Será esta unha gala especial por un motivo que ninguén querería. A pandemia fará que todos os espectadores estean contemplando as actuacións coa súa máscara e deban botarse o xel hidroalcólico nas mans á entrada. Os organizadores e o persoal do teatro Rosalía de Castro tomarán as medidas necesarias para que o cumprimento das normas sanitarias ofreza unha total seguridade a todos os asistentes á décimo novena gala dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz, que se celebrará hoxe, desde as 20.30 horas. A gala poderá seguirse en streaming na web de LA OPINIÓN.

Son tempos complicados para a cultura e especialmente para os músicos, que pasaron un verán no que temían esa chamada que lles indicaba que o seu concerto quedaba adiado ou directamente suspendido. Os artistas pisaron pouco os escenarios e os amantes da música quedamos orfos desa marabillosa sensación que se produce cando asistes a unha actuación que che gusta.

LA OPINIÓN apostou por crear uns recoñecementos que non existían para pór en valor o importante labor que realizaban as persoas que traballan coa nosa música de raíz e nestes tempos complicados non quixo faltar á súa cita para premiar aos máis destacados do ano coa realización da gala onde se coñecen os catro premiados nas diferentes categorías. Nesa cerimonia adoitan ofrecerse actuacións especiais, concertos de corta duración nos que o público pode atoparse con propostas pouco coñecidas ou con estreas de proxectos que poden ter máis longo alcance, ou que foron creados só para tocar esa noite festiva. A idea é ofrecer aos espectadores algo diferente que non tivesen oportunidade de contemplar noutro lugar.

Para o trío Quinta San Vitorio está será a segunda vez que pisen un escenario, despois de que debutasen hai un ano no histórico Festival Folk de Guísamo, e o seu interesante proxecto terá unha boa ocasión de chegar a máis xente. Belém Tajes e o trío de cantareiras Lilaina actuaran un par de veces xuntas, mais formando Tajes parte do dúo Vudu, polo que esta será a primeira ocasión na que toquen neste formato musical. Esta noite van interpretar cancións novas que forman parte do repertorio da solista, que comezou hai pouco a súa andaina en solitario, e algunha que forma parte do arquivo de música tradicional que posúen as cantareiras miñesas.