O atípico verán do ano 2020 deixounos esta semana, e con el o centenario do curso de Bioloxía mariña organizado na Coruña polo Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN) de Madrid. Ese interesante evento foi posible pola perseveranza da profesora de Ciencias da Escola Normal de Mestras herculina, Celia Brañas Fernández. Personaxe que rescatamos do esquecemento en novembro de 2015, coa publicación dun episodio neste xornal e unha biografía no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega. Por iso limos con especial satisfacción a nova de que o premio de Xornalismo Científico convocado pola Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, levará desde a súa quinta edición (a deste ano 2020) o nome de Celia Brañas. Un merecido recoñecemento a unha pioneira.

A petición de 1919

O punto de partida do curso estivo no "Primer Congreso de Estudios Gallegos", organizado na Coruña polo Instituto de Estudios Gallegos en agosto de 1919. Nel falou Celia Brañas de "La importancia de la creación de una estación de biología marina en La Coruña, y medios prácticos para establecerla". Un tema de certa transcendencia, xa que unha potencia pesqueira como Galicia carecía nesas datas dunha institución sólida que atendera ao estudo mar, o Laboratorio de Vigo, inaugurado en 1917, tivo que pechar no 1920 e non se reabriría ata 1935. A raíz da iniciativa de Brañas o Congreso aprobou solicitar que se impartira un curso sobre Bioloxía mariña na Coruña, entendido como paso previo ao establecemento dunha estación da especialidade na cidade. Para valorar axeitadamente a importancia do curso cómpre reparar en que naquel tempo ningunha institución en Galicia podía ofrecer esa valiosa actividade, mesmo a única universidade galega, a de Santiago, carecía de Facultade de Ciencias.

Características do curso

O MNCN e a JAE aceptaron a petición, o Museo organizo o curso e a Junta encargouse dos gastos xerados. A dirección foi encomendada a Enrique Rioja Lobianco, quen contou con Manuel Ferrer Galdiano como axudante. A formación de Enrique Rioja, experto nun tipo de vermes, os anélidos poliquetos de mar, estivera moi relacionada co MNCN e co seu director, Ignacio Bolívar.

A actividade tivo lugar desde mediados de xullo ata fins de agosto de 1920 no Instituto local, o Eusebio da Guarda, único nese momento na cidade. Un centro que tiña a denominación de "Instituto General y Técnico" desde 1901, xa que ademais dos estudos de bacharelato tamén se impartían os de Maxisterio, Agricultura, Industria, Comercio, Belas Artes e ensino nocturno. Alí instaláronse os laboratorios, utilizando material enviado polo MNCN e o cedido polo propio centro educativo e pola Escola Normal de Mestras. Manuel Casás, presidente do Instituto de Estudios Gallegos escribiulle previamente ao responsable da JAE, o salientable científico Santiago Ramón y Cajal, ofrecendo 5 microscopios, dúas dragas de arrastre, dúas cámaras micrográficas, catro depósitos de vidro para cultivo e un bote con tripulación.

Canto os asistentes, as memorias da JAE ofrecen unha relación parcial dos seus nomes e orixe, porén unha busca rápida nos permitiu completar esa información nalgúns casos. De Madrid viñeron seis alumnos, catro do último curso da Facultade de Ciencias: a madrileña

Genoveva Gail Gallo (nada en 1896); a xudía de orixe ucraína Dina Scheinkin Cahan (1898-1933); Juan Gil Collado (1901-1986), un andaluz de Jaén que se especializaría no estudo dos insectos e o toledano Juan Gómez-Menor (1903-1983), quen chegaría a catedrático de Entomoloxía. Os outros dous procedían da "Escuela Superior del Magisterio": Eugenio Ortega e Vicente Valls Anglés (1896-1962) quen sería un destacado experto na pedagoxía experimental das Ciencias. A eses seis sumouse o continxente local, Bolívar pediu a Celia Brañas e ao director do Instituto, José María Hernansáez López, catedrático de Agricultura, que elixiran a destacados alumnos dos seus centros. Os seleccionados foron catro alumnas da Normal (Carmen Fuentes, María Arenas, Celia Olano, María de la Concepción Maro e Amalia Fagina) e tres do Instituto. Un deles figura só co nome "Hernansáez", coidamos que sería o fillo do director, José María Hernansáez Meoro (a identidade do pai e fillo foi resolta hai anos pola profesora Rosario Soto). Con el, estiveron Ulpiano Villanueva Castro, quen nacera en 1900 en Pontedeume, despois estudaría Medicina en Santiago e ocuparía a cátedra de Hixiene e Sanidade, Microbioloxía e Parasitoloxía, e Ramón Iglesias, que podería ser irmán de Manuel Iglesias Corral. A relación de asistentes suxíreme un par de reflexións. A primeira, a importante presenza de mulleres, case un 50%, unha proporción que naquel tempo era singular. En segundo lugar, e como contrapunto a ese estimulante dato, a diferencia canto á posterior proxección profesional segundo o xénero. Había un cambio pero o camiño da igualdade de oportunidades aínda estaba a comezar.

No desenvolvemento do curso colaboraron varios docentes. Da Escola Normal, as profesoras de Ciencias Celia Brañas e Juana Fernández Alonso. No caso do Instituto local, participaron dous destacados científicos, o catedrático de Física Gonzalo Brañas Fernández e o de Historia Natural, Fermín Bescansa Casares, experto no estudo das algas. As clases tiveron un marcado carácter práctico, xunto ás leccións teóricas, sobre aspectos fundamentais de Oceanografía biolóxica, realizáronse bastantes excursións mariñas polo litoral coruñés nunha lancha da Xunta de Obras do Porto. Recolléronse numerosos exemplares de seres vivos, para despois ser estudados e analizados nos laboratorios do Instituto.

Sobre a localización da estación de Bioloxía mariña

A magnífica experiencia do curso debería ir acompañada, segundo o previsto polos demandantes, do establecemento dun Laboratorio ou Estación de Bioloxía mariña na Coruña, algo que non se concretou. Pode que o Museo nunca valorara esa posibilidade, o certo é que a memoria do curso elaborada pola JAE di que ao remate se realizou unha excursión polas Rías Baixas, "con el fin de estudiar sus condiciones para el emplazamiento de un laboratorio marino anejo al Museo de Ciencias".

O lugar elixido sería Marín, mais antes de analizar as razóns polas que se escolleu esa localidade imos comentar brevemente o contexto desa decisión. O grupo científico krauso-institucionista (krauso pola inicial identidade coa filosofía krausista, institucionista pola Institución Libre de Enseñanza), que controlaba o MNCN e a JAE, con Ignacio Bolívar como figura central, tivera un papel decisivo na creación en 1886 da primeira estación de Bioloxía mariña e a súa posterior localización en Santander (1889). Aos seus laboratorios acudían os alumnos dos centros científicos madrileños a realizar prácticas. Esa situación mudou coa creación en 1914 do Instituto Español de Oceanografía (IEO) por Odón de Buen. Os diferentes enfoques dos proxectos de investigación mariña representados polo Museo e o IEO e as ambicións institucionais dos protagonistas, levaron a una pugna polo control da Estación de Santander. Esa situación decantouse en pouco tempo a favor do IEO, o Museo viuse privado das súas instalacións costeiras e comezou a moverse para dispoñer dunha.

Marín tiña ao seu favor, fronte á alternativa coruñesa, unha maior riqueza florística e faunística nas súas augas. Porén coidamos que a ese feito obxectivo se sumaba outro, un factor que sempre xogou un papel determinante na toma de decisións do Museo e da JAE, a presenza de persoas da súa confianza no proxecto a realizar. E iso pasaba con Marín, pois en Pontevedra traballaba Ramón Sobrino Buhigas. Con boa formación, era catedrático no Instituto local, mantiña unha excelente relación co Museo e con José Rioja, director de Santander, pai de Enrique e íntimo de Bolívar. En todo caso, despois da exploración de 1920, o Museo solicitou a creación da estación na ría pontevedresa, que se concretaría en 1932. Sería a única institución dedicada ao estudo da Bioloxía dos seres mariños que funcionou en Galicia no período en que estivo operativa (1932-35).

Como vemos, Celia Brañas non tivo éxito no obxectivo de acadar a instalación da estación na Coruña, porén grazas a ela uns mozos e mozas gozaron dunha excepcional actividade formativa no verán de 1920. Unha experiencia que incidiría na práctica educativa, porque seguro que as catro futuras mestras que asistiron (Carmen Fuentes, María Arenas, Celia Olano, María de la Concepción Maro e Amalia Fagina) espallarían nos anos seguintes a centos de nenos e nenas o coñecemento e o amor pola vida mariña.