A abundancia de atún na costa Ártabra retén en augas galegas a, cando menos, unha manda de candorcas (orcas, en castelán), cuxo interese polos barcos de vela e os lemes (timóns) que empregan para a navegación son un atractivo ineludible para, supostamente, os exemplares máis novos do grupo. Pouco dempois das 0.00 horas deste luns, a sete millas ao suroeste de Cedeira, a embarcación de recreo Amadeus, con dous tripulantes de nacionalidade francesa, foi sorprendida polos cetáceos ("atacados", dixeron os afectados na súa comunicación por radio con Salvamento Marítimo) cando se dirixían ao porto da Coruña. Non padecen danos persoais, pero sí materiais, xa que o leme quedou partido. Por este motivo os tripulantes da embarcación solicitaron a intervención de Salvamento, que desprazou ao punto no que se atopaba á lancha de salvamento Langosteira que os remolcou a Cedeira, onde se procede a arranxar os detrozos ocasionados no timón polas candorcas.

Posteriormente, o veleiro Urki I informou tamén a Salvamento do "ataque" de orcas que destrozaron o leme, deixando á deriva a embarcación a unhas catro millas de Cedeira. Os tripulantes, dous españois, dirixíanse de Fisterra a Gijón e tiveron que ser remolcados pola lancha Langosteira a Cedeira onde tamén se lle repara o leme perdido.

Xa pola tarde do luns, pouco dempois das 16.00, a embarcación Aliana, de bandeira inglesa, comunicaba a Salvamento que tiña danado o timón por outro "ataque" dun grupo de candorcas. Acudiu no seu auxilio a embarcación Salvamar Betelgeuse, a mesma que o pasado venres auxiliou a un veleiro de bandeira inglesa, Beautiful dreamer, con tres homes a bordo a seis millas de cabo Prior por outra candorca que destrozou o timón.