Salvamento Marítimo asistiu onte pola tarde en augas do cabo Prior, na entrada á ría de Ferrol, ao veleiro Beatiful dreamer, con tres tripulantes a bordo: dous finlandeses e un británico. Na súa ruta de onte a embarcación interactuou con alomenos dúas candorcas (orcas), que causaron danos no leme (timón) do veleiro. Debido a que o timón quedou danado non foi posible o seu uso para a navegación e Salvamento Marítimo procedeu ao seu remolque a porto. A tripulación do Beatifull dreamer non resultou ferida.

O avistamento de candorcas en augas atlánticas galegas prodúcese dende hai alomenos tres semanas. Pero nesa que se di interactuación con embarcacións -sempre veleiros en augas galegas, aínda que nas de Cádiz tamén se levaron a cabo con embarcacións tipo zodiac- as máis chamativas foron as realizadas perto da illa de Ons e a escasa distancia de Corrubedo hai pouco máis dunha semana.

Fontes da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) desbotan a posibilidade de que se trate de ataques e céntranse na realización do que no ser humano serían xogos infantís, por canto o que ata o de agora levan estudado permite que, ao igual que nos casos anteriormente citados, sexan exemplares xuvenís -dous en concreto- os que realizan estes contactos co timón das embarcacións que, ao se mover, chaman a súa atención. É por este motivo polo que navegantes oceánicos consultados recomendan que, de estaren próximos a exemplares de candorcas, inmovilicen o timón ata que elas continúen o seu desprazamento.

Alfredo López, biólogo e voceiro do Cemma, coida que estes dous exemplares mozos de candorca son sempre os mesmos que establecen contacto con embarcacións a vela, o que non significa que non integren unha familia máis ampla que, á vista da abundante presenza de atún nas costas galegas, permanecen nestas para continuar abastecéndose de comida. Estes exemplares non superan os catro ou cinco metros de lonxitude; os exemplares machos adultos acadan lonxitudes de ata seis metros e, excepcionalmente, algo máis, pero nunca eses 20 metros dos que algúns mariñeiros, levados pola súa fantasía, calculan.