Dezanove anos para dar visibilidade á música tradicional, para amosar o que se está a facer nas asociacións, nos estudos dos músicos e tamén nas cabeciñas dos que aínda non teñen un proxecto, pero que queren seguir explorando no repertorio tradicional, nas músicas herdadas dos seus antergos, nas partituras esquecidas e nos nomes que aínda non teñen o seu lugar na historia. Os premios Opinión da Música de Raíz cumpriron onte a súa décimo noveno edición, con máscaras, con medidas de seguridade e con fotos de familia cos membros separados, sen apertas nin máis parabéns que os das verbas, pero concon aplausos e público, na que foi sempre a súa casa, o teatro Rosalía de Castro, e na web.

O grupo Entre Trastes subiu onte dúas veces ao escenario, a primeira, polo tema Candolla, que foi gañadora do premio á mellor peza orixinal, e, a outra, para distinguir Umami, como mellor disco do ano.

Foi a de onte, segundo lembrou o presentador da gala, Moncho Lemos, unha noite "para aprender", un acto "en familia" na que todo estaba perdoado, porque as ganas de escoitar música en directo, de volver a unha normalidade na que os teatros están abertos e hai entradas dispoñibles era superior a calquera atranco técnico que se puidese presentar.

"Esta gala é un punto de encontro", definiu Lemos, para dar a benvida ao público e para lembrar que, aínda que fose nunha data "rara" porque antes de que o coronavirus irrumpise no día a día, a xuntanza era no mes de maio, a música non fora esquecida, que seguía a ter un oco no calendario.

Lemos reivindicou onte a cultura "como espazo físico", como un lugar seguro, para poder seguir medrando e vendo como os proxectos se van desenvolvendo. No seu discurso de agradecemento, Xosé Liz, de Entre Trastes, asegurou que, a pesar de levaren vinte anos xuntos, a de Candolla fora "o único tema lento" que os compañeiros lle deixaran meter nun disco en "vinte anos". E lembrou, nestes tempos do "sálvese quen poida", de intentar aproveitar todas as oportunidades que xordan, que o organizador dos premios Opinión, Óscar Losada, sempre lles dixo que tiñan que continuar co proxecto, que non se rendesen e seguisen adiante ca súa música, con esa maneira de reinterpretar a tradición e de levala a unha nova dimensión. Nesta categoría, Candolla impúxose a Teste q levantar, de Zoelas; a Maltraer, de Tanxugueiras; e a Es un sombrero, de Germán Díaz e Benxamín Otero. O premio entregouno o subdirector de LA OPINIÓN, Marcos Mosquera.

Os encargados de poñer música á gala foron Pedro Lamas, Sabela Camaño e Sofía Adriana, que xuntos forman Quinta San Vitorio, un proxecto que recupera parte do repertorio de Jacinta Landa e do seu home Xoán Vicente. que abrían as portas da súa casa á cultura e aos visitantes. Coñecéronse no festival de Guísamo e, desde aí, empezaron a traballar nestas cancións que Jacinta conservou logo de ter emigrado. Sonou o Estou vivindo no ceo, como homenaxe ao público que, a diferencia da cantante portuguesa Sofía Adriana, coñecía a canción, porque medrou escoitándoa. O músico de Cecebre Pedro Lamas reivindicou este proxecto para sacar do esquecemento a "grandes compositoras, mulleres que foron intérpretes incribles no seu tempo e que aínda non teñen o seu oco na historia", explicou Lamas. Entre elas, a coruñesa Pilar Castillo Sánchez, que naceu en 1895 e que foi unha pianista prodixiosa e que, "con dezasete anos asombraba ao mundo" coa súa maneira de tocar. Sendo aínda unha nena compuxo Maruxiña, que sonou onte no Rosalía. Lamas reivindicou tamén "o espazo dos músicos", moito máis alá de tocar nos balcóns e agradeceu a este diario que abra o escenario do teatro Rosalía de Castro a proxectos "que non se escoitan na televisión e que non teñen acollida na radio", pero que existen e que precisan de atención para seguir medrando.

28

Gala dos XIX Premios Opinión da Música de Raíz

As primeiras premiadas da noite foron Tanxugueiras, polo seu tema Desposorio, na categoría de Mellor adaptación dunha peza tradicional, na que se impuxeron ao Alalá de Muxía, de Germán Díaz e Benxamín Otero, ao Van, de Fiandola, e á Xota do Norte, de Nelson Quinteiro e Brais González.

"Sonamos mellor no Spotify", dixo unha das integrantes de Tanxugueiras, que agradeceu "ter chegado" até o intre de recoller o premio porque significa que dan "un pasiño máis" non só elas, senón tamén "a música tradicional" e a "fala".

O director de comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray, foi o encargado de lle entregar a Germán Díaz o premio a mellor artista, unha categoría na que estaban tamén nomeados Xurxo Iglesias, Brais González e Xoán Curiel.

"É un pracer poder vernos no teatro", dixo onte Díaz, que agradeceu non só o premio ao xurado senón tamén a todas aquelas persoas "que se dedican á música para faceren felices aos demais". Díaz, que lle dedicou o galardón á súa familia, xa que hoxe ou mañá será pai outra vez, xa resultou premiado como Mellor artista na gala do ano 2015.

No premio que non había ningunha intriga foi no Andaina Senlleira, que recaeu este ano na asociación Cántigas e Frores, unha entidade que naceu da fusión, en 1948, de dúas entidades "moi interesadas na etonografía" e que cultivaron o interese polo baile e a música tradicionais, atesourando melodías e puntos. Nos anos setenta, segundo lembrou onte o presentador da gala, "non era habitual" ese interese pola cultura popular, pero Cántigas e Frores fixo que deixase de selo tanto porque empezou a abrir obradoiros e a ensinar a pequenos e maiores baile e gaita, un labor que non deixou nunca e que mantén na actualidade, 72 anos despois, a agrupación conta con máis de 300 alumnos e alumnas. O encargado de lle entregar este premio foi o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo.

"A nós gústanos meter ruído se pode ser", dixo onte o voceiro de Cántigas e Frores, que destacou quea formación mantén "a obriga" de facer que a música e o baile tradicionais sexan conservados tal e como se recolleron, que se manteñan "intactos", a pesar dos anos e das influencias que poderían absorber, iso iso, desde o ano 2003, cunha estrutura moito máis moderna, que deixou atrás a "asociación monolítica" que eran até ese momento.

Os gañadores do Andaina Senelleira fixeron tamén fincapé na dificultade "de manter en pé" unha asociación como Cántigas e Frores a base do traballo de voluntarios.

Para agradecer o premio ao mellor disco, que gañou Entre Trastes, por Umami, -entregado pola alcaldesa, Inés Rey- e que se impuxo a Ao cabo leirín, de Faia; a Contrapunto, de Tanxugueiras e a Trece cancións bonitas, Germán Díaz e Benxamín Otero, os seus membros quixeron botar a vista atrás e facer contas para dicir que, entre o Rosalía e o Colón, a formación fixera máis do 70% dos seus concertos. de feito, foi no Rosalía onde gravaron o seu último disco, tan só uns meses antes de que chegase a pandemia e o cambiase todo, tamén a maneira de vivir a música de dos que pulan por sobrevivir.

"Din que vinte anos non son nada, pero na cultura son moito", dixo onte Belém Tajes que, onte compartiu escenario e repertorio coas irmáns Montero, de Lilaina, que, se ben tocaran máis veces na gala da Opinión de Música de Raíz nunca o fixeran co seu propio proxecto. Coas súas voces e pandeiretas percorreron temas das dúas beiras do mar, da galega e da do alén, a da emigración.