Con respecto, pero sen medo, e sobre todo preparados. Así define o presidente da Asociación de Equipos Directivos de Centros Públicos, Antonio Leonardo Pastor, a situación dos colexios coruñeses fronte ao novo curso escolar, que comezará mañá para os estudantes de Infantil e Primaria. A partir deste xoves, escolares e mestres teranse que adaptar a un novo xeito de proceder nas aulas, con entradas e saídas por chanzos, extraescolares telemáticas, grupos burbulla e quendas para recreos e comedor. O tamén director do Curros Enríquez recoñece que será "difícil" levar o protocolo a cabo, pero pide calma ás familias e, a Xunta e Concello, un acordo para reforzar nos centros a plantilla de limpeza.

Quedan horas para o inicio do curso. Como afrontan o desafío?

Temos xa case todo preparado para que empece a rodar e os nenos poidan por fin acudir ás aulas. A seguridade é total, as familias poden estar tranquilas porque os centros son espazos seguros. No Curros Enríquez estamos tendo as últimas titorías, e a asistencia é notoria.

Reciben moitas dúbidas dos pro xenitores?

Tratamos de dar información, porque a que teñen ás veces é errónea. Estase transmitindo ás familias que non vai haber comedor, actividades extraescolares? E iso non é así. Vai funcionar todo doutro xeito, pero imos ter os servizos que tiñamos antes. Teremos que ter en conta como vai mudando a situación, e iremos adaptando os protocolos.

No da Xunta, as extraescolares non se concretan. Con que marco as ofertarán?

Na medida do posible, as extraescolares terán que facerse de maneira telemática, pero hai outras que non se poden facer así. Esas terán que axustarse ao aforo dos espazos que se empreguen, e sempre tratando de ventilar entre un grupo e outro, manter unhas distancias? Evidentemente, as actividades de contacto terán que ser substituídas. Pero si vai haber outras nas que os nenos poidan ter ocio e as familias poidan conciliar.

Os protocolos fixéronse a contrarreloxo, e as ANPA criticaron a falta de información da administración. Botaron en falta algo da Xunta?

Nós mantivemos contactos coas administracións das que dependemos. Durante todo este período de lecer, tivemos contactos coa Xunta por mediación da Xunta Autonómica de Directores, e co Concello para elaborar o inicio de curso. Non podo dicir que non houbo comunicación. Eu tiven reunións en agosto e coido que a Xunta Autonómica de Directores tamén as tivo.

En canto á xestión das entradas e saídas, o Concello dixo que sería "ensaio e erro".

Temos pedido tamén a presenza de Policía e Protección Civil nas entradas e saídas dos centros porque, ao non poder entrar os pais, vanse producir aglomeracións na entrada. Para poder levar este protocolo a cabo, nós dependemos das dúas administracións. Tanto da Xunta como do Concello temos que ver un xesto. A Xunta si tivo un, a dotación de profesorado. Non temos na Coruña ningunha aula que supere os 25 alumnos de ratio. Isto non acontecía en cursos pasados, nos que tivemos de 27 a 28 alumnos. Pero tamén é certo que precisamos dun incremento do persoal de limpeza, porque vai ter máis tarefa que o ano pasado, e non o estamos a recibir. Solicitámolo ao Concello e a resposta ata agora non é positiva.

O Concello asegura que non dispón de orzamento para realizar tantas desinfeccións.

Terán que mirar de onde sacan o diñeiro. Nós non manexamos datos económicos, a nós nos interesa que os problemas se resolvan. Se a Xunta obriga a ter máis persoal de limpeza, terán que falar entre eles, pero iso non lle compete ao persoal directivo.

Para vostedes, cal foi a maior dificultade?

Toda a situación é dunha complexidade moi grande. Este curso vai ser totalmente distinto a calquera outro. Horarios, recreos, gardas? É todo moi difícil. É unha labor nosa e das familias concienciar aos alumnos de que van ter que mudar hábitos para poder convivir no espazo.

Como se formará aos alumnos para que asimilen as restricións, tendo en conta que nin os adultos as cumpren ás veces?

Aí está o problema. Para solucionar isto temos que arrimar o ombro e pór da nosa parte. Se o profesorado da instrucións aos alumnos de como teñen que comportarse, e non temos o apoio das familias detrás, non imos conseguir nada. É imprescindible que tanto familias como mestres vaiamos da man nisto.

Os catro últimos meses do pasado curso foron un limbo para os estudantes. Notarase ese atraso na aprendizaxe no novo período?

Eu estou seguro de que en Infantil e Primaria non van notarse eses meses onde non se impartiu materia nova. Neste primeiro trimestre imos tocar eses puntos máis importantes do último curso que quedaron, e os nenos vanse pór ao día enseguida.

E están preparados para manexar un novo confinamento, de darse?

Si. Este ano xa non nos vai coller por sorpresa. Xa durante o pasado trimestre a resposta do profesorado aos medios tecnolóxicos foi sobresaínte. No meu centro, de 24, 21 fixemos un cursillo. Este ano está todo o mundo preparado para traballar na aula virtual, e de xeito presencial vaise instruír aos alumnos sobre como acceder a ela por se chega o caso de que non haxa presencialidade.

Dita presencialidade esixiu modificar os espazos. Iso tamén requeriu un grande esforzo.

É un problema que tivemos en todos os centros da Coruña. Hai colexios que se quedaron sen aulas de informática, noutros fixéronse no recibidor. Evidentemente, agardamos que esta situación sexa puntual, porque a calidade de ensino dos centros non pode ser igual con menos recursos. Ogallá poidamos volver á normalidade o antes posible.