As praias da Coruña contan, como as de moitas calas do mundo, unha mentira que só se descobre se un mira de preto. "A primeira vista, se as observas desde arriba, parece que están limpas, pero o mar ten feridas abertas e están supurando plásticos", di Xosé Manuel Barros, presidente de Mar de Fábula. O colectivo puido comprobalo onte, nunha sesión de limpeza nos areais de Riazor, Orzán e o Matadeiro organizada entre a asociación e WE Sustainabiliy. Durante dúas horas, un grupo de cen voluntarios afanáronse por recoller os bastonciños, cabichas e latas que se ocultan entre a area, apañando arredor de 80 bolsas de 30 litros de lixo.

Os participantes atoparon "120 bastonciños, dez botellas de vidro, 16 de plástico e 20 latas de refresco", entre outros materiais de refugallo entre os que resaltaron as cabichas. 2.000 destes restos de cigarros reuníronse onte na plataforma da Coraza, onde os voluntarios clasificaron os residuos co fin de enviar os datos á ONG Ocean Conservancy. A compañía norteamericana é a responsable desde fai máis de 30 anos dun "movemento global para coidar os océanos", a través de convocatorias de saneamento para promover o día internacional de Limpeza da Praia. O conmemorado onte contou coa participación dos coruñeses, que realizaron a labor en grupos de dez persoas dirixidas por un coordinador por mor do Covid.

A falta dos grandes temporais de inverno, que sempre vomitan á terra materiais de maior envergadura, o que se atoparon os voluntarios foron obxectos pequenos, e polo tanto, "máis próximo a converterse en microplásticos". O areal do que se retirou máis sucidade foi o Orzán, e este ano, como novidade, puidieron recollerse oito máscaras e unha ducia de luvas de goma, ademais de seis preservativos, cinco aplicadores de tampóns e dez caixas de tabaco.