A asociación de veciños de Labañou continúa en loita para "cambiar o rumbo" do proxecto das Percebeiras, co que a inmobiliaria Metrovacesa lideraría un plan para construír dous edificios de 14 e 11 plantas. O secretario da entidade veciñal, Pablo Leira, sinala que, ante unha obra destas características, o máis importante é "escoitar á veciñanza". Recorda, ademais, que A Coruña "ten poucos parques", de aí a necesidade de converter estes terreos nun "espazo común".

Desde a asociación insisten na idea dun Labañou "aberto ao mar". Ese é a única razón para desbotar o plan das Percebeiras?

Si. Iso é o que nos gustaría. Cremos que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) feito en 1998 e ata 2013, no que se subiu a edificabilidade, non é o axeitado para agora mesmo. As Percebeiras non é so unha oportunidade para o barrio senón para toda a cidade. A Coruña ten moi poucos parques no centro e aquí poderíase facer outro espazo verde para todos. Ao saír do confinamento vimos que os espazos comúns non chegaron a nada. A densidade de poboación da Coruña é moi elevada.

P ero, ante todo, esixe que se escoite á veciñanza para que achegue a súa opinión.

Por suposto. Os veciños teñen o dereito a saber e a opinar. O proxecto, que é público agora, propón cinco alternativas que na nosa opinión non cumpren o PXOM. Ademais, non sae a alternativa cero, que sería ver que impactos negativos e positivos tería esa opción na contorna da nosa cidade. Os veciños, polo menos, deberían saber o que implicaría isto. Seguramente habería que indemnizar os promotores. Pero tamén é importante a opinión desa veciñanza. Nunha cidade na que case non hai parques, canto gustaría ter outra zona verde?

A asociación de veciños, que pide ao Goberno local, que aprobou este proxecto o pasado mes de xullo?

Que explore todas as vías. Hai máis opcións que aprobar ese proxecto que, para nós, repito, non cumpre o PXOM de 2013. Gustaríanos abrir un debate coa veciñanza e ver que é o necesario nesta cidade. Unha vez que está construído, é xa unha oportunidade perdida. Xa non estamos nos anos 60, 80 ou 90, nin tampouco nos de antes da crise. Agora hai outro organismo, outras leis e outra maneira de pensar da xente, ademais de que estamos nun momento no que vemos os inconvenientes de ter moita densidade de poboación, pois hai máis contaxios de coronavirus nesas zonas. Queremos que se analice, que se vexa tamén como unha oportunidade de gañar espazos comúns para a xente.

Teñen desde a asociación contacto directo co Concello para trataren este tema?

Si. Tivemos unha reunión na que explicaron o seu punto de vista. Pero, de momento, nós estamos analizando o proxecto, vendo as alegacións que imos facer ao trámite ambiental e as posibilidades que temos.

En que estado se atopan esas alegacións?

Aínda non están redactadas porque é un proceso longo e os documentos son moi densos. É un tema árido e complexo.