En episodios anteriores comentamos a actividade de Augusto González de Linares no seu paso como catedrático de Historia Natural na Universidade compostelá entre 1872 e 1875 e a conexión coa familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa e observamos como a relación do científico con Emilia resultou clave no proceso formativo da futura escritora.

A vida segue

Desde a marcha do Linares de Santiago, xullo de 1875, Emilia e Augusto mantiveron unha interesante correspondencia e a familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa continuou axudándoo. Así, por exemplo, en 1879 Emilia entrevistouse co Gobernador Civil da Coruña como intermediaria na causa aberta a Augusto. O cántabro continuou en contacto con José Pardo Bazán e a filla ofreceu o apoio familiar: "si para algo de su causa necesitan a papá lo tienen a sus órdenes".

No plano sentimental, o científico intentou retomar a relación amorosa cunha paisana, Amalia Bustamante, á que chamara "mujer frivola y sin sustancia". Despois buscou, co seu íntimo amigo Francisco Giner, un achegamento a Juanita Lund (Giner a María Machado). Pola súa banda, Emilia, a fins de 1875, poucos meses despois do remate da aventura con Augusto, quedou embarazada do seu marido Pepe Quiroga. En xullo de 1876 nacería Jaime, en 1879 Blanca e en 1881 Carmen. A Linares díxolle: "Es muy dulce dar al mundo un hombre, y es muy necesario querer con pasión cuando faltan cosas que jamás, jamás, se reemplazarán y hay heridas que sangran hasta la muerte y duelen como en el instante divino en que se recibieron".

1876, o conflito familiar agudízase

Como explicamos nun episodio anterior, a morte de Pedro Quiroga en xaneiro de 1875 provocou un terremoto no seo da familia Pardo Bazán-Rúa Figueroa. Incumprindo o acordado na voda, o pai de Pepe non modificara o testamento, que deixaba moi desfavorecido ao marido de Emilia. Nese momento a nosa protagonista mantívose algo á marxe pero as cousas cambiaron co nacemento de Jaime, pois a situación xa lle afectaba a un dos Pardo Bazán. As diferenzas que existían na parella Emilia-Pepe estaban sendo "dixeridas" polos seus pais pero xa non houbo componendas cando se tratou do patrimonio. Del dependían as rendas agrarias que, producidas en base a un sistema medieval (o foro), lles permitían explotar aos labregos e levar unha vida privilexiada.

O grupo de investigación La Tribuna (Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ricardo Axeitos Valiño, Patricia Carballal Miñán, Jacobo Manuel Caridad Martínez) realizou un excelente estudo desta e doutras cuestións dos Pardo Bazán-Rúa Figueroa. Por el sabemos que a familia se enfrontou cunha enorme dureza verbal coa nai viúva de Pepe, María de la Asunción Pérez de Deza. Houbo insultos moi fortes, que incluíron a grave acusación aos Quiroga de carecer de palabra e honra. Mesmo nalgún momento semella insinuarse a posibilidade de que Pepe Quiroga fora fillo ilexítimo. Ademais, agora Emilia si que tomou partido, identificouse cos pais.

Deste asunto, invisible a ollos externos, tamén soubo Augusto polas cartas de Emilia, demostrando a íntima confianza existente: "Es Vd. la primera persona que recibe estas confidencias de mí y será probablemente la última". A futura escritora lanzou unhas cualificacións sumamente significativas: "(...) no es la cuestión en sí la que acarrea sinsabores, sino la convicción de estar enlazada a una familia de indignos y de que mi sangre corra por las venas de mi hijo unida a la suya". Só ese fillo atenuaba o malestar: "Sus caricias son el único reactivo en el frecuente caimiento de ánimo que me asalta".

Un concurso polémico e unhas críticas incómodas

En 1876, co gallo do segundo centenario do nacemento do ilustrado Benito Feijóo, o Concello de Ourense convocou un concurso con catro modalidades. Emilia Pardo Bazán presentouse a dúas, gañou na de poesía en castelá, mais na de Estudio crítico de las obras del P. M. fray Benito Feijóo a decisión dilatouse no tempo e provocou discusións. Un xurado da Universidade de Oviedo decidiu deixar deserto o premio en xaneiro de 1877 pero concedeu o accésit ao traballo presentado pola coruñesa. Os outros competidores eran destacados intelectuais, Miguel Morayta e, sobre todo, Concepción Arenal. O tema xerou polémica con dúas persoas que, como vimos en anteriores episodios, coñecían moi ben a Emilia Pardo Bazán no plano intelectual, os krausistas Francisco Giner e Augusto González de Linares. Quen, xa antes de ler o texto de Emilia, que tampouco tivo ningún interese en pasarllo, criticaron dúas cousas. A primeira foi a irregularidade ética de que Emilia favorecera que os membros do xurado coñeceran o seu nome como candidata. A segunda crítica tivo que ver co rexeitamento a aceptar que puidera competir con Concepción Arenal. Esa reacción, directa no caso de Giner e indirecta na de Linares, amolouna moito.

Nese período, entre 1876 e 1877, Emilia Pardo Bazán animouse a presentar escritos divulgativos de Ciencia na Revista Compostelana, baixo o título de La ciencia amena. Octavio Lois Amado publicou un comentario crítico, no que dicía que "los asuntos científicos exigen mucha delicadeza al ser tratados". Emilia respondería cun novo artigo, no que comezaba explicando que ela pretendía "escribir unas sencillísimas conferencias populares sobre física, y no abrir polémica". Non debeu quedar moi satisfeita, pois non continuou publicando La ciencia amena. Se esa primeira incursión en temas científicos rematou dese xeito, a segunda cuestión que escolleu para manifestarse non podía ter maior contido polémico: Reflexiones científicas contra el darwinismo (1877-78). Pouco despois Emilia atopou outra área de traballo intelectual na que o seu espírito creador e capacidade intelectual recibiron moita máis gratificación, a novela, un exitoso camiño que iniciou en 1879.

Final triste para un triste amor

Tras a expulsión da universidade, Linares axudou a Giner na posta en marcha da Institución Libre de Enseñanza (ILE), pero en 1880 o profesor cántabro marchou cara a París, para "perfeccionar su formación científica". En 1881, co cambio de Goberno e a entrada dos liberais progresistas, recuperou a cátedra, neste caso na Universidade de Valladolid. Coa inestimable axuda do grupo krausista, especialmente de Francisco Giner e Ignacio Bolívar, recibiu o encargo do Ministerio de Fomento de propoñer un lugar para a Estación de Bioloxía mariña creada en 1886, con el no posto de director.

Por motivos familiares desexaba residir en Santander e por iso presentou un disparatado informe para xustificar a localización na capital cántabra, co suposto obxectivo de estudar a flora e fauna de grandes profundidades. Despois, como explicamos hai anos, a súa carreira científica no terreo da Bioloxía mariña foi un desastre, fracaso agachado polos seus influentes protectores. Debeu facerlle caso a Emilia cando lle advertira que tiña vocación e temperamento artísticos, non científicos.

No plano persoal, Augusto tivo en 1879 relacións cunha muller casada, da que naceu unha filla, María. Soubo do nacemento en 1880 e tratou do tema na correspondencia con Francisco Giner en novembro dese ano. Este sufriu unha grande decepción e abatemento; mesmo comunicou ao amigo a intención de suicidarse. Pola súa banda, Emilia, que aínda mantiña correspondencia con Augusto en xuño de 1880, cesou no contacto. Coidamos que a causa residiu exclusivamente no coñecemento desa relación "irregular"(probablemente informada por Giner no contacto con el en novembro-decembro de 1880 en Madrid). O feito debeu doerlle á coruñesa porque evidenciaba que era falso o argumento "ético" que lle dera Linares para rexeitar a relación amorosa con ela.

Último contacto

Emilia e Augusto volveron a verse no verán de 1894, cando a novelista, xa famosa, visitou Santander. Entre as personalidades que a recibiron figuraban dous homes cos que a escritora tivera unhas íntimas, e ben diferentes, relacións, o propio Linares e Benito Pérez Galdós. O primeiro fora relevante mestre mais un amor decepcionante, o segundo, un compañeiro intelectual e amante satisfactorio, nunha exemplar relación baseada na igualdade, na comuñón literaria e na lealdade persoal.

Do seu paso pola cidade cántabra Emilia deixou algo escrito nun texto publicado en 1895, Por la España pintoresca, unha breve e distante nota na que indicaba que dedicou "unos instantes a la Estación Cantábrica de Biología Marina". Subliñou o contraste entre o "pomposo nombre" da instalación e o "modesto laboratorio destinado por el Gobierno y Diputación provincial de Santander a los trabajos y ensayos del profesor D. Augusto González de Linares". Probablemente estaba levantando acta do contraste entre o seu éxito de escritora e o deslucido, aínda que aparente, destino profesional do exmestre.