13 de septiembre de 2020
13.09.2020
La Opinión de A Coruña

Bicicletas necesarias, razón aquí

O ciclotaller Recyclos recolle bicis vellas ou en desuso para a súa reparación, coa fin de repartilas a persoas sen recursos tralo aumento da demanda despois do confinamento

13.09.2020 | 00:50
Usuarios reparan as súas bicicletas na sede de Recyclos.

As cidades do futuro camiñan, inevitablemente, cara unha mobilidade máis sustentable. A bicicleta parece ser un dos medios clave para acadar o obxectivo, e o fenómeno do seu uso, con cada vez máis adeptos nos últimos anos, parece terse acelerado dende a fin do confinamento. No ciclotaller autoxestionado Recyclos, adicado á reparación e reciclaxe de bicicletas xa o tiñan claro de antes, pero, agora, o devir dos acontecementos e o aumento drástico da demanda nos últimos meses dálles a razón definitivamente.

O proceso natural, porén, plantexa un problema: "Non todo o mundo ten 100 euros para mercar unha bici ou para amañar a súa", simplifican dende o taller. É por iso que calquera achega é benvida, e toda doazón necesaria. "Recollémolas no taller social, no antigo Padre Rubinos, na rúa Víctor Fernández, os martes de 17.00 a 21.00 horas", precisan. Se o horario se complica, hai opcións. "No correo amobiliza@gmail.com podemos atopar a forma de que nola fagan chegar", concretan.

En Reclyclos atópanse, case por primeira vez na súa historia, con máis demanda de bicicletas que oferta. "Antes doábanas do Concello, as que sobraban de Bicicoruña, as do depósito, de tendas de bicis, de particulares... ", comentan. Non adoitaba haber problema. Agora, co cambio de mentalidade e as esixencias sanitarias, cambia o conto. "Moitos particulares, co tema da Covid, decidiron arranxar as súas bicis. Antes a xente as tiraba, polo que ese subministro está de capa caída", comentan.

Non é o único servizo que ofrece o taller. O proxecto, vinculado á asociación Mobiliza, nace coa vontade de democratizar o uso da bicicleta por enriba dos impedimentos socioeconómicos tan frecuentemente excluíntes. Dende a sede do taller, e coa axuda da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos que lles cede o espazo, os integrantes da asociación ofrecen, a quen a demande, formación no mantemento da bicicleta para quen non poida sufragar os gastos dos arranxos e as reparacións que adoitan precisar. "A filosofía do taller empezou así, para usuarios diarios de bicicletas, que precisaban aprender mecánica para ir arranxándoas", explican.

É así que o taller fundamenta o seu funcionamento na autorreparación, de xeito que quen leve as súas bicicletas a Recyclos terá a oportunidade de arranxalas por si mesmo, ao tempo que os operarios lle explican o como. A través da iniciativa Escola da Bici, financiada polo Concello, ofrecen clases gratuítas de montar en bicicleta, para as que teñen, agora mesmo, unha lista de espera de 140 persoas: "todo mulleres, so un home", especifican, ás que van chamando progresivamente á espera de renovar o convenio co Concello. Outro dos seus proxectos, Escola Taller de Mecánica de Bicicletas, que verá a luz, se as previsións non cambian, a comezos do ano que vén, busca formar a xente en risco de exclusión "para que poida ter posibilidades de búsqueda de traballo ou autoemprego no sector da economía da bici", comentan.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es