O pleno de outubro será o derradeiro do concelleiro da Marea Atlántica Xiao Varela neste mandato. Deixa a súa acta e abre a porta a que entre no seu lugar a sanitaria Isabel Faraldo, de Podemos. Durante os catro anos da lexislatura anterior foi edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda.Asegura que a decisión de deixar María Pita foi "difícil" pero que, unha vez tomada e comunicada, a sensación é xa de tranquilidade.

Por que abandona o escano e por que o fai agora?

Creo que a mellor maneira de desenvolver políticas de esquerdas é estando no Goberno e iso foi o que intentei. Intenteino na miña organización sen éxito e o PSOE tampouco tiña interese. Nestes quince meses fun verificando como iso que non sucedera foi unha decisión mala para a cidade porque se está a demostrar que a deriva conservadora do PSOE se vai executando. Hai decisións no PSOE que o demostran, como a incorporación de Mónica Martínez [ex concelleira de Ciudadanos] ao Goberno local, ou as medidas urbanísticas. Logo de catro anos de goberno da Marea, que foron moi duros cunha oposición encarnizada, que fixo todo o que puido por paralizar a nosa acción de goberno, estou demasiado canso para volver a esa dinámica de confrontación. Eu pensaba que este ía ser un mandato máis construtivo, por iso avoguei pola coalición, para darlle continuidade ao noso mandato, pero estou vendo que a confrontación cada día se está elevando máis.

Esa postura de entrar no Goberno local era minoritaria na Marea?

Eu defendín esta posición porque quizais era unha das persoas que máis consciente era da cantidade de proxectos que deixabamos nos caixóns e que non puidemos executar. O PSOE está desenvolvendo, por sorte, porque é positivo para a cidade, un traballo que comezamos nós. A demolición do viaduto da rolda de Nelle é unha boa mostra disto. Sospeitaba tamén que se non estabamos no Goberno, as políticas urbanísticas ían volver ás andadas co vazquismo,como se está a demostrar. Non fun o único que pensaba así, pero fomos minoría e a cousa rematou como rematou, por desgraza.

Renuncia agora cando lle salpica o derrubamento do edificio Citroën, están relacionados os feitos?

Non, en absoluto. No pasado mandato tomamos moitas decisións e fixemos moitas xestións, a maior parte delas, por desgraza, derivadas do PSOE, por exemplo, o caso do edificio Fenosa. Tivemos menos éxito co de Citroën. Se non tivese sido descatalogado polo PP no plan xeral, non tería gora mesmo este problema. Nós, por intentar modificar o plan para catalogalo outra vez, non chegamos a tempo de poder evitar que se aprobase por silencio administrativo o derrubamento. Aínda hai posibilidades de salvalo se se leva a cabo a modificación que nós empezamos.

Deixa a acta e tamén a militancia na Marea?

Eu vou seguir facendo política na cidade coma sempre. No eido laboral volvo á miña profesión de arquitecto, nunha situación complicada, como a de tantísima outra xente, pero tampouco me metín en política para aferrarme ao escano senón para intentar achegar cousas mentres considere que podo facelo. Seguirei formando parte da Marea en tanto que sexa o espazo de confluencia que foi no 2015.

Se Podemos e Marea rachan, en que lado o poderemos ver?

Prefiro non facer política ficción. Son decisións que se teñen que tomar nas organizacións. Cando se dea ese debate na Marea direi a miña opinión. Agardo que iso non suceda.

É un adeus á política institucional ou é só un deica logo?

A verdade é que non o sei. Agora mesmo quero retomar a miña profesión, aprendín moito e quero que esa aprendizaxe poida ser útil para a sociedade.

Vese como candidato á Alcaldía, igual non con Marea nin nas seguintes eleccións, pero si nas vindeiras?

A verdade é que nin o pensei, paréceme unha responsabilidade enorme. Eu metinme nesta aventura nunhas circunstancias moi determinadas, cando vimos que había un desexo de cambio de transformación enorme na cidade e a Marea conseguiu materializalo e non sei se esas circunstancias se volverán dar.

A seguinte é Isabel Faraldo.

Isa é unha compañeira valente e digna que, se decide entrar no Pleno, vai facer un traballo magnífico a favor da cidade. Quería que o soubese por min, dinlle moitos azos e díxenlle que, se finalmente, a súa organización e ela decidían entrar, ía contar con todo o meu apoio.

Hai mar de fondo na Marea Atlántica logo dos malos resultados nas autonómicas e dos desencontros previos?

Entramos na política representativa sen experiencia e estes anos creo que nos demostraron que a xente está farta de que traslademos, desde a esquerda, as liortas e as diferencias internas. Iso non interesa a ninguén. Non estamos aquí para iso senón para defender a xente e resolver os seus problemas. As diferenzas soluciónanse acordando, foi o que fixen sempre, e non pregoando.

Durante o mandato anterior pedíronlle en varias ocasións a dimisión, unha delas, co concurso dos pisos, foi o peor da lexislatura?

Pois a verdade é que si, non tanto polo momento, porque cando me enfrontei á Autoridade Portuaria para defender A Solana tamén foi duro, que conseguimos que non se privatizase, senón porque iso demostrou a oposición indigna que sufrimos. Co tema dos pisos, que recoñezo que foi un erro, un erro administrativo, a oposición, especialmente o PP, e Rosa Gallego, que aínda hoxe non me pediu desculpas, utilizouno para intentar que pareceramos o que non eramos, que parecese que xestionabamos corruptelas, como facían eles. Paréceme unha inxustiza que despois de que se demostrase que era todo mentira, a eles non lles pasase factura e a nós, si.

E que momentos bos lembra?

Foi un privilexio enorme defender a cidade. Quédome con dúas ideas: que desde o cemento tamén se pode facer xustiza social, porque ampliar unha rúa mellora as condicións de vida dos barrios; e coa defensa do público. É o máis importante do traballo que fixen, conseguir que as dinámicas especulativas se freasen nesta cidade.

Marcha coa sensación de que lle quedou moito por facer?

Si, por desgraza, esta cidade ten un histórico de números vermellos co que ten que ver co urbanismo e cos barrios, a Marea fixo moito e abriu liñas de traballo novas, deixou traballo feito que se está a executar.

Ten discrepancias con Iago Martínez ou ten que ver esta decisión cos seus argumentos como voceiro no Pleno?

Non, en absoluto. Eu son unha persoa construtiva, respectuosa e que pensa que as diferenzas, que teño con Iago como tamén teño coincidencias, se resolven debatendo, acordando e asumindo os acordos e así o fago con el. Facer explícitas esas diferencias fóra de onde se debaten non ten ningunha utilidade. É un compañeiro máis e punto.

Fala de asumir, pero marcha.

Eu quedei quince meses e non foron doados, porque a deriva do PSOE é a que esperabamos. A pesar de ter investido á alcaldesa, o PSOE non está a respectar os acordos asinados e por iso e ante a miña incapacidade de que as cousas sexan distintas, creo que é mellor marchar e que quince meses son suficientes para intentar que as cousas fosen doutra maneira.