Enxeñería, feminino singular. Rosalía Chans demóstrao. A traxectoria académica desta enxeñeira mecánica industrial de 23 anos corrobora que as máquinas non son só cousa de homes, predominantes, en grande medida, no seu sector. "Sempre me chamou a atención coñecer o motivo polo cal as cousas que utilizamos no día a día funcionan desta ou outra maneira", explica ela.

A súa destreza en física e matemáticas fixo o resto. Tras catro anos de carreira na Escola Politécnica Superior de Ferrol, que superou, outra rara avis, a curso por ano, obtivo o seu título de enxeñeira con Matrícula de Honra no seu Traballo de Fin de Grao. Detrás do éxito, esforzo e disciplina. "Non me considero máis lista que ninguén", aclara,"é cuestión de organizarse e de saber cantas horas lle tes que dedicar cada día".

No último ano dos seus estudos de grao puido especializarse en deseño de maquinaria industrial, o seu verdadeiro interese. O seu afán de formarse, porén, non rematou alí: Rosalía Chans vén de culminar, este ano, os estudos de mestrado en Enxeñería Industrial, cos que poderá abrir as portas que aínda queden pechadas. "Escollín ese mestrado para ter o título de enxeñeira industrial superior. Abarcas todas as ramas, tes a opción de firmar proxectos. Cando rematei a carreira pensei: é agora ou nunca", lembra.

Hai un par de meses que presentou o Traballo de Fin de Mestrado. De novo, o resultado final, Matrícula de Honra, facía xustiza ao esforzo de todos os anos pasados. Á historia aínda lle resta algún compoñente sorprendente: o día da presentación do traballo final, o tribunal comprobou que só catro persoas presentaran o proxecto na primeira convocatoria. Foran catro mulleres.

"Non sei por que sempre hai moitos máis homes en Enxeñería Mecánica. Na clase eramos dúas ou tres mozas, como máximo. Penso que pode ser porque é unha titulación que se relaciona co mundo do automóbil, segue habendo descoñecemento", reflexiona.

Agora, cos títulos baixo o brazo, Rosalía Chans reflexiona cal será o seguinte paso, xa no mundo laboral. O que ten claro é co que non se conforma. "Non vou pasar polo aro dun contrato de becaria. Xa estiven 10 meses, quero entrar nunha empresa coa expectativa de ir máis alá e cun salario acorde".