A memoria da cidade consérvase aínda nas lembranzas de moitos maiores, que atesouran nomes, historias e paisaxes, pero deixan pegada no rueiro, unha pegada que pode ser efémera, porque as rúas poden desaparecer ou perder o seu nome dun día para o outro polo acordo do Pleno. O investigador Iván Méndez, que está a facer a súa tese de doutoramento sobre a toponimia da cidade da Coruña, explica nun artigo publicado pola Real Academia Galega que se están a perder os nomes tradicionais do municipio ao rebautizar as súas rúas e, con eles, parte da memoria da cidade.

O punto de inflexión máis grande prodúcese no franquismo, aínda que a toponimia tradicional xa estaba a perder terreo en séculos anteriores. Na ditadura medrou a cidade, xurdiron novos espazos, e o réxime decidiu nomear máis rúas e prazas con nomes que simbolizaban algo para eles -e que foron volvendo ao seu estado inicial ou retiradas do mapa da cidade en aplicación da Lei de Memoria Histórica- desterrando, dese xeito, nomes de núcleos que sempre estiveran aí.

Porén, ten solución. o Concello levará ao vindeiro Pleno unha proposta para que o coñecido como parque ofimático recupere o seu nome tradicional, Xuxán, e deixe atrás esta denominación que xa non conta nada do que é. O proxecto fora bautizado así nos anos noventa, cando a idea era que se instalasen nestes terreos oficinas e un polo de innovación tecnolóxica cando, finalmente, se converteu nun polígono de vivendas máis da cidade. É unha proposta que vai máis alá e que se basea nun informe emitido pola Real Academia Galega en xaneiro deste ano, e que inclúe tamén que os nomes das rúas deste novo barrio fagan honra á microtoponimia que se conserva da zona, como Galán, Agrelo, A Canteira, Longarela, Campo de Galán e A Viña, que contan como era a cidade antes deste desenvolvemento urbanístico.

Méndez explica no seu artigo Pola rúa da Amargura: o declive da toponimia tradicional no nomenclátor urbano que, hai pouco máis dun ano, en abril do ano pasado, existían na cidade 1.279 rúas, prazas, praciñas, paseos, aldeas... cun nome propio, aínda que só había 1.168 únicos, isto quere dicir que, para o caso da Palloza, por exemplo, no que existe a Costa, a praza, a rúa e mesmo o peirao, só se conta unha vez este nome.

E quen sae perdendo neste reparto de cromos? A toponimia tradicional, desde logo, pero tamén as mulleres, que, no rueiro ocupan un lugar menor en comparación co dos homes. "Unha de cada tres rúas que pisamos as persoas que aquí habitamos teñen nome de home, coruñés ou non, case dez veces máis que as correspondentes rúas femininas", analiza Méndez. En total, 749 rúas recibiron o seu nome para renderlle honra a alguén, un 64% de todas as que hai e só 321 contan con referencia á toponimia coruñesa (o 26%).

Para esta investigación, Méndez divide en tres categorías os nomes que forman o nomenclátor da cidade, por unha banda están os topónimos propiamente ditos, que fan referencia a lugares, gremios ou características que designaron nalgún momento a zona. "Neste grupo fica incluída gran parte dos nomes das rúas tradicionais ou antigas que conformaban os núcleos primarios da cidade", explica. Isto abrangue a Cidade Vella e a Pescaría, tamén a rolda de Nelle e a de Outeiro, que levan os nomes de antigos lugares desaparecidos coa expansión da cidade.

Por outra banda está a hodonimia conmemorativa, que dá acubillo os nomes elixidos polo Pleno para designar lugares ou ben aqueles nomes que naceron de xeito "espontáneo" e que despois foron oficializados como o da rúa Sirena, que herdou o seu nome da fábrica de lixivias La Sirena, que se erixía neste recuncho de Monte Alto. Nesta clasificación entran tamén desde María Pita coa súa praza até as rúas dedicadas á Cruz Vermella, á Revolución Francesa ou ao Neno Xesús.

Na terceira clase entran outros nomes que non se enmarcan en ningunha das categorías anteriores, como os nomes das rúas do Barrio das Flores, e aquelas de orixe descoñecida, que levan anos no nomenclátor, pero das que aínda non sabemos por que.

Logo de moitos paseos e moitas contas e papeis, Méndez conclúe que as rúas que conteñen algún topónimo tradicional coruñés "están concentradas en puntos moi concretos", na Coruña rural, que manteñen nomes como A Agra do Bico, A Fonte Grande ou O Catecismo; e tamén na Cidade Vella. Porque son moitas e moi diversas as fontes para descubrir as rúas que xa existían na Coruña desde hai séculos, como textos notariais ou as actas do Concello. Méndez nomea en varias ocasións os traballos do autor Velo Pensado, e da profesora Barral Rivadulla, que trazaron unha imaxe ben precisa da Coruña medieval onde se poden ver xa moitas das vías que hoxe forman parte da Cidade Vella.

Conta Méndez -recollendo información de Velo Pensado- no seu artigo, que foi a peste a que conseguiu deixar para a posteridade un rexistro das rúas que había na cidade de 1569. Daquela, a peste atacaba a cidade e precisábase unha distribución da evolución da pandemia, de xeito que as persoas encargadas desta tarefa de supervisión tiñan que dar conta ao Concello das súas necesidades para recibiren os auxilios.

Xa daquela existían rúas como Ferrería, Zapatería ou Rúa Nova, tamén San Nicolás, pero había outras, coma a Faseira ou a Casanova "máis difíciles de localizar". Descríbeas como "rúas de nome transparente para os contemporáneos" porque nomeaban o que alí se facía ou a quen alí vivía. De feito a agora praza de Azcárraga, por exemplo, mudou o seu nome de Mercado do Pescado ao da Fariña porque cambiou a súa actividade comercial.

O rueiro non mudou moito até o século XVIII, que foi cando a cidade medrou e aumentou a súa poboación e tamén os seus edificios, hoxe senlleiros, como a Casa do Consulado ou a Casa de Paredes.

"No Arquivo Municipal da Coruña contamos cun índice do Padrón de 1769, que nos achega unha relación, incompleta, de sesenta rúas, prazas e barrios da cidade", explica Méndez, nesa lista hai nomes moi coñecidos, como Tabernas, Barreira ou Franxa, pero tamén outros que xa non están, como rúa dos Álamos, agora chamada Olmos, ou a rúa das Bestas, hoxe Alameda, ou Cartuchos, agora rebautizada como Varela Silvari.

Nos anos seguintes, a tendencia seguiu igual, con "máis do 70% de rúas a agochar un nome de lugar tradicional na súa denominación". Deste xeito, a mediados do século XIX só "unha de cada cinco rúas" levaba un nome honorífico.

En xullo de 1912 prodúcese un cambio significativo no rueiro da cidade, a adhesión do Concello de Oza, que pasa a ser da Coruña e, con isto, dálle máis peso á microtoponimia no nomenclátor do Concello, porque a burguesía da cidade orixinal pulaba por un cambio que se evidenciase tamén nos nomes elixidos para bautizar as vías polas que transitaban. O Campo do Carballo, na zona do Ensanche, pasou a ser a praza de Pontevedra e a de Lugo; o Camiño Novo cambiou de nome en 1900 e pasou a se chamar Juan Flórez e o Camiño de Riazor, Rubine. "Das 21 vías do Ensanche que se trazan a finais do século XIX e comezos do XX ningunha delas ten un topónimo tradicional, once están dedicadas a homes, catro a mulleres e seis a cidades ou vilas galegas", conclúe Méndez no seu artigo, que fala de "declive da toponimia tradicional" nesta actuación.

Durante a II República o nomenclátor seguía a mesma tendencia, máis da metade de rúas tiñan nomes tradicionais (173) e máis dun cento levaban denominacións honoríficas, pero seguían medrando as rúas con nome, sobre todo, de home.

Nesta época, segundo sinala Iván Méndez, "houbo cambios significativos", toda vez que rúas como a da Mariña, a Real ou Santo Andrés foron substituídas pola avenida da República, Capitán Galán ou Capitán García Hernández.

Logo da sublevación militar de 1936, en setembro, 25 rúas mudaron de nome, algunhas para volver ao seu inicial, como a Real ou A Mariña, mais outras, segundo recolle este traballo de Méndez, foron rebautizadas como Primo de Rivera, Traballo e Xustiza, que aínda seguen no rueiro actual.

E nos corenta anos de ditadura? Apareceron 485 novas rúas das que a gran maioría, 341, levan nomes honoríficos e, unha vez máis, con prevalencia dos homes, 148, e 58 dedicadas a temas relixiosos. Moi poucas integraron a microtoponimia. Nun pleno de 1971, segundo recolle Méndez, aprobáronse 41 nomes para rúas dos que só Monte das Moas tiña relación co que fora esa zona. En canto ás trinta rúas da Agra do Orzán nomeadas entre 1936 e 1979, só tres conservaron a toponimia tradicional, deixando que se esquecesen voces como Paiomouro de Arriba, A Leira do Muíño ou A Fonte do Corvo.

A situación non mellorou coa chegada da democracia xa que, se ben no 1982 aprobouse a galeguización do nomenclátor da cidade, a chegada do socialista Francisco Vázquez á Alcaldía parou non só esta medida durante 23 anos e afondou nas mencións honoríficas, tanto que superou ás designadas no franquismo. Unha tendencia que se mantivo nos Rosales, en Matogrande, na urbanización Valaire e mesmo en Vioño, onde as rúas renden homenaxe a Francia, pero non ao seu pasado.

Logo da aprobación da Lei de Memoria Histórica, os cambios máis salientables fixéronse durante o mandato da Marea Atlántica, que deu acubillo no nomenclátor a Marcela e Elisa, a Álvaro Cebreiro ou á Orquestra Sinfónica de Galicia, aínda que a toponimia tradicional tampouco gañou moito espazo no nomenclátor.

O pasamento do dono de discos Portobello, Jaime Manso, abriu o ano pasado un debate sobre se é sempre unha boa idea cambiar o nome dunha vía, neste caso, que leva no rueiro da cidade dous séculos e medio, a rúa Cega, pola dunha persoa e se non sería mellor honralo doutro xeito que non implique a perda dun pouco da historia da cidade.