Constitúe xa un lugar común afirmar que a contratación pública debe ser empregada para o logro de obxectivos de carácter social, ambiental, de xénero, lingüístico e de promoción da innovación. De modo que de acordo coa denominada "contratación pública estratéxica", a política de compras públicas debe incorporar consideracións sociais sempre e cando estean relacionadas co obxecto do contrato e non discriminen entre empresas ou traballadoras e traballadoras en razón da súa procedencia ou do Estado membro ao que pertenzan.

É por esta razón que tanto as Directivas europeas de contratación pública como a vixente Lei española de Contratos do Sector Público prevén a incorporación destas cláusulas ambientais en todas as fases do procedemento, a adxudicación e a execución dos contratos públicos. Ao cabo, do que se trata é de que o inxente volume de recursos que se mobiliza a través da contratación pública (arredor dun 15% do PIB do conxunto da Unión Europea), contribúa para a realización de fins de interese xeral de carácter social, ambiental, de xénero, etc.

Aplicar estas reflexións á nosa contorna inmediata supón, daquela, incorporar consideracións sociais, ambientais e de xénero ao deseño, adxudicación e execución dun contrato tan importante como o da dragaxe da Ría do Burgo, cun valor estimado superior aos 45 millóns de euros. Consideracións que, por obvias razóns de xustiza, deben dirixirse de forma preferente ao colectivo de mariscadoras e mariscadores. Porque, na actualidade, este colectivo está a se ver prexudicado polo deplorábel estado da ría e tamén porque durante a realización dos traballos de dragaxe e mesmo despois, entanto a ría non se recupere, vaise ver privado do seu medio de vida.

Ten todo o sentido, daquela, propor que a empresa que resultar adxudicataria das obras de dragaxe da ría do Burgo estea obrigada, en virtude dunha condición especial de execución do contrato expresamente incluída nos pregos, a contratar as mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo para a realización de traballos de melloría rexeneración ambiental das zonas dragadas. Unha condición deste tipo resultaría plenamente conforme coa reseñada normativa europea e estatal ao estar directamente relacionada co obxecto do contrato e non resultar discriminatoria.

Estaría, con efecto, directamente relacionada co obxecto do contrato ao se referir a actividades necesarias para a execución das obras. Neste sentido, sería conveniente que os pregos contractuais incluísen de forma expresa eses traballos de melloría e rexeneración ambiental (ou outros similares que podan ser realizados polas mariscadoras) dentro do prestación contratada coa adxudicataria.

Por outra parte, unha condición coma esta en ningún podería ser considerada como discriminatoria. Non, desde logo, para as empresas que, sexa cal for a súa orixe ou o lugar onde teñan a súa razón social, poden contratar sen problema as mariscadoras. Mais tampouco para colectivos distintos do marisqueo na ría do Burgo xa que o tratamento diferenciado tería, neste caso concreto, un fundamento obxectivo e razoábel que afasta calquera discriminación: elas e eles son os principais afectados polo deplorábel estado ambiental da ría e elas e eles serán tamén quen se vexan privadas do seu medio de vida durante a execución das obras.

Con todo, esta é apenas unha suxestión. O decisivo será o que os protagonistas acordaren. A Xunta e o goberno español, claro. Mais tamén as mariscadoras, que deben participar no deseño e na execución dunha dragaxe da que vai depender o seu sustento. Cumprindo coa súa función, a Universidade da Coruña pon todo o seu coñecemento ao servizo da melloría ambiental da ría do Burgo e da procura dunha vida digna para as mulleres e os homes que até hoxe, case en solitario, están a cuidar dela.

*Profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña