Foi difícil deseñar o programa de bonos, dado que non había precedentes no Concello?

Resultou complexo e laborioso. Contou coa colaboración de numerosos profesionais, entre os que quero destacar a dos técnicos municipai. Estamos a falar dun volumen de recursos de máis de 1,6 millóns de euros e dun programa que ten que servir para axudar a autónomos e microempresas do comercio e a hostalería e á industria cultural e que ademais chegue á mioría da poboación. E a isto hai que engadirlle a necesidade da trazabilizadade dos recursos públicos, que é fundamental porque son de todas e todos.

Por que se optou por unha aplicación móbil para desenvolvelo?

Houbo dous aspectos decisivos. A primeira foi o cumprimento da normativa sanitaria e a segunda o desexo de ter un mecanismo áxil que se poida implementar o antes posible.

Pero pode haber tanto empresarios como clientes que non estean afeitos ás novas tecnoloxías.

Estamos poñendo dentro do plan de reactivación municipal unha liña de axudas que está dirixida á transformación dixital de todos os servizos profesionais da cidade. É certo que pode haber cidadáns que non poidan chegar directamente á utilización da aplicación por unha idade avanzada ou unha dificultade puntual, pero está claro que había que tomar unha decisión e optamos por aquela que conciliaba a protección da saúde coa axilidade para a posta en marcha do programa. E ademais temos o servizo de atención cidadá 010 e a oficina do plan a disposición de todos aqueles que poidan ter algunha dificultade para acceder a estes bonos.

Vai ter que facer o Concello un esforzo importante para comprobar que se utilizan ben?

Para o control dos bonos, a aplicación informática permite coñecer quen fai uso deles, en que establecemento, como se factura e como chega a factura ás entidades colaboradoras. A Federación Unión de Comercio Coruñesa (FUCC), a Asociación Provincial de Hostalería e a Fundación Emalcsa farán unha fiscalización do programa a través dunha auditoría e a Concellería de Facenda contratará outra, e a Intervención municipal fará o último control, polo que haberá catro filtros para comprobar que unha cantidade tan grande de recursos se utiliza conforme ás normas que están aprobadas.

Comerciantes e hostaleiros están esperanzados de que os bonos contribúan a incentivas as ventas. Tamén o Concello?

Quero agradecer aos presidentes da FUCC e da Asociación de Hostalería a súa colaboración neste plan de reactivación. Esta iniciativa non tería tanto impacto se non se fixera de forma concertada. O que fai o Concello é poñer un grao de area para axudar aos sectores máis afectados pola pandemia e sabendo que non é o responsable da política económica.Este programa recolle as demandas destes sectores e nalgún caso supéraas, xa que eles mesmos nos dicían que é unha iniciativa pioneira en España polo volume de recursos de que se dispón. É a primeira vez que o facemos e por tanto somos conscientes de que pode haber erros, pero para min o máis importante que é un programa implantado conxuntamente coa FUCC, a Asociación de Hostalería e a industria cultural. Unha cidade avanza se é capaz de acordar este tipo de programas e o plan de reactivación é un bo exemplo dos primeiros 365 días de Inés Rey como alcaldesa porque se fixo de forma dialogada, intenteouse acordar con todos os grupos e coa sociedade coruñesa. Nos dous primeiros días en que se puideron solicitar houbo xa 571 establecementos dados de alta para usar os bonos.

Cantas axudas se solicitaron xa do plan de reactivación?

Estamos nas 2.325 desde o 3 de xullo en que se abriu o prazo. O número está en liña co que tíñamos falado coas entidades sociais, xa que prevíamos unha demanda importante e creo que se está cumprindo. O prazo para solicitar as axudas remata o 15 de setembro e imos ver a súa evolución.

No caso de que as solicitudes superasen os recursos previstos, estaría o Concello disposto a aumentalos no plan?

Non me gusta pronunciarme sobre asuntos económicos sen antes estudialos detidamente.

Que tipo de axudas son as que se están solicitando máis?

As que cobren as cotas da Seguridade Social son o 37% das solicitudes, as destinadas a sufragar os gastos de aluguer dos locais son máis do 24% e as que axudan á transformación dixital son o 12%. O volume de solicitudes acada ata agora os 4.655.000 euros en axudas e un de cada tres negocios da cidade pediu xa algún tipo delas. O Concello é a administración que máis está investindo na recuperación da economía local a través deste plan, xa que un autónomo ou unha micropeme pode chegar a recibir entre 9.200 e 11.200 euros se se acolle a todas as liñas posibles, aínda que non todos poden facelo. E sen ánimo de polemizar, a canto ascenden as axudas da Xunta, que ten competencias sobre autónomos e pequenas empresas? Este plan levou ao Concello a modificar o orzamento para destinar case 16 millóns para facer fronte ás consecuencias do Covid-19. Habería que remontarse á decada pasada para ver un investimento destas características, xa que estes 16 millóns é máis do que custaron os tuneis da Mariña e o dobre da obra máis cara do anterior mandato, que foi a cuberta do estadio de Riazor. Creo que non hai un concello en Galicia cun plan sementante ao da Coruña.

Estanse concedendo xa?

Estamos sendo bastante áxiles. Hai solicitantes que xa teñen aprobada a concesión, que despois ten que ser notificada e aceptada. Esperamos que as primeiras se entreguen este mesmo mes. Desde que se aprobou a modificación do orzamento para poñer en marcha o plan de reactivación só pasaron 37 días ata que se abriu a oficina municipal do plan no centro Accede Papagaio e puideron solicitarse as axudas. Nunca se mobilizaron tantos recursos en tan pouco tempo.