolutista unida totalmente á Igrexa católica; o máis parecido na actualidade sería unha monarquía islámica. Para obter ese obxectivo, os carlistas promoveron contra os gobernos do Sexenio diversos alzamentos armados.

En xaneiro de 1873 a familia marchou cinco meses de viaxe europea. Unha auténtica peregrinación carlista, con visita á quinta do pretendente nos arredores de Xenebra. Alí entrevistouse Emilia coa esposa deste, Margarita, que lle causou unha moi grata impresión, e veu aos fillos, Jaime e Blanca; si, os mesmos nomes que poñería a nosa escritora aos seus, todo un detalle de identificación. Posteriormente, Emilia e Pepe realizaron outra viaxe, marchando o 15 de marzo de 1874 de Santiago e cunha singular misión, adquirir armas en Londres para os carlistas, un grave delito que contemplaba o Código Penal de 1870 e que hoxe cualificaríamos como auxilio á rebelión. Nesa liña, José Quiroga entregaría cartos aos insurrectos. Despois Emilia deixou a militancia activa, porén iso aínda tardaría. En 1888, xa ceibe de Pepe Quiroga, visitou en Venecia ao pretendente carlista, Carlos de Borbón, fronte o que se axeonllou. O encontro foi presentado como un remate da actividade carlista da brillante escritora pero o obxectivo político da mesma era o de conciliar a parte moderada dese movemento co que representaba na España da Restauración a dinastía Borbón reinante; Emilia declarouse heterodoxa dentro do partido.

En todo caso, alén da militancia, Emilia Pardo Bazán continuou toda a súa vida defendendo un pensamento político e social reaccionario e autoritario, sobre o que iniciara un escrito xa en 1877, Teoría del absolutismo, e que se plasma na súa obra. A crítica ao liberalismo foi a mesma que a dos absolutistas españois de inicios do século XIX, agás no relativo á Inquisición, da que defendeu o seu papel no pasado pero non a a nova implantación. Mesmo en pleno éxito literario, nas conferencias do Ateneo de Madrid a principios de 1887 sobre a novela rusa, amosouse favorable á autocracia dos tsares.

Contacto da familia con González de Linares

No contexto que vimos de relatar, o contacto co catedrático Linares en Santiago, inciado en 1873, veu pola familia materna de Emilia, os Rúa Figueroa, e foi establecida, principalmente, polos pais, José e Amalia; algo lóxico, pois de momento Pepe Quiroga e a filla eran moi novos e carecían de currículo. Ese trato da familia continuaría durante o resto da estadía galega de Linares. O científico agasallou a José Pardo cun exemplar dunha obra súa, Ensayo de una introducción al Estudio de la Historia Natural, con dedicatoria: "Al Sr. Conde de Pardo Bazán, su respetuoso amigo, A. G. Linares" e outra do seu irmán Gervasio.

Cando González de Linares estivo preso no castelo de Santo Antón en abril de 1875 a familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa seguiu con preocupación o tema e apoiouno. Os avogados José Pardo Bazán e José Quiroga pediron a un prestixioso colega herculino, Constantino Vázquez Rojo, que se encargara da causa (estaba acusado de desacato). O 24 dese mes Linares saíu do castelo, cando Pepe Quiroga e Emilia Pardo Bazán estaban visitando ao desterrado Nicolás Salmerón en Lugo. O catedrático foi posto a disposición dun xuíz compostelán que o deixou libre previo pago dunha fianza de 6000 reais, asunto que solucionou a familia Pardo Bazán.

Tras a saída do cárcere, continuou o contacto. Os pais de Emilia remitiron dúas cartas de apoio a Linares, o 30 de abril e o 1 de maio, e convidaron ao catedrático cesado a visitalos en Meirás, algo imposible nese momento, xa que debía permanecer en Compostela por razóns legais. Dunha das cartas só se conserva un pequeno fragmento que, coidamos, resulta ben ilustrativo da posición política da familia. Nela dinlle ao seu "querido amigo" que hai uns sucesos que lles fan "tener aún fe en nuestra España", entre eles "la virilidad de Vdes." e que "Cabrera se quede sólo en su empresa". Os virís eran os krausistas opostos ás directrices do Goberno que presidía Antonio Cánovas del Castillo. Cabrera era Ramón Cabrera, importante militar carlista que non secundaba a insurrección e decidira prestar o seu apoio ao rei Alfonso XII. Ou sexa, a familia Pardo Bazán situabase nese momentos cos inimigos da Restauración afonsina, carlistas ou partidarios do pasado Sexenio, como era Linares. Despois cambiarían e Emilia sería amiga de Cánovas. Por outra banda, o 23 de xullo o catedrático visitou en Lugo a Nicolás Salmerón e de alí viaxou á Coruña para coller un barco para Santander. Na cidade herculina debeu visitar á familia Pardo Bazán, quen, probablemente, lle ofreceu un traballo na localidade coruñesa, que rexeitou.

Un importante conflito oculto

Neses meses tivo lugar un lance transcedente no seo da familia Pardo Bazán. Falamos do desacordo entre os pais de Emilia e os parentes de Pepe Quiroga, incluído este. No momento do casamento, o pai do noivo, Pedro Quiroga, prometera reformar o testamento para igualar aos fillos, Eduardo, primoxénito, e Pepe, pois o primeiro resultaba moi favorecido, pero morreu o 7 de xaneiro dese 1875 sen que iso ocorrera. José Pardo e Amalia de la Rúa enfádanse, pero sobre todo sofriron unha enorme decepción coa actitude de Pepe Quiroga, quen se negou a defender os seus dereitos, que afectaban á muller. No mes de abril, con Linares preso, deu un poder amplo á nai para que fixera como lle petara coas partillas e marchou (con Emilia) a Madrid. Foi un tema que, coma moitos outros na familia, se agachou totalmente aos ollos externos pero do que Linares tivo información por parte de Emilia. Porque o científico mantiña desde 1873 unha dobre relación, a comentada hoxe coa familia e outra relevante e moi oculta coa futura escritora; de quen foi mestre de filosofía e ciencia e coa que desenvolveu un "triste amor".