08 de septiembre de 2020
08.09.2020
La Opinión de A Coruña

O renacemento do burlesque

A provocación volta á urbe tras seis anos de ausencia co Festival Galego de Cabaré, reprogramado do 2 ao 4 de outubro despois da súa cancelación en marzo

08.09.2020 | 00:55
O artista Nelson Quinteiro, nunha das actuacións da súa compañía.

Na popular película dos 70 Cabaret, protagonizada por Liza Minnelli como a chamativa Sally Bowles e con Joel Grey como o atrevido mestre de cerimonias, os cidadáns de Berlín están famentos de refuxio. Nun intre no que o nazismo pasaba dun movemento anecdótico ao odio que se estendería logo como unha chispa sobre follas secas, o pobo desexaba desesperadamente un lugar no que distanciarse das rúas, e abandonar os cenos enrrugados, o medo e as estrelas cosidas ás mangas das camisas. O mundo bohemio que ofrece o Kit Kat Club, brillantemente retratado por Bob Fosse coas súas provocacións e fume de cigarros, semella o salvoconduto perfecto para perderse. No cabaré non hai só burlas ou bailes, dramaturxia e descaro. Hai unha realidade máis flexible que traslada, por unhas horas, a liña da liberdade uns metros máis aló do establecido.

O mundo non se asoma hoxe a outra guerra mundial como aquela, pero a compañía de Nelson Quinteiro -unha oda ao xénero desde fai anos-, comparte a mesma meta que a do cinematográfico club alemán. Porque desde o escenario, indica o creativo, librarase tamén unha batalla, malia que un tanto distinta. Desta volta é o Covid o que agardará ás portas do teatro, pero unha vez dentro, no Colón, Quinteiro fará o posible por deixalo atrás. "Queremos crear un espazo de evocación e de evasión, que a xente veña gozar. O coronavirus está tan presente que xa nin nos apetece facer bromas sobre el", explica o responsable do Festival Galego de Cabaré.

Este outubro, o ciclo de actuacións proponse tomarlle o desquite ao virus, que obrigou á cancelación do programa previsto para marzo. As novas datas irán do 2 ao día 4, e suporán unha edición máis "local e galega" do plantexado inicialmente. Non haberá esta vez, como se anunciara a comezos de ano, aquel homenaxe a Pía Tedesco coa presencia da artista para repasar a historia do cabaré desde as súas orixes ata a actualidade. Si manterase porén "o espírito" do bosquexo inicial, cun "triplo fincapé nos xéneros do burlesque, o cabaré e o swing".

Cada unha das xornadas estará dedicada a unha póla. O primeiro día será a quenda da máis norteamericana con Cabaresque, un espectáculo de El Burlesco Malandrín e Srta. Siller. Nel haberá chiscos ás típicas funcións de variedades, humor e o sabor máis picante do shows das Vegas. Aínda que moitos o confundan co cabaré, Quinteiro indica que o burlesque é máis provocativo -con Bettie Page como "fada madriña"-, e enfócase "en todo o que é a maquinaria arredor do corpo e o striptis como disciplina".

O cabaré, pola súa banda, non prescindirá de xogos de cadeiras, bailes e acrobacias, pero será apto para todos os públicos no peche do festexo o día 4. "É moito máis literario. Faremos un percorrido pola literatura do século XX e as vangardas, mesturando danza tradicional, contemporánea e cabaré", explica Quinteiro. O formato no que cobrará vida será a Gala Femme Fatale, con Iria Pinheiro e Yolanda Paz como artistas invitadas xunto aos integrantes da compañía Nelson Quinteiro. En total, o festival contará con máis dunha vintena de intérpretes, entre eles máis dunha decena da Swing Machine Orchestra,que o 3 de outubro farán soar o mellor dos anos 30 co concerto Paseando el swing.

A música da época non será o único punto de nostalxia. A propia edición -a once desde o seu inicio en 2006-, supón unha reliquia do pasado, xa que facía seis anos que o Festival Galego de Cabaré non se celebraba na cidade. En 2014, por mor da crise do 2008, o ciclo despediuse da urbe, levándose con el plumas, perrucas e insolencias. Foi Bettina Koolhaas, actual directora do Colón, a que impulsou o regreso ao teatro do programa, no que traballara durante as súas primeiras edicións.

Apoios como eses, di Quinteiro, son especialmente necesarios nun intre como o da pandemia. "Somos moitos artistas e iso hai que pagalo. Ten que haber compañías que se animen, e administracións que as contraten", sinala. O intérprete lamenta que o seu semelle "un xénero menor", e que outra crise golpee cando se empezaba a saír da primeira. Pero "é moito de artista estar no arame", apunta. Quizais, máis se cabe aínda, cando un fala de cabaré.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es