Os integrantes do sector cultural da cidade agrupados no colectivo VAI Coruña, de recente creación e composto por traballadores de ámbitos como a música, o audiovisual, as artes escénicas ou as librarías, expresou onte a través dun comunicado o seu descontento co Concello pola súa planificación cultural, incluída a das festas de María Pita, e a "falta de diálogo" co propio sector dos departamentos municipais adicados á promoción da cultura.

Os contactos entre os axentes culturais locais de VAI e os concelleiros e os seus asesores comezaron no mes de abril. Xa daquela, os promotores do colectivo demandaron apoio explícito da administración local e accións "colaborativas e construtivas" co fin de que o sector poida garantir a súa actividade e "manter viva a cidade culturalmente" contra os efectos derivados da pandemia do coronavirus. Máis de tres meses despois os membros de VAI non están nada de acordo coa actitude do Concello cara as súas reivindicacións e lamentan tamén que na planificación das festas non se derivaran recursos rexeitados pola crise sanitaria cara unha programación cultural "diversa, descentralizada e de proximidade".

"Logo de cada conversa temos a sensación dunha tremenda perda de tempo. Aquí todo está parado, mentres vemos que noutras cidades se están a facer cousas ben e hai actos e eventos", láiase Pablo Zaera, propietario coa súa esposa da libraría Cascanueces.

A interlocución coa área municipal de Cultura non funciona e semella que hai barreiras administrativas que frean o desenvolvemento cultural comprometido. "Desde abril a pauta de comportamento é sempre a mesma: din que van facer cousas pero non se fan, e pasan as datas e o que deciden non ten nada que ver co falado antes con nós. Así non hai senón falta de confianza no Concello, que ademais nos transmite que Intervención municipal pon problemas á hora de executar cousas expostas, como se non se entendesen as especificidades do sector cultural e as necesidades da xente da cultura", explica Tomi Legido, promotor e encargado da programación musical da sala Mardi Gras.

VAI recolle no seu texto que existe "unha deficiente comunicación interna entre departamentos do Concello" e engade que a pandemia "ocultou evidentes disfuncións entre as concellerías" e amosa agora unha "falta de estrutura de persoal especializado na xestión cultural que posibilite" unha axeitada "planificación" de actividades. "Outras cidades galegas están a realizar as súas programacións culturais baixo criterios de seguridade, sustentabilidade, dinamización local e profesionalidade. Non parece ser o caso da Coruña", reflicte o colectivo.

Os promotores de VAI Coruña defenden a integridade dos profesionais do sector. "Non se coñecen brotes en eventos culturais", din, e salientan que os casos de infeccións da Covid-19 noutros ámbitos de ocio "non se deben empregar como escusa para un importante recorte na programación cultural da cidade".