O biólogo Alfredo López forma parte dun grupo internacional que se vén de constituír para estudar as interaccións dos cetáceos cos humanos e as súas embarcacións.

Está habendo agora máis visitas de grandes cetáceos á costa actualmente ou, como temos cámara no móbil e redes sociais, só somos máis conscientes da súa presenza?

Cetáceos sempre houbo, pero estes últimos veráns estase a dar unha situación especial de alimento no mar e iso dá un certo incremento da poboación de cetáceos promocionada polo tema dos teléfonos móbiles e das redes sociais.

Cales son esas circunstancias especiais de alimento no mar?

Debido ao afloramento nestes veráns está a haber bastante comida, bastante peixe. Nestes momentos está a pasar bastante atún, bastante peixe espada, especies que non se ven todos os anos e iso quere dicir que hai bastante comida no mar e preto da costa e iso provoca a maior presenza de depredadores, como son os cetáceos, e tamén unha maior probabilidade de seren observados.

Estas especies que podemos ver desde A Coruña, en principio, non son violentas nin teñen intención de de facer mal, non?

Non, non. A interacción que se está a producir cos barcos, que era descoñecida até o de agora, ten un compoñente de xogo, de aprendizaxe e ensaio. Non temos constancia de que teñan intención de facer dano.

Cales son os cetáceos que máis se ven desde a costa coruñesa?

As especies que teñen interacción cos barcos son candorcas [ orcas, en español] . Pasan unha vez ao ano, veñen da zona do golfo de Cádiz e diríxense cara ao norte de Europa. Ademais das candorcas, temos en Galicia rexistradas 24 especies diferentes de cetáceos, a maiorparte deles son golfiños, arroaces... Hai grandes baleas.. No verán, dase a circunstancia de que se xuntan, por iso hai bastantes avistamentos. Como hai unha explosión de alimento, todas veñen comer.

Ten que ver este aumento do alimento co cambio que estamos a experimentar no clima?

Iso non o sabemos. Terán que explicalo as persoas que estudan oceonografía ou a evolución dos peixes, porque, a fin de contas, estes animais móvense pola comida e pola tranquilidade e, posiblemente, se hai un cambio de distribución das especies de presa tamén o haberá nos seus depredadores.

Cando se producen estas interaccións cos barcos, que non eran habituais, son ataques?

Nós calificamos estes contactos de interacción. Non ten sentido dicir que estes animais son asasinos, cando eles comen atún e non dicimos que os pescadores sexan asasinos nin que o sexan os consumidores. É un contacto que eles fan coa embarcación e, algunhas veces, prodúcense danos, igual que cando vén o noso sobriño á casa co balón e rompe unha lámpada. Non é un delincuente por iso. Estaba xogando e rompeu algo. Nestes contactos tamén poden pasar estas cousas, que é o que estamos vendo.

Canto tempo se poden ver estes cetáceos de paso pola costa galega?

Non o sabemos, estamos intentando estimar a velocidade de paso cara ao norte, pero non é doado, porque elas non van en liña recta nin dan marcha atrás. Será unha cuestión dun par de semanas, pero poden vir outros grupos detrás, porque sabemos que aínda quedan cetáceos no golfo de Cádiz.

Mentres dure a calor?

Elas o que fan é ir seguindo o atún e o atún móvese en función da temperatura do océano. Aquí as candorcas non viven, só están de paso.

Son adultos ou crías?

Son variados porque son grupos familiares que non van xuntos. Pensamos que os que teñen interacción cos barcos son os máis novos, son máis temerarios e sempre se achegan máis. Os exemplares máis grandes ou as femias con crías non o fan.

Que finalidade ten o grupo de investigación que veñen de crear?

É un grupo de estudo internacional sobre estes casos das candorcas. Buscamos ter a información básica dispoñible e poñela en común para debatila e chegarmos a conclusións. Estamos detectando que estes casos se están a dar desde xuño e desde o golfo de Cádiz. Hai xente de Andalucía, de Portugal, está o home que máis sabe das candorcas, que está nas Azores, e estamos nós, por iso vimos inspeccionar os barcos.