02 de octubre de 2020
02.10.2020
La Opinión de A Coruña

O Camiño Inglés, porta de entrada á historia

As xornadas Ecomway difunden a importancia deste roteiro medieval

02.10.2020 | 00:56
O investigador Manuel F. Rodríguez, onte, durante a súa charla no Ecomway.

Para o investigador Manuel F. Rodríguez, o Camiño Inglés é algo máis ca un roteiro, é unha "experiencia" que une presente e pasado. Nas xornadas Ecomway, que empezaron onte no hotel Finisterre, reivindicou a importancia deste camiño de orixe medieval. "Era o que usaban os peregrinos que viñan desde a fachada atlántica, desde Irlanda, Reino Unido, dos portos bálticos e alemáns, incluso de Noruega e Islandia. Na baixa Idade Media había moitos peregrinos que viñan en barco. Chámase inglés porque a maioría dos que o facían eran de orixe inglesa", comenta Rodríguez.. Entón, a viaxe leváballes catro, cinco ou seis días, dependendo das condicións do mar, e chegaban ao porto da Coruña, que era a gran porta de entrada dos peregrinos, aínda que non todos atracaban no mesmo peirao, polo mal tempo, porque viñan nun barco comercial e o destino era outro, ou por outras circunstancias, tamén había peregrinos que chegaban á costa galega por Viveiro, Ribadeo ou Ferrol.

Unha vez que estaban na Coruña, iniciaban o camiño por terra, de pouco máis de setenta quilómetros, até Santiago, que lles levaba outros dous ou tres días. Logo, segundo relata Rodríguez, os peregrinos botaban un par de días ou tres en Santiago e volvían á Coruña para regresaren aos seus fogares. "O Camiño Inglés tivo vixencia até o século XVI, principios do XVII", lembra o investigador. As tornas cambiaron actualmente e é por iso polo que este remozado camiño ten agora dous puntos de partida, A Coruña e Ferrol. Para recibir a Compostela neste camiño, que non chega aos cen quilómetros, hai dous xeitos, ou ben ser da comarca coruñesa e completar os algo máis de setenta quilómetros que separan a cidade da catedral, ou ben facer unha etapa duns 25 quilómetros no país de orixe. "Foi unha decisión opinable, pero non foi negativa, porque no Reino Unido, Irlanda ou América xa se están a establecer itinerarios que fan antes de vir a Galicia, así que, ao final, foi un elemento dinamizador", asume Rodríguez, que asegura que non hai unha data mellor ca outra para facer este percorrido, xa que todas as estacións do ano teñen o seu encanto. Para o investigador, é un itinerario que, cada ano ten mellores cifras e que conta con máis popularidade entre os que deciden coller a mochila coa vista posta en Compostela. "É un camiño en consolidación", relata, xa que é un roteiro que non está tan masificado como o Camiño Francés, que é o que adoitan facer os peregrinos. "O gran camiño é o francés, pero o inglés ten outras cousas. Eu aconsellaría facer os dous, porque cada un ofrece unha cousa distinta", comenta.

Antes de saír da casa, Rodríguez indica que é importante coñecer "a conexión que temos cos peregrinos do pasado" e que se hai que fixar ben no Parrote, como porta de entrada á cidade; en Santiago de Sigrás, na zona do Burgo, que era de desembarco de peregrinos e tamén en Bruma, que era onde estaba o principal hospital de peregrinos, porque era un lugar moi perigoso. "Este camiño é paradóxico porque ten a saída da Coruña, que non é unha marabilla, pero despois atravesa un bosque precioso. Cómpre gozar de cada momento, ten un compoñente tamén moi persoal", aconsella Rodríguez.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es