Nun esclarecedor artigo do 1 de agosto, LA OPINIÓN analiza a situación e futuro da actual fachada marítima da ría do Burgo. Nestas liñas tratamos de profundizar en varios aspectos pendentes, así como ver as posibles alternativas ao desenrrolo da fachada marítima .

O 1 de outubro de 2008, a Consellería de Política Territorial da Xunta de Galiza aprobou o proxecto de modificación puntual do PXOM da fronte marítima da ría del Burgo. Dita aprobación daba pé á ordenación urbanística de 344 746 metros cadrados entre a praia de Oza e os límites municipais na ponte da Pasaxe. A súa aprobación respecto á cala de Asteleiros Valiñas (Polígono Ría Burgo 2, POL RB2, na nomeclatura do proxecto) situada a continuación de praia de Oza, remataba cunha chea de trifulcas iniciadas no 2004 coa suspensión de licencias por parte do Concello, a presentación dun proxecto de urbanización polos donos dos terreos, denuncias nos xulgados e incluso unha sentencia do TSXG en contra do Concello, e a posterior demolición do asteleiro en agosto do 2006 (a desaparecida constructora Isoman, que comprara en 2002 por 18 millóns de euros os terreos, hoxe propiedade do Banco Santander ). Toda a historia pódese consultar na hemeroteca do diario LA OPINIÓN.

As características do POL RB2 situado en solo urbano non consolidado non deixan de ofrecer unha xogada clara de urbanismo especulativo, elaborada na época de Francisco Vazquez como alcalde. A parcela de 13.434 metros cadrados edificables ten unha edificabilidade de 1,02 metros cadrado por metro cadrado, a maior de todos os polígonos da área, mentres o total da modificación do PXOM é de 129.126 m2 e ten unha edificabilidade media de 0,72; e mesmo a do POL RB4 da Conxeladora, con 80.119 m2, é só dun 0,64. Se repasamos os nove polígonos proxectados, vemos que o RB2 é o de maior edificabilidade. A maiores, os espazos libres no POL RB 2 son só un 17,4%, cando a media da modificación do PXOM é de 40,50%.

Isto vai significar un mamotreto edificado de catro edificios de 5, 6 e 7 alturas, aproximadamente unas 160 vivendas e 255 prazas de garaxe, por certo, prazas por debaixo da normativa da Louga. Vivendas a maioría de venda libre, 11.001,60 m2 da edificabilidade, e só 2.750,40m2 de edificabilidade con algún tipo de protección, tamén por debaixo da normativa de Louga. Na mesma parcela incorpórase un equipamento como sistema local de 1.204 m2 e tamén por debaixo do asinado pola Louga, pois correspondería 1.375 m2; como a parcela é solo urbano non consolidado e sendo necesario un proceso de urbanización, poderíase chegar a un 30%.

Como vemos, todo con calzador menos o xogada especulativa do mamometro de edificio. Isto, a pesares de que o proxecto pretende "proponer ordenación da edificación con criterio de buscar o menor impacto posible na fachada da Ría, para mellorar a fachada marítima da cidade desde a ría".. Vivir para ver!

Os veciños da barriada levan anos á procura dun uso público dos terreos para a ampliación da zona de uso da praia de Oza e uso náutico-deportivo. E tamén evitar a desfeita ambiental e paisaxística que se produciría coa construción dos catro edificios a poucos metros da lámina de auga, e outros varios no resto dos polígonos propostos na modificación do PXOM. De feito, a Asociación de Veciños Oza, da Gaiteira- Os Castros esta persoada no expediente desde o 11 de maio de 2016, e pendente das informacións do Concello e a Demarcación de Costas en Galicia.

O proxecto do POL RB2 presenta varias eivas para a súa posta en marcha, estando implicadas diversas administracións de Galiza.Non se trata só das diverxencias urbanísticas cos outros polígonos da modificación do PXOM, sinaladas máis arriba, senón de dificultades que poñen en cuestión o desenrolo do POL RB2.

A Demarcación de Costas en Galicia debe en primeiro lugar establecer o deslinde do dominio público marítimo-terrestre, pois os terreos gañados ao mar son de dominio público, tal coma fixo na Conxeladora segundo sentencia do TSXG e que significou un novo deslinde marítimo-terrestre aprobado polo Ministerio de Medio Ambiente, aplicando a Ley de Protección y Usos Sostenibles del Litoral de maio de 2013, gañando a metade dos terreos para usos públicos, 41 951m2.. Costas de Galicia debe establecer cartograficamente e topograficamente o espazo de recheos gañados ao mar desde a instalación no ano 1932 da Fábrica de Iodo, espazo con recheos posteriores realizados pola Fábrica de Algas (EASA) e por Asteleiros Valiñas. Pódese ver todo isto nos planos da instalación da Fábrica de Iodo ou nos restos dos carros de varada e cantís dos desaparecidos Asteleiros Valiñas, comparados polos aportados na modificación do PXOM.

Costas de Galicia tamén debe facer un estudo sobre as mareas e temporais desde antes a primeira instalación industrial na zona, en aplicación da actual lexislación de Cambio Climático, xa cos terreos do POL RB2 están en espazos inundables. A Ley 15/2004 di que "nas áreas ameazadas por graves riscos naturais e tecnolóxicos, como inundación, afundimento, incendio, contaminación?non se permitirá ninguna construción, instalación ou calquera outro uso do que resulte susceptible de padecer estes riscos". Tamén o Plan de Xestión do Risco de Inundacións de Galicia sinala como necesaria a limitación de usos de zonas inundables, así como "medidas para adaptar o planeamento urbanístico ao risco de inundación", coa filosofía de deseñar infraestruturas de edificación pensando no cambio climático. Cambio climático que segundo Nature Communications, observatorio independente sobre o cambio climático, significará un incremento do nivel do mar ata 2100 de entre 0,5 e 0,7 metros e no peor dos casos de entre 0,5 e 1 metros (LA OPINIÓN, 29 de outubro de 2019)

Os mamotretos a construír significan un atentado paisaxístico á fachada marítima da ría do Burgo. A modificación do PXOM fala da "recuperación de ambientes degradados" e a Lei da Paisaxe de Galicia fala de harmonización das contornas, de forma que o desenrolo urbanístico do proxecto do POL RB2 ten que estar supeditado a dita Lei. Así, no capitulo primeiro, artigo 2-d di a Lei: "Deseñar e aplicar políticas destinadas á protección, xestión e ordenación da paisaxe, integrando estas políticas nas de protección ambiental, de ordenación territorial e urbanística". Mentres, o POL RB2 destrúe o espazo libre que queda despois da desaparición dos Asteleiros, en contradición ca Ley da Paisaxe de Galiza. A Xunta ten capacidade de aplicar a lei e paralizar o POL RB 2, pois ten a "competencia para a aprobación das directrices de paisaxe".

O Concello da Coruña ten deseñado o paseo marítimo ata a cala RB 2. Debe solicitar a Costas que despois dea feito o deslinde marítimo-terrestre á súa servidume, se estabeleza un espazo de 20 metros de amilloramento de servidume de tránsito, segundo o artigo 21 da Lei de Costas. O Concello non pode aprobar os proxectos construtivos da empresa promotora sen resolver os problemas legais que pesan sobre a parcela, para o cal primeiramente é necesario o seguinte: "En solo urbano non consolidado requirirase a previa aprobación do plan especial do polígono correspondente", ademais de que "en lugares de paisaxe aberto e natural non se permitirá altura das construcións, muros e peches que limiten o campo visual para contemplar as belezas naturais, rompan a harmonía da paisaxe, desfiguren a perspectiva propia do mesmo ou limiten ou impidan a contemplación do conxunto", segundo a Lei do Solo, artigo 91.b. ademais, a Lei de Paisaxe sinala no artigo 11.1 que "as entidades promotoras deberán incorporar no estudo de impacto ambiental un estudo de impacto e integración paisaxística no que se avaliaran os efectos e impactos que o proxecto poida provocar na paisaxe". Tendo sempre a prevalencia da Lei sobre o proxecto construtivo da empresa promotora.

En todo caso está na man do Concello trasladar a edificabilidade da parcela ou a permuta dos terreos dentro da modificación do PXOM, posibilidades que ofrece a súa redacción. Hai que ter en conta que a edificabilidade da parcela é a máxima a realizar, mais non é algo inherente á mesma, pode ser reducida pola aprobación definitiva do proxecto de construción.

O desenrolo do POL RB 2 e outros varios dos POL, aprobados na modificación do PXOM, vai significar un deterioro irreversible da fachada marítima na ría do Burgo. É unha das varias manobras especulativas da época de Francisco Vázquez, realizada con total escurantismo. Mais aínda temos tempo de emendar a desfeita: a información, o debate e a participación cidadán é fundamental. As administracións públicas teñen a obriga de informar e fomentar a participación dos cidadáns no desenrolo do POL RB 2 e o resto dos polígonos. Así o recoñece o Regulamento da Lei da Paisaxe de Galicia, que no seu capítulo segundo, artigo 4, fala de "promover a participación pública en materia de paisaxe" e no artigo 8 da "publicidade activa e deito de acceso e información pública en materia de paisaxe". E sobre todo, no capítulo cuarto, artigo 36, "establecer mecanismo de participación social na toma de decisións e na definición das políticas de paisaxe, sobre todo, coas entidades locais.

Xa polos anos 1940 houbo outro intento desde sectores empresariais e a Cámara de Comercio por desfacer a ría do Burgo e a súa fachada marítima, utilizando máis de 2.000.000 de metros cadrados mediante recheos e desfacendo todo o entorno natural para a instalación de novas industrias de carácter metalúrxico, téxtil, madeira,etc. Aínda algunhas pegadas quedan na ría, mais o proxecto foi finalmente rexeitado, optando pola opción mais racional do polígono de Agrela. A modificación puntual do PXOM na ría da Pasaxe é unha nova xogada especulativa en beneficio só da industria da construción e do ladrillo. Agora os veciños temos moito que opinar e decidir. E as administracións -Xunta, Costas de Galicia e Concello- teñen moito que pensar antes de dar pasos adiante en tal desfeita.