O científico e divulgador Xosé Antón Fraga deixa a presidencia do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses "satisfeito" polo traballo feito a pesar das dificultades e "preocupado" por que non se solucionen problemas que a entidade arrastra desde hai moitos anos.

Colleu a presidencia do instituto en decembro de 2016 deixa o cargo porque rematou o mandato ou por outra razón?

Os estatutos indican que o mandato é por tres anos, pero na práctica non se viña facendo moita aplicación diso. A min pareceume que, con tres anos e medio, abondaba. Cando me presentei o meu programa tiña dúas partes: unha era dinamizar o instituto, que estaba nunha situación de franca parálise desde había anos, e dixen que ía intentar que cobrase algo de vida. A outra parte era que se fixese desde unha perspectiva plural.

Logrouno?

Penso que si. Viuse que o instituto podía achegar cousas, que tiña vida, que motivaba e facilitaba a actividade cultural, pero desde unha parcela que é diferente á das asociacións culturais, que xorden dun determinado grupo ou dunha determinada forma de ver o mundo. O instituto, porén, debe ter unha perspectiva institucional e plural. Penso que funcionou e que se asentou. Unha vez posto en marcha, coido que a miña etapa rematou. Rematei o que tiña previsto, renovouse a composición do instituto, coa incorporación de persoas máis novas, tamén de mulleres e de novos colaboradores. É unha ferramenta útil para a cidade porque se o instituto continuaba esmorecendo e vivindo con respiración asistida, o que había que preguntarse era se tiña utilidade. Creo que se demostrou que a tiña, entón considero que rematou o meu labor.

Pero deixa a institución ou seguirá formando parte dela?

Vou seguir sendo membro, contribuíndo e axudando na súa actividade, pero desde outro posto e outra responsabilidade.

Vai haber eleccións ou como van artellar o relevo?

En xaneiro expuxen que se tiña que presentar unha candidatura para o relevo, de momento aínda non deu ninguén ese paso, entendo que haberá que solucionalo nos vindeiros meses. O instituto ten unha xunta directiva e ten un padroado presidido pola alcaldesa da cidade, entón, terá que haber un momento no que o Concello asuma o reto de ver, unha vez superada esta etapa inicial, que quere facer co instituto, se cre que merece a pena impulsalo ou mantelo como unha entidade morna, que esmoreza. Agora mesmo correspóndelle os responsables municipais tomar esa decisión.

Cando tomou posesión no 2016, falaba de que as instalacións se lles quedaban pequenas, avanzaron algo nese tema?

Non, niso non conseguimos avanzar, coma noutros temas de carácter interno. O instituto traballa en base ao persoal que lle facilita o Concello e tampouco se resolveu algunha situación incómoda que hai no interior,. Hai temas pendentes. A xestión cotiá está moi complicada porque ten que seguir a dinámica administrativa municipal.

Por que?

Por exemplo, a nosa revista, que recuperamos no ano 2018, despois de anos de ausencia. Os orixinais do segundo número están entregados desde xaneiro de 2019 e máis dun ano e medio despois aínda non está publicada. Son problemas de xestión administrativa, pero tamén o Concello debe decidir. Creo que hai un problema político de fondo que hai que resolver. Hai dúas vías: a de termos aquí uns fondos documentais moi valiosos e facer un acto ao ano, ou a vía de promover iniciativas durante todo o ano. Este ano fixemos algo que me parece moi positivo, que foi chamar a atención sobre o aniversario do trienio liberal, que é un acontecemento fundamental nesta cidade, promover a revista... Esas actuacións foron posibles porque houbo xente que, de maneira voluntaria e altruísta colaborou, pero chega un momento no que precisamos que o Concello se decante e superemos formas parciais de ver a realidade, sectarismos e apostemos por un labor institucional e colectivo de futuro. Eu é algo que non vexo totalmente claro.

Por que?

Paréceme que o instituto ten un potencial demostrado pero ás veces, semella que hai reservas, que se busca unha determinada dirección ou forma de traballo ou os responsables políticos polo menos neste momento dubidan do grao de apoio que lle poden dar ao instituto. Iso hai que aclaralo. Pretendín facer unha institución plural. A Coruña é unha cidade aberta e liberal pero menos do que parece, tamén ten na súa interioridade, nos seus xestores, asesores políticos e fontaneiros políticos unha visión patrimonial sesgada e de desconfianza cara aos proxectos que non se ubican na súa área ou na súa tendencia ou son protagonizados por xente que non son das súas ideas. É un infantilismo e unha visión primaria que nos dificulta un montón avanzar, sobre todo, en tempos de pandemia, nos que temos que elaborar proxectos colectivos nos que non existan estas desconfianzas e nos que a xente contribúa co mellor que teña.

Marcha satisfeito?

Por unha banda, si, pero marcho preocupado porque vexo que hai dúbidas e dificultades que non parecen xustificadas e que se deberan despexar. O instituto non pode ser un lugar onde as persoas de certo prestixio se recoñezan, pero carezan de proxección. Ten que ter vida, dinamismo e ten que facer achegas á sociedade. Quedan temas por resolver e agardemos que se afronten.

Polo que di, entendo que, desde o cambio no Goberno local, fíxose nada ou moi pouco favorable de cara ao instituto.

O Goberno actual ten unha disposición obxectiva cara ao instituto, a Concellaría de Cultura colaborou no que puido pero é verdade que, desde o punto político global, o Concello non dá resposta a temas básicos que afectan ao funcionamento. A súa xestión, actualmente, é tremendamente complicada para o que son os nosos fins. Precisamos un mecanismo actualizado que nos permita seguir coa nosa actividade. Non é de recibo que teñamos paralizada unha revista ano e pico, nin que a nosa estrutura xurídica estea en revisión desde hai máis dun ano para ver como se pode actualizar. Ten boa disposición e un trato correcto, pero semella que falta pulo decidido e unha promoción clara do que debe ser.

Cal é o motivo?

Non o sei, non sei se é por desconfianza sobre quen somos os protagonistas ou por que. Iso terán que dicilo eles. Non dan pasos concretos para solucionar os nosos problemas, que son de persoal, de xestión... Iso está igual que cando a Corporación tomou posesión.

Sorprendentemente, non é problema de financiamento, que é o que adoita pasar nestes casos.

Os cartos son importantes, pero o noso problema non é de orzamento, é coa xestión dese orzamento. Se nós para poder publicar unha revista temos que esperar un ano e medio, aínda tendo os cartos, é que na Mesa de Contratación do Concello, a publicación da revista é o último tema de prioridade. É algo incomprensible. O traballo que se fixo foi por enriba das dificultades obxectivas que temos. Na pandemia fixemos un libro de testemuñas que conseguimos publicar rapidamente, pero, noutros momentos resúltanos moi difícil facelo. Sabemos que os responsables municipais teñen enriba da mesa temas moi importantes pero, nalgún momento, tocaralles, supoño, afrontar a realidade do instituto Cornide.

E agora que pasará co instituto?

Pois igual vén unha persoa que goce de máis simpatía do Goberno local, iso nunca se explicita, pero está aí. Son cousas que son politicamente incorrectas de expoñer en público, pero que están presentes. Igual pode axudar. Do que se trata é de que o instituto, que é de todos, goce de actividade. Eu seguirei colaborando e abondan proxectos por facer.

Este relativo desencanto non lle quita as ganas de seguir traballando?

Se a saúde acompaña, claro que non. Chegado a unha idade hai que considerar en que medida o esforzo compensa e ten sentido.