Pepe Temprano, un dos gaiteiros tradicionais máis populares de Galicia, faleceu onte aos 80 anos. Foi un defensor da pureza na interpretación da música tradicional e fomentou a incorporación dos novos a este campo. Naceu no lugar de Pedrafurada, en Eirís, onde vivía toda a súa familia, varios de cuxos membros integraron o grupo folclórico Os Tempranos de Eirís, que acadou sona na primeira metade do século XX. O enterro é hoxe no cemiterio de Oza as 13.00 horas.

Pepe viviu a súa infancia acompañándolles a todas as festas nas que tocaban en lugares do municipio como Monelos, Eirís, As Xubias, a Granja Agrícola ou a propia cidade. Seu pai mesmo viaxou a Cuba nun tempo non que non era habitual facelo para deixar constancia da súa arte e seu tío Alejandro foi membro da tripulación do Juan Sebastián Elcano, a bordo do que deu a volta ao mundo interpretando folclore galego, xa que o buque-escola contaba co seu propio grupo.

Malia a forte influencia familiar, Pepe non comezou a tocar a gaita e o tambor ata os 16 anos por mor das dificultades que impuña a posguerra aos máis novos. Pouco despois ingresou nos Coros y Danzas de la Sección Femenina, formación coa que fixo a súa primeira xira en Castellón, e logo por Francia na que sería a súa primeira actuación no estranxeiro, a las que seguirían outras en Holanda, Canadá e México. Tamén participou en festivais por toda España e Portugal e no único certame de folclore que celebrou a OTI no 1975 en Bos Aires.

Ao entrar a traballar na Fábrica de Tabacos tamén o fixo no grupo de baile Lembranza, co que viaxou a Nova York, Washington e Nova Jersey e mesmo actuou no teatro da ONU e na catedral de San Patricio. En Nova York coñeceu ademais ao historiador coruñés Emilio González López, cuxa irmá Amalia era compañeira súa na Fábrica de Tabacos.

Cando se disolveu Coros y Danzas da Coruña, pasou con moitos dos seus integrantes ao grupo folclórico Eidos, co que viaxou por numerosos países de todo o mundo. A súa paixón pola música tradicional levoulle a crear unha gran colección de discos e instrumentos, así como outra de fotografías históricas. No ano 2017 recibiu a Medalla de Prata Marcial del Adalid da Real Academia Galega de Belas Artes en recoñecemento ao seu labor de conservación da cultura tradicional no terreo da música.