31 de julio de 2020
31.07.2020
La Opinión de A Coruña
Pablo Leira
Secretario de Asociación de Vecinos de Labañou

"O edificio máis alto das Percebeiras daralle sombra ao grupo María Pita e ao litoral"

"Non me dou conta de ter falado co Concello sobre alturas e número de vivendas do proxecto"

31.07.2020 | 00:46
Pablo Leira, secretario da asociación veciñal de Labañou, nos terreos das Percebeiras.

Pablo Leira é secretario da Asociación de Veciños de Labañou, que mostra a súa preocupación polo proxecto urbanístico das Percebeiras ao consideralo desproporcionado para o barrio. Este dirixente veciñal censura o deseño, pero rexeita falar de "pelotazo", como ten feito Marea Atlántica, formación pola que se presentou ás eleccións municipais en 2015 e da que leva tempo desvinculado. Leira asegura que os residentes na zona tratarán de reducir o impacto da nova urbanización a través das alegacións ao informe ambiental que precisa esta iniciativa.

Que lle parece a asociación o proxecto das Percebeiras?

A primeira impresión é negativa, pero non coñecemos o proxecto porque estamos á espera de reunirnos co concelleiro de Urbanismo a semana que vén para que nolo explique. Os veciños están comentando que non lles gusta nada e que o edificio previsto na avenida de Labañou é moi alto, polo que lle piden á asociación que se mobilice. É posible que ese edificio sexa o máis alto do barrio porque terá catorce pisos o normal é que non pasen dos nove, ao que hai que engadir que estará xunto ás casas do grupo María Pita, que son máis baixas é ás que lles daría sombra, ao igual que ao bordo litoral. Ademais, nun roteiro polo barrio que fixemos coa Universidade, un ornitólogo díxonos que As Percebeiras é un corredor moi importante para os paxaros e outros animais que cos doce edificios previstos desaparecería.

Os promotores xustifican os edificios de catorce e once pisos pola necesidade de concentrar a edificabilidade para permitir as vistas ao mar. É unha boa solución?

A idea pode ser boa, pero construír 400 vivendas nese lugar pode ser excesivo, xa que vai repercutir no tráfico nun barrio que agora é tranquilo. Sabemos que esa decisión procede dun plan xeral de hai vinte anos, pero semella que o urbanismo do 2020 respecta menos o litoral que o dos anos sesenta, que foi cando se construíron as vivendas do grupo María Pita, que teñen un urbanismo moi amable.

O Goberno local di que ten que respectar o que recolle o plan xeral sobre eses terreos, que teñen unha edificabilidade moi alta.

Esa é a mágoa. O problema da veciñanza é que non podemos estar todo o día estudando os plans xerais de urbanismo e á xente chégalle de súpeto que lle van poñer esas moles ao lado de casa, que é cando se intenta mobilizar, xa que ve os defectos que tiña a normativa, na que este proxecto estaba feito con esa intención. Intentaremos esgotar todas as vías, xa que aínda ten que tramitarse a avaliación ambiental estratéxica por parte da Xunta e trataremos de ir por aí.

Pensan presentar alegacións ao proxecto?

Na directiva da asociación non temos a ninguén coa capacidade técnica para elaboralas, polo que estamos asesorándonos para saber cales son as posibilidades. Sabemos que a veciñanza está enfadada e que lle parece unha monstrosidade que se constrúa ao lado da costa.

O Concello di que xa falara cos veciños do barrio sobre esta iniciativa e que lla explicara.

Explicáronnola por riba. Sabiamos que isto ía pasar porque os promotores tiñan eses dereitos para construír e tanto o anterior Goberno local como o actual dixéronnos que estaban procurando que o proxecto afectase o mínimo posible ao barrio e que o grupo María Pita se aproveitase da nova urbanización a través dos seus equipamentos comerciais e as prazas de aparcamento. Pero eu non me dou conta de ter falado nin de alturas nin do número de vivendas.

Non tiñan entón detalles de como ía ser a urbanización?

Non, e supoño que o Goberno local non nos puidera dar esa información, aínda que sabiamos que estaba negociando cos promotores. Para nós, o ideal sería que o Concello comprase os dereitos de edificación e facer un parque para o barrio, pero entendemos que son moitos cartos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es