As dezaseis casetas que participan nesta edición da Feira do Libro abriron onte as súas persianas para poñer en venda novidades e clásicos até o 10 de agosto. Cando se cumpren 49 anos da primeira Feira do Libro na cidade, tan só catro editoriais e unha ducia de librarías participan na cita., que contará coa presenza de máis dun cento de autores e autoras, que irán a Méndez Núñez asinar as súas obras.

A encargada de dar a benvida a esta edición da feira foi a escritora Érica Esmorís, quen lembrou a súa nenez na Coruña, cando os xardíns da súa infancia eran conquistados polos libros para definir a fila de casetas instaladas en Méndez Núñez coma unha península: "As e os coruñeses non somos insulares grazas aos libros". A autora sinalou que, para ela, a feira era e é infinita polas "infinitas posibilidades" que ofrece e convidou ás e aos coruñeses a escolleren un libro: "Pertencédesvos mutuamente", dixo no seu pregón. O programa das sinaturas de libros pódese consultar na web www.librarias.org. Ente os autores confirmados están Yolanda Castaño, Nacho Carretero, Ledicia Costas, Xurxo Souto, Emma Pedreira e El Hematocrítico.

"Temos unha chea de motivos para agrandar a nosa biblioteca", dixo onte a concelleira de Emprego, Eva Acón, que foi a encargada de inaugurar a feira no nome do Concello,e animou a todos os veciños e veciñas a pasear entre os volumes e atopar historias nas casetas que lles fagan "rir e chorar". "Ler é soñar", dixo a concelleira.

O vicevoceiro de Marea Atlántica, Iago Martínez, queixouse onte da falta de "implicación" do Concello co sector cultural. "Doe ver a Feira do Libro da Coruña cunha participación tan baixa, nomeadamente de libreiros e libreiras da cidade, nun momento tan duro para o sector cultural", dixo Martínez, que apuntou que era o momento de "facer cambios". A deputada electa do BNG no Parlamento galego e tamén escritora Mercedes Queixas reivindicou onte, na súa intervención, que os libros fan "máis libres" as persoas que os len. A concelleira do Grupo Mixto, Mónica Martínez, animou a participar na feira "con prudencia e responsabilidade". "A cultura non pode morrer", explicou.

O horario de apertura da feira é de once a dúas e de seis a dez, agás as fins de semana e os festivos, que pecha ás 14.30 horas. As librarías farán un desconto do 10% en todas as compras.