A crise sanitaria derivada da Covid-19 ten evidenciado a febleza do sistema sanitario, inzado de privatizacións en todos estes anos, e tamén do sistema educativo, que acumula perda de postos de traballo e peches de escolas por motivos estrictamente políticos.

Mais non podemos esquecer a outra cara da pandemia: o sufrimento dos animais. Nestes meses temos visto como algún iluminado, na Coruña, puña en alugueiro a varios cans para sortear o confinamento decretado polo Goberno central e poder saír á rúa, como os anuncios de compravenda de cans se multiplicaban a través de internet e de coñecidas redes sociais e como logo do levantamento desta corentena comezaban a chegar canciños ás entidades protectoras, camadas de gatos arroxadas a colectores do lixo e devolucións a canceiras porque xa non era prioritario ter un animal no fogar para sair de parranda.

Nestes meses de incertidume, de perdas familiares e de vaivéns nas políticas públicas das diferentes administracións, as chamadas fake news tamén fixeron a súa aparición para tratar de condenar, todavía máis, aos animais. Os bulos sobre a transmisión da Covid-19 dende os animais da casa ás persoas fixeron que algunhas abandonaran aos seus compañeiros sen contrastar o máis mínimo a información. Colectivos animalistas, colexios veterinarios e a propia Xunta de Galicia tivemos que traballar para desmontar estas mentiras e evitar males maiores no noso país, algo que non se puido parar en países como Italia ou a China. Sóavos de algo? Si, as campañas de rumoroloxía atentan contra todo e contra todas e todos.

A pandemia golpeou con especial dureza ás ONG. Protectoras e centos de voluntarias e voluntarios que cada día recollen animais da rúa, que lles prestan coidados e lles dan unha vida e un fogar dignos viron dun día para outro como non podían axudar nas mesmas condicións. A iso sumouse a cancelación das actividades presenciais que axudan a recibir doativos e materiais básicos para a súa labor e tamén as baixas de persoas asociadas por mor da perda dun posto de traballo ou a entrada en ERTE, co que había que priorizar os cartos da casa.

A axuda do goberno galego nesta materia foi exigua, por non dicír nula. Algúns traxes de protección, doados a súa vez por empresas, e uns quilos de penso é a aportación dun executivo que cada ano manexa centos de millóns de euros. E o peor de todo é que non hai plans por se existe un novo confinamento.

Galicia é a comunidade que alberga o 80% das granxas peleteiras de todo o estado español. Por que conto isto? Unha das derivacións que tivo a crise sanitaria sobre os animais afectou a este tipo de instalacións, detectando nos Países Baixos e Dinamarca contaxios en visóns americanos, situación semellante que se deu en Teruel onde o goberno aragonés ordenou matar a máis de 92.000 animais por "precaución".

Froito destas circunstancias existen pesquisas científicas sobre a posibilidade de que os mustélidos poidan transmitir o coronavirus aos humanos, unha situación que dende o lobby peleteiro español apresurábanse a desmentir aludindo a falta de evidencias. Si. Faltan evidencias agora o que non quere dicir que non as haxa e ata reputados científicos teñen advertido de que esta transmisibilidade non é descartable. A estratexia das granxas é clara: queren evitar o peche dunhas instalacións noxentas onde os animais están masificados en pequenas gaiolas e todo para facer prendas.

A crise social e sanitaria puxo en xaque a todo o sistema. Non hai dubida algunha de que a defensa dos animais non foi allea e puxo sobre a mesa diferentes iniciativas políticas e lexislativas para evitar un derrubamento dun modelo de traballo que evita cada ano centos de milleiros de gasto público en servizos de recollida de animais abandonados e que non recibe nin un simple ou meritorio recoñecemento pola súa labor.

Persoas anónimas que gastan os seus cartos para alimentar aos gatos ferais, que financian as esterilizacións para controlar a súa poboación e que durante o confinamento foron ameazadas con sanc ións ou polos policías de balcón que evidenciaron a insolidaridade, e tamén a falta de estímulos de ocio na casa, dalgúns.

Pero tamén serviu para afortalar a solidariedade da cidadanía. Os aplausos ás profesionais sanitarias, extensibles a mestres, limpadoras, caixeiros e traballadores esenciais, a creación de bancos de alimentos veciñais, que non se esquecían dos animais, compañeiros de familia, amosan que todavía hai esperanza.