O Teatro Rosalía de Castro xa respira vida. Hai movemento entre bastidores e as butacas teñen dono, pero aínda está lonxe da súa normalidade. O seu director, Paulo Rodríguez, revela que o seu "compromiso" é "chegar a un funcionamento o máis normalizado posible e realizar todas as funcións". Ademais, entende que o confinamento reivindicou, unha vez máis, a importancia da cultura na sociedade.

Como afronta esta nova situación o Teatro Rosalía?

Improvisando, como non pode ser doutro xeito, xa que é unha situación nova e descoñecida, e atendendo en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias que, como todos sabemos, son moi cambiantes. Cada semana cambian os protocolos e iso implica que é moi difícil a xestión. Tes a sensación de que o que estás facendo hoxe, a semana que vén non vai servir para nada. Dalgún xeito estamos volvendo a casilla de saída continuamente e iso é un problema tamén para nós. De cadro de persoal somos moi poucos e conleva un dobre esforzo para chegar a metade do que chegaríamos nunha situación normalizada. O Rosalía de Castro é un teatro público e municipal, polo que desde o Concello e desde o teatro sabémonos e recoñecémonos como un servizo cultural. Non somos un servizo esencial, pero si somos un servizo crucial e fundamental para a sociedade. É o teatro de referencia da cidade, histórico, que cumpre 180 anos servindo e escoitando á cidadanía da Coruña e o noso empeño é manter esa programación e ese servizo.

Houbo traballo perdido ou sensación de que non quedaban folgos?

Non, en absoluto. Si que é certo que a dificultade estivo en trazar os protocolos que che leven a poder prestar o servizo e escoitar ás distintas partes que teñen algo que dicir. Nós realmente lanzámonos desde o primeiro día, o noso sentir e o sentir do Concello era apoiar aos creadores e compañías e minimizar na medida do posible o impacto. Ben é certo que unha cousa é o desexo e outra as tramitacións administrativas e os requirimentos procedimentales da Administración pública, aínda que é evidente que un servizo non se pode pagar se non se prestou. O noso empeño desde o principio foi salvagardar na medida do posible o maior número de funcións e espectáculos que estaban programados.

E cal é o resultado?

Creo que, en certo modo, chegamos a conseguilo cun éxito moi alto. Do que era a nosa programación propia só caeron tres cousas: un espectáculo de danza porque unha das bailarinas viña de Alemania e tiña que facer corentena, o espectáculo de Prostitución de Carmen Machi e unha actuación de What is love? porque a compañía non aguantou os tres meses de parón de confinamento e decidiu non xirar máis. Tamén hai outros programas de entidades que estaban datados para maio e tiveron que cambiarse. A temporada de concertos de música, da Sociedad Filarmónica da Coruña, tamén caeu. O noso orgullo é que conseguimos salvar practicamente toda a programación, que non é fácil. Hai moitos teatros por aí adiante que decidiron cerrar. Nós entendemos que a cultura é un eixo fundamental e vertebrador da sociedade e hai que mantelo cos condicionantes que sexan.

As restricións polo Covid-19 tamén afectan aos teatros, como é esa adaptación aos novos aforos?

Cada semana os protocolos e os aforos cambian. Pasamos de un 75% a un máximo de 60 persoas e agora volvemos ao 75%. Decidimos que os teatros do Concello, xestionados desde o IMCE, teñan un aforo do 50%, mantendo un mínimo de distancia interpersoal aínda que a normativa non o esixe, pero si o recomenda. Está sendo un traballo inxente, estamos reasignando butacas sobre plantillas xa vendidas no mes de decembro e febreiro. Hai que dicir que a inmensa maioría do público é moi comprensiva. Ten esa conciencia de que hai que colaborar.

Non é o que ocorreu no Teatro Real de Madrid hai uns días, onde houbo protestas polo aforo. Que opina disto?

Non podo falar do que non coñezo, é dicir, non sei cal é o seu sistema de abonos e a súa distribución. Entendo que non se fixo ben. Só vin un par de imaxes na televisión, non teño criterio para xulgar a ningún compañeiro de se estaba facéndoo ben ou mal. É certo que unha cousa é o que percibamos socialmente e outra o que nos diga a norma. Nós agora poderíamos ir a un 75% da ocupación, non sectorizado e sen distancia física, pero optamos por ter unha postura máis conservadora e que ninguén estea en contacto con ninguén. Incluso facemos saídas graduadas. Non sei o que pasou no Teatro Real, pero tiveron capacidade para reaccionar, solucionalo e que todo volvera a funcionar. Iso chámase xestión.

E como xestionou o Rosalía de Castro a redistribución dos seus abonados?

Sacamos o abono en xullo cunha normativa e hoxe xa imos pola cuarta normativa. Temos que tecer e destecer todos os los días sen saber moi ben que vai pasar na semana seguinte. Agora suspendemos temporalmente a venda de entradas soltas para solucionar primeiro a recolocación dos abonos. Decidimos deixar espazo interpersoal, usamos unha butaca si e unha butaca non, tamén con espazo diante e detrás para crear burbullas. O conflito é que estamos separando abonados que viñan en parella ou amigos. O tema era buscar un sistema obxectivo. Temos unha ocupación dun 47%, pero recibimos moito calor e moita comprensión.

Esas limitacións levan a perdas económicas?

Evidentemente. Aínda que sexamos Administración pública, pertencemos o IMCE, dentro das nosas expectativas e a conformación orzamentaria anual, hai un obxectivo de retorno. É certo que un orzamento é un proxecto, non unha cousa cerrada, pero neste caso é un ano inusual para todo o mundo. Se alguén ten que ser solidario e poñerse por diante é a Administración pública. O Concello está moi ben situado e hai iniciativas como Presco e actividades en rúa coas que darlle garantías tanto as compañías como os creadores. Esa parte de retorno económico vaise ver moi minguada, pero a Administración pública ten que emendalo. Iso supoño que todos os políticos o teñen claro. Tócanos poñernos o fronte desa solidariedade. Dentro da cadea de valor das artes escénicas, o elo máis débil son as compañías e aos creadores. Están pasando unha fase moi dura e foron moi solidarios no confina mento a través de internet, onde axudaron a sociedade a soportalo. Agora nós temos que chegar a un funcionamento o máis normalizado posible e realizar todas as funcións que temos por diante. É o noso compromiso. Nestes momentos non hai ningún motivo para suspender ningunha función. Se suspenden por precaución sanitaria, non. A precaución sanitaria está no cumprimento escrupuloso de todos os condicionantes e protocolos que se establecen.

En xeral, a cultura bota de menos máis axudas?

Eu estou no lado forte do sector cultural, porque somos quen decidimos e contratamos, pero si que é certo que as políticas culturais nunca estiveron ben e agora tampouco. Os políticos do Goberno central, e falo en concreto do ministro de Cultura, non estiveron á altura. A cultura ten que ter un tratamento diferenciado, igual que outros moitos sectores. Non podes meter no mesmo saco pemes doutras características con Sociedades Anónimas ou Sociedades Limitadas da cultura. A resposta a nivel económica non foi a desexada. Moitos dos plans que se trazaron para creadores e compañías codificáronse como actividades empresariais sen atender á singularidade do sector. Hai que dicir que a arbitrariedade dentro das autoridades sanitarias á hora de definir os riscos que se poidan ter dentro dunha actividade cultural son moi dispares e chegamos a cousas que non se poden entender. Hai dúas semanas quitáronnos o aforo de 60 persoas e foi por parroquias, é dicir, Rosalía de Castro, Colón, Fórum Metropolitano e Coliseum pasamos ao decreto do 12 xuño, cunha capacidade do 75%, e o Ágora, que tamén o xestionamos nós, por estar no barrio no que está pois sigue con 60 persoas. Isto que significa? Que a xente do Agra non vén ao teatro Rosalía? Hai movementos que non se acaban de entender e iso causa moito prexuízo en todo o que é a xestión cultural.