Por un tempo atribuíuse a Antonio Frayz, con obradoiro en Santiago entre 1676 e 1697, a impresión en 1679 da primeira publicación realizada na Coruña, as Ordenanzas de la Real Audiencia. Así figura indicado no propio texto, porén diversos especialistas, como o profesor Xosé Ramón Barreiro, expresaron as súas xustificadas dúbidas sobre esa cuestión. Entendían que Frayz confeccionou o libro en Santiago e puxo como lugar de impresión A Coruña como xesto cos seus clientes. Aclarado o tema, trasladouse a aparición do primeiro texto impreso na cidade herculina ao inicio do século XIX, concretamente ao ano 1806, coa publicación do Discurso que compuso y leyó el Prior del Real Consulado de La Coruña Don Manuel Díez Tavanera, el día 15 de agosto de 1806, en la sala de la Biblioteca. Neste episodio imos tratar doutro que posiblemente ocupe ese lugar de privilexio histórico, relacionado coa relevante institución científica que formaba aos gardas mariñas.

A imprenta de Riesgo

O discurso de Díez Tavanera elaborouse na imprenta de "Viuda e Hijos de Riesgo". A empresa procedía da creada por Lorenzo José Riesgo Montero de Espinosa, un impresor que percorrera diversas localidades e que instalara en Ferrol un obradoiro para prestar servizo ao Arsenal, pois ese relevante centro militar era tamén o complexo científico industrial máis notable de Galicia nese tempo, cun destacado papel como polo de atracción de novidades científico-técnicas. Riesgo morreu e a viúva, Patricia Aguirre Miramón, decidiu mudarse a Coruña, onde solicitou o 4 de decembro de 1805 a instalación da súa oficina de imprenta na cidade, lugar no que tería unha curta estadía, pois en 1807 marcharía cara Oviedo. A publicación do discurso do prior do Consulado ao que fixemos alusión puido xurdir das relacións que establecera Riesgo co ferrolán Lucas Labrada Romero (1762-1842), que figuraba nese tempo como secretario da Xunta de Goberno do Consulado Marítimo coruñés e de quen a imprenta editara na cidade departamental a salientable Descripción Económica del Reyno de Galicia.

Primeiro impreso na Coruña?

O texto do que hoxe falamos, Instrucción para guardias marinas de la Compañía del Ferrol, é un folleto, pois ten 23 páxinas e a consideración de libro corresponde a unha extensión de polo menos 49. Está escrito, segundo aparece textualmente, por "D. Salvador María Chacon y Sanchez, Caballero profesor del Orden de Calatraba, Brigadier de la Real Armada, y Capitán de la Compañía de Guardias Marinas de este Departamento". Este Chacón fora nomeado para o cargo por Real Orde de 29 de abril de 1794 e tomou posesión o 5 de maio. O exemplar que coñezo forma parte da biblioteca científica do naturalista ferrolán Víctor López Seoane, integrada nos fondos do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. O feito de que Seoane fose fillo e irmán de oficiais da Mariña puido facilitar o seu acceso ao folleto.

A estadía previa dos impresores en Ferrol explicaría o encargo da publicación, que, en ausencia de data precisa da súa aparición, canto ao mes, podería ser a primeira impresa na Coruña. O discurso de Díez Tavanera ao que fixemos referencia debeu aparecer a fins de ano, pois o acto que recolle tivo lugar o 15 de agosto e debemos engadir un tempo de preparación da súa edición; iso favorecería a probabilidade de que a Instrucción fose o primeiro. Nun ano, o de 1806, importante para a cultura na Coruña. Lembremos que o 12 de agosto abriu as súas portas a biblioteca do Consulado Marítimo, a primeira pública da cidade.

A Instrucción

O obxectivo do folleto era trasladar normas aos integrantes da Compañía ferrolá, mozos entre 16 e 18 anos, sinalándolles unha serie de indicacións "para el mejor orden del régimen que deben mantenerse en el Quartel y Academia". Partindo de "el elemento central de la milicia", a "subordinación, que es la respectiva atención a todo Gefe", o impreso menciona os pasos que deben seguir os gardas mariñas na incorporación á Compañía, coa presentación ao Axudante maior, quen os enviará á súa habitación e revistará a equipaxe. Esta incluirá un "cubierto de plata y un cuchillo", roupa, espada, obxectos diversos e "libro de instrucción militar cristiana, otro de oraciones para oir Misa, Confesar y Comulgar"; tamén material para cando se embarque, instrumentos náuticos, almanaque, libros de estudo e "Tablas de Mendoza". Sen dúbida que se refire ás elaboradas por José Mendoza Ríos, un destacado matemático e astrónomo, autor dunhas "Tablas" moi usadas na época para realizar cálculos de astronomía náutica e navegación.

A Instrucción incluía o horario e actividades a desenvolver. Indicaba que nas saídas ao exterior os gardas mariñas deberían comportarse con decencia, aconsellaba evitar certos locais da vila ferrolá, prohibía xogos e tamén acudir ao barrio "de las Barracas" (Esteiro?). Diferentes alusións no texto trasladan unha consideración algo clasista con relación ao resto da poboación, neste sentido, cómpre lembrar que no Antigo Réxime e ata a Guerra da Independencia (1808), o acceso á oficialidade do Exército e a Mariña estaba limitado a unha parte da sociedade. Os aspirantes a gardas mariñas debían xustificar a orixe nobre dos catro avós. Esa cuestión afectou, por exemplo, a quen sería un salientable mariño, Francisco Mourelle de la Rúa (1750-1820), orixinario de Corme, quen en 1763 quixo ingresar na Compañía de gardas mariñas, que daquela só existía en Cádiz (en Ferrol creouse en 1776) e por carecer de perfil nobre tivo que incorporarse á Academia de Pilotos de Ferrol. De feito, Mourelle chegaría a ser un dos poucos mariños que no século XVIII accedeu desde o modesto emprego de "pilotín" ata o de Xefe de Escuadra da Armada sen pasar pola Compañía de gardas mariñas.

Compañía e Academia

Se a Compañía era unha estrutura militar, a ela estaba asociada un relevante elemento docente, a Academia, onde se formaba técnica e cientificamente aos futuros oficiais, en consonancia coas novas esixencias da navegación e da guerra. O plan de estudos da Academia ferrolá era de 13 de marzo de 1777, orixinario de Vicente Tofiño de San Miguel. Os estudos consistían en cursos de catro meses, iniciados en xaneiro, maio e setembro, con exames a fins de abril, agosto e decembro. As clases eran de oito e media a once e media da mañá, coa seguinte orde: Aritmética, Xeometría, Trigonometría e Navegación. En Aritmética utilizaban o tratado de Luis Godín Compendio de Matemáticas para el uso de los caballeros guardias marinas (1758), para Xeometría o de Vicente Tofiño, Compendio de Geometría elemental y Trigonometría rectilinea (1770). Estudaban Trigronometría e Cosmografía por uns apuntes explicados coa axuda de globos e Navegación segundo o libro de Jorge Juan ( Compendio de Navegación para el uso de los caballeros guardias marinas, 1757), acompañado dun ensino práctico de exemplos. As derradeiras clases da mañá estaban dedicadas a Artillería e Manobras. Pola tarde traballaban na Academia de 3 a 5. Practicaban danza e esgrima ou, os que seguían cursos superiores, debuxo, construción e idiomas (inglés e francés). Estas actividades estaban acompañadas de partes prácticas. Os libros de texto utilizados foron cambiando co paso dos anos; en xeral estaban actualizados, recollían as principais novidades científicas do momento, superando a moitos dos manuais utilizados nas universidades daquel tempo.

Profesorado e Observatorio

A Academia tiña un Director que era o Primeiro Mestre, ao que acompañaban un Segundo e Terceiro Mestres, que ensinaban Matemáticas. Entre o profesorado salientaron dous personaxes, Vimercati e Alonso López. Cipriano Vimercati Benitez (1730-1808) fora "primer profesor" da Academia de Artillería de Segovia, outro importante centro de formación militar. Bernardo José Alonso López (1763-1824) salientou polos seus cálculos e observacións, foi agregado ao Observatorio astronómico da Compañía de gardas mariñas e, polos seus méritos, destinado como definitivo a esa instalación, a primeira dese tipo en Galicia.