01 de agosto de 2020
01.08.2020
La Opinión de A Coruña

Bares e tascas de Santa Lucía

01.08.2020 | 00:39
Clientes do bar Lionardo, na rúa Fernández Latorre, onte.

O motivo destas liñas é lembrar o pegamento de actores e espazos tan diversos: os bares e tascas, que no auxe máximo do Muro, alá polos anos 50 e 60 do pasado século, significaron o número maior de negocios do barrio, e facilitaban o contacto e convivencia dos veciños. Contacto animado polas tapas e racións aderezadas coas cuncas de viño do Ribeiro, se tal podíase chamar aquel viño turbio e ácedo, moitas das veces procedente dun adecuado tratamento do viño branco de Castela, ou viño de Valdeorras no Nemesio. E sempre baixo a obriga que ao pé da Escalinata de Santa Lucía unha placa sinalaba : "Prohibida la blasfemia. La ley, la moral y el decoro prohíben blasfemar".

Tascas e bares como espazos non só de convivencia, senón e fundamentalmente de socialización cívica, de contacto dos veciños do barrio, de mariñeiros e familiares, de xentes da cidade. Mais tamén de estratificación social moi sutil entre os mariñeiros, que paraban sobre todo nas tascas de Castiñeiras de Abaixo e Santa Lucía respecto aos comerciantes, armadores ou profesións liberáis, que paraban maioirmente nas tascas de Fernández Latorre. Sutilidade que non impedía o contacto e trasvase entre os diversos locais.

No comezo dos pares da rúa Fernández Latorre estaba o Sol Argentino, coa particularidade de ter entrada a pé de rúa por Santa Lucía, mentres por Fernández Latorre entrábase a través dunhas escaleiras de pedra cun pequeno patio axardinado; o Sol Argentino era tamén suministrador de buques, actividade que continúa a exercer na Escalinata de Santa Lucía. Ao seu lado estaba El Progreso, tamén suministrador de buques, e dando ás dúas rúas. Máis adiante estaban o café-bar Rivas, que posteriormente pasou a chamarse Reino e foi lugar de reunión de peñas; e tamén el Cariño. Antes de chegar á Escalinata de Santa Lucía, el Rueda, cunha grande e variada cociña e bó viño do Ribeiro; mantivo a súa fama posteriormente baixo a xestión de Pepe e Chús, a súa muller ao fronte da cociña, cociñeira excepcional, cunhas exquisitas cocochas ao pil-pil.

Ao final da rúa e á dereita da desaparecida gasolineira obra de Antonio Tenreiro estaba Casa Paca, que servía comidas a traballadores. E xa no edificio do Banco Pastor, a cafetería Capitol, rexida polos irmáns Castillo, aberta gran parte da noite, evidentemente en horas non permitidas, espazo de todo tipo de xogos clandestinos ou non, e de xuntanza de policías, xentes extremas e mulleres ao peche das barras americanas.

No lado dos impares colocamos a cafetería Buena Sombra, a única que podía ser chamada tal no barrio; posteriormente foi collida por un par de socios, Ramón e Juan, reunión de mariñeiros e taxistas. No fondo da rúa, o Dos de Junio, un dos clásicos do barrio. Tendo a barra fronte á porta, á súa esquerda existía un apartado con antigas mesas de ferro e mármore, onde se organizaban partidas de cartas e dominó, xogándose algo máis que as consumicións; nas súaa vitrinas figuraban os trofeos da traiñeira chamada La Blanca pola color da mesma, e que tiña aí unha peña. O Dos de Junio era punto de xuntanza dos taxistas piratas; estes abondaban máis na zona que os de licenza e dedicábanse a levar ós mariñeiros desembarcados ós seus pobos de orixe.

Na Costa de Santa Lucía, estaba o Babor, cun espacioso local onde servían platos de mexillóns, de xeito que ó entrar camiñábase escachando as cunchas. Este bar tiña outra característica, quizais única na cidade, para entrar había que atravesar unha pasarela sobre o espazo baleiro que deixaba a entrada do baixo da casa, un corralón de vivendas e un fabriquín de caixas para o peixe, hoxe edificio de vivendas da Autoridade Portuaria.

Na rúa Santa Lucía nos impares estaba o bar de Ramiro, o Canteiro, que daba comidas ós mariñeiros aproveitando a pota que estes levaban; o Canteiro fora trasladado dende a rúa Falperra ao demoler o edificio. Nos desaparecidos números pares que remataban no edificio da Casa de Socorro e Escola Naútico-Pesquera estaba Casa Luis, mentres ó principio, cerca xa do Calexón do Palleiro, o bar Fernando.

Na rúa Castiñeiras de Abaixo as tascas eran claramente mariñeiras, case todas pequenas suministradoras de buques, e onde se servían comidas caseiras en base ás potas dos mariñeiros ou peixe mercado no Muro. Ao final da rúa estaba Casa Mantiñán, sempre cunha exhibición de nécoras e centolas no ventanal; a tasca de Luis, o das marucas, sempre penduradas na porta de entrada. Pasado o calexón da rúa Cabana e pegado ao local social do Clube Victoria estaba o Tres Portiñas, lugar de parada de xogadores e seareiros do Victoria, o clube do barrio, inicio de Amancio coma xogador; a continuación estaba Casa Gil. Máis ao centro da rúa, o bar Marino, nun edificio que se alcumaba no barrio como El Huevito, e finalmente Casa Leonor, que daba cuartos ós mariñeiros que quedaban na cidade.

Na rúa Xoán Flórez, no tramo comprendido entre o antigo comezo da rúa Falperra e a Travesía do Monte, detrás da Fonte de Santa Lucía, estaba a leitería Casa Jesús, e a continuación, na parte elevada da rúa, o Carral; despois o Sisargas, que ao urbanizar para construír o viaduto trasladouse á rúa Castiñeiras de Abaixo, fronte ó Tres Portiñas. Posteriormente o Sisargas rematou a traxectoria ao comezo da rúa Galera.

E finalmente, na avenida Primo Ribera, o Atlantic, e sobre todo o Nemesio (hoxe continúa co nome de O Nucedo) trasladado do seu primeiro lugar na Palloza, pegado ós efectos navais A Naval, aberto a maior parte da noite, punto de xuntanza de traballadores do Muro, comidas e almorzos con copas mañaneiras. E xa na Palloza, punto de instalación de circos e teatros de variedades, estaba a churrería El Timón, onde se tomaba a copa mañaneira cos churros ou patacas fritidas polas expertas e lustrosas mans de Braulio, o limpiabotas da barriada.

E deixamos para o final o local quizáis máis característico e coñecido, O Lionardo, en Fernández Latorre 22, acaso o máis antigo da barriada. Aberto no ano 1939 por Juan Chas Vazquez, coa colaboración da sua irmá Carmiña na cociña. O nome ten unha orixe curiosa. Un veciño e cliente tiña un can chamado León, e pronunciaba dificultosamente o seu nome, chamándoo algo moi similar a Lion, e de tanto lion, lion, saíu o nome de Lionardo. Polo menos é o que conta un home sabio do barrio e dos primeiros clientes da tasca, Manolo Bestilleiro.

O Lionardo foi axiña punto de xuntanza de armadores, mariñeiros, veciños do barrio e outros procedentes da Coruña, atraídos pola fama da tasca. Grupos na barra ou nas mesas, nas mans unhas cuncas de viño maiormente do Ribeiro ou de Rueda, tal como figuraba nun anuncio de prensa no 1958 con enderezo e teléfono número 4420. E sempre acompañado de racións e tapas de chipiróns en tinta e parrochas, fritidas polas expertas mans de Carmiña. Parrochas que Carmiña aderezaba cun pequeno truco que as facía diferentes e máis saborosas: rebozadas en fariña de millo. E viño do Ribeiro, como tiña que ser, procedente dos bocois e servido dende as brancas xarras de pedra. Juan Chas declaraba á prensa no ano 1961 un consumo por cliente dun mínimo de seis cuncas e unha media de trinta cuncas por persoa.

Á personalidade irresistíbel de Juanito, coa súa boina vasca tamaño XXL levada ao estilo vasco, movíase entre os clientes e seus corros de conversas, servindo o viño unhas veces e outras os mesmos clientes en autoservicio, invitando a rondas e sendo correspondido. Xuntábase unha alegre e entusiasta colaboración dos clientes cos cantos de taberna, moitas veces animadas polo Ribeiro, ou membros da Coral da Fábrica de Tabaco ou de Follas Novas. Nacido no lugar de Río de Quintas, o vasquismo de Juan Chas é unha demostración da lenda de que os "bilbaínos nacen onde queren". Tal que Juan Chás e o Lionardo eran os maiores propagandistas do Athletic de Bilbao, clube que cando xogaba na Coruña facía o punto de xuntanza de seareiros, xogadores e directiva na tasca. A chapela de Juan Chas era máis ca unha cuestión estética. O club bilbaíno, ao falecemento de Juan Chas correspondeu enviando unha coroa de flores, portada por Manolo Bestilleiro e Babío, socios da Peña Os Homes, González como presidente do Dépor e dous xogadores do equipo. O seu enterro foi unha mostra de cariño por unha multitude de veciños, comparándose a concorrencia coa do fenecido alcalde Molina.

O Lionardo era ó centro da peña Os Homes, de veciños do barrio e clientes da tasca, que tiña as cuncas personalizadas cos seus nomes. Coa peña Os Homes colaboraban as peñas O Cereixo dos Mallos e O Zoco da avenida de Arteixo, que tamén tiñan xuntanzas no Lionardo. Peñas que xunto ás francachelas facían un labor social, xuntando cartos mediante colectas para levalos ao Refuxio e ao Asilo de Anciáns, ademais de tabaco (aos homes) e galletas e caramelos (ás mulleres). Cartos xuntados sobre todo co partido de fútbol que se xogaba no antigo Campo da Granxa, coa colaboración da Federación, que aportaba equipo arbitral, porteiros, utilleiros, etc.. Así, no ano 1980 recaudáronse preto de 500.000 pesetas das de entón, doadas ao asilo de Anciáns con 28 camas e 47 colchóns, moitos cartos que sinalan a importancia e implantación da Peña e a tasca na cidade.

O Lionardo foi punto de tertulias e exposicións de arte. Nel recuncaron, e recuncar non é moito dicir, máis ben explicitar, pintores, artistas, novelistas, cantantes e xentes varias da farándula. O pintor José Ramón Villar Chao, cliente asiduo, colgou nas súas paredes unha das súas últimas exposicións no novembro de 1962, tres anos antes do seu falecemento, de vitais cadros de contido mariñeiro, nun decorado de redes de pesca e agullas e boias de cristal, e de luces a base de botellas de cores. A esposición mantívose trinta días, calculándose unha asistencia de 300 visitantes diarios, tendo que ser regulada a rúa por unha parella de gardas municipais.

Pasaron polas súas tertulias Urbano Lugrís, esposicións de José Fernández Sánchez, Xaquín Noche, etc. No mes de novembro de 1995 o escritor e músico Xurxo Souto presentou o seu libro A tralla e a arroutada, e no xullo do 2012 unha exposición de fotos antigas do barrio con gran asistencia de xentes, presentada por Xurxo Souto. Tamén o periodista e veciño Orestes Vara no 1992 glosou a presencia de Celia Gámez nunha copiosa comida de parrochas, chipiróns e viño do Ribeiro pouco antes de actuar no Teatro Rosalia.

O falecemento de Juan Chas significou un golpe para o Lionardo. Parecía que ninguén podería sustituír a súa arrolladora personalidade. Mais o bo facer e simpatía da sua irmá Carmiña, coa axuda da outra súa irmá María, aprendido nos anos de colaboración co seu irmán, a continuidade na liña do negocio e unha clientela fiel permitiron esa permanencia do negocio. Hoxe O Lionardo continúa a ser unha referencia en Santa Lucía e na cidade.

A irracionalidade ao construír un viaduto que rachou a barriada en dúas partes e os incrementos de edificabilidade propiciaron a desaparición dunha tipoloxía urbana moi característica, traballadora e mariñeira. O peche da Fábrica de Tabacos e a decadencia do Muro foron as causas básicas de que a día de hoxe a maioría destes negocios sexan só unha lembranza.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es