Marea Atlántica terá un concelleiro menos -quedará con cinco- pola renuncia de Xiao Varela e polo rexeitamento de Isabel Faraldo, a número 8 na súa lista das municipais do ano pasado, de integrarse no grupo da Corporación local. Esta situación é censurada por Marea, que entende, segundo a súa voceira, María García, que Faraldo incumpliu o código ético ao que se comprometeu en 2019 como membro de Podemos na candidatura do partido que entón gobernaba na cidade. García cre que Podemos quere visibilizarse máis como marca de partido ao renunciar a formar parte dun "espazo común" de traballo vinculado a políticas progresistas e chama á súa representante na Coruña a "reconsiderar" a postura. A voceira lamenta que as forzas de esquerda unidas neses espazos comúns pasen na actualidade por unha fase de debilitamento.

Polo rexeitamento de Faraldo a formar parte do grupo de Marea ou por outros asuntos, pódese dicir que a relación entre Marea e Podemos está rota?

Non. Cremos qué é unha moi mala decisión de Podemos, mala para todo o mundo, para Marea, para os cidadáns que confiaron na nosa candidatura de espazo común, 25.000 votos, e tamén para Podemos. Facemos fincapé en que reconsideren a súa decisión, están a tempo de integrarse no grupo de Marea en igualdade de condicións co resto de concelleiros e concelleiras. A nosa relación, a nosa alianza, non é en absoluto irreconciliable.

Mudou Podemos de opinión sobre a integración no seu grupo municipal no curso das conversas?

Cando soubemos da renuncia de Xiao Varela puxémonos en contacto con Isabel Faraldo e démoslle a benvida co ánimo de facilitarlle unha integración fluida no grupo e nun traballo que xa está en marcha e con experiencia acumulada de cinco anos. Foi un encontro cordial e amable, pero creo que a súa decisión unilateral xa estaba tomada antes. Non houbo prácticamente negociación nin diálogo.

Vostedes ven un claro caso de transfuguismo político e Faraldo di que ela segue sendo de Podemos.

Non entendemos a súa incorporación ao Concello como edil non adscrita porque Faraldo concorreu ás eleccións municipais na lista de Marea Atlántica, que foi avalada por Marea, e comprometeuse co código ético. Os nosos votantes apostaron por ese espazo común para que siga sendo un espazo común. Por iso somos duros e moi críticos cunha persoa que abandona a formación e vai ter acta de concelleiro por outro grupo. Iso é transfuguismo.

Esta situación pode alentar máis as diferenzas e enfrontamentos dentro da Corporación local?

Non sei en que se traducirá. En todo caso, Marea seguirá a ser un grupo clave para o apoio de políticas progresistas. Perdemos un representante pero por aritmética de pleno mantemos un peso decisivo para sacar adiante liñas de rescate social e accións de progreso. A outra alternativa é que o partido do Goberno local pacte co PP, non hai máis.

Con cinco concelleiros agora, Marea queda debilitada?

A espazo común de esquerda é o que acaba debilitado. Con decisións como esta na Coruña, non se está lendo ben a penalización, e con razón, que a cidadanía dedicou á desunión e á ruptura de forzas políticas nos resultados das eleccións galegas deste ano. Podemos Galicia parece que persiste nesta vía en aras de ter eles unha maior visibilidade como marca de partido. Nós pensamos que hai que promover que as forzas progresistas traballen coordinadas.

Como cre que a cidadanía de A Coruña ve Podemos?

Non o sei, a verdade. Unha decisión como a que vén de tomar, o abandono das confluencias, non pasa só na Coruña, pasa noutras partes de Galicia e do Estado. Podemos se apoia no discurso de rexeitar as sopas de siglas, mais Marea Atlántica non foi nunca unha sopa de siglas senón un espazo común de traballo e o segue sendo. A división o que fai é crear unha sopa de siglas políticas que di rexeitar Podemos. Isto non o acolle ben a xente pero é algo difícil de explicar.