Dorothé Schubarth chegou a Galicia a finais dos anos setenta buscando coplas, melodías e instrumentos e atopou toda unha maneira de vivir relacionada coa música. Os xornalistas Alejandro Gándara e Olaia Tubío traballaron durante dous anos no documental Dorothé na Vila, que, a xeito de road movie, percorre Galicia en busca da memoria que queda do que a musicóloga suíza recolleu no Cancioneiro Popular Galego, xunto a Antón Santamarina.

Conta Alejandro Gándara que foi o músico coruñés Richi Casás quen lles abriu a porta a este universo de Dorothé Schubarth, xa que tanto a súa avoa Rosa coma a súa tía Adolfina, ambas as dúas de Cerceda, forman parte destas trescentas horas que a investigadora levou para casa cando rematou o seu traballo por Galicia. Elas, porén, nunca lle falaron dese día.

Explica Gándara que, para elas, non era extraordinario o que fixeran: porque era "unha tarde máis de foliada", na que había "unha muller que recollía o que facían", porque para elas cantar e tocar era algo natural, algo tan integrado na súa vida que non lle daban importancia. Case coma se alguén viñese de fóra agora para gravar como mandamos audios de whatsapp mentres facemos de comer ou traballamos. Elas cantaban e facían as súas tarefas, tocaban e vivían, sempre ao mesmo ritmo. "Dorothé fala desa recollida de Rosa e Adolfina no cancioneiro. Menciona que se converteu nunha festa, que entraban veciños, que había unha espontaneidade tremenda e que botaban coplas que se referían especificamente a ese momento, ao que estaba pasando", lembra. "Nós vémolo xa desde a perspectiva de que o que elas facían é arte e é música, as informantes, normalmente, vían cantar e bailar coma unha cousa más da súa vida, como poderían ser as ferramentas de labranza", puntualiza.

E agora, en primeira persoa,estando presente, pero sen saír en pantalla, a viaxe de Dorothé volve cobrar vida. "O que nos interesaba saber era como foran aquelas gravacións, que había detrás, como sería aquela xente e cales eran as súas vidas. Unha parte está recollida como notas no cancioneiro, pero non é unha parte fundamental, por iso nos decidimos a saír e a ver que atopabamos", explica Gándara, e non só iso, tamén o seu proceso de se achegar a Schubarth para que lles servise de guía. "Sen saír, foinos axudando moito a atopar a xente", relata Gándara.

Hai protagonistas que xa non están, outras, que non lembran todo, pero que aínda son quen de rescatar das súas lembranzas coplas e cantigas. "É unha memoria que queda moi viva, pasa moito coa xente maior, que se acorda máis do de antes que do de agora", explica Gándara. O documental estrearase mañá na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE), en Compostela, con todas as entradas esgotadas, e, estes días, iniciará xa un percorrido por festivais. Para volver reconstruír o camiño de Schubarth percorreron vilas de Cerceda, Tordoia, Dumbría, Muxía, da costa de Carnota e de Malpica, entre outros lugares.

Haberá catro proxeccións pequenas para a xente dalgunhas das vilas nas que estivo Schubarth, para que as súas protagonistas poidan velo e, despois, segundo vaia evolucionando a pandemia, o equipo do do filme irá vendo se pode proxectalo en máis lugares.