A derradeira leición do mestre é unha das obras pictóricas máis desacougantes de Castelao. Nela plasmou a súa dor polo asasinato do político nacionalista Alexandre Bóveda, fusilado por militares do bando sublevado o 17 de agosto de 1936 tras un xuízo sumarísimo. O cadro reflicte a imaxe do corpo exánime do político. Fronte a el, dous nenos choran a súa morte. Un final non por anunciado, menos tráxico ou inxusto. "Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquilo", escribía Bóveda esa mesma mañá á súa muller, Amalia. Non pereceu con el, porén, o seu legado; pois entidades como a coruñesa Asociación Cultural Alexandre Bóveda se encargan de levar, o seu pensamento alén das décadas.

Foi o seu un crime sen senso, como tantos outros no transcurso da Guerra Civil, que está preto de atopar un desenlace xusto, malia que tardío. O Goberno central recoñece o estatus de "acredor da reparación moral" de Bóveda, ao ter padecido inxusta "persecución ou violencia".

En resposta a unha pregunta escrita do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o Executivo non deixa lugar a dúbidas: Alexandre Bóveda foi sentenciado por Consello de Guerra sumarísimo, un órgano penal que o Goberno, do mesmo xeito que no caso doutros tribunais, como o da Represión da Masonería e o Comunismo e o Tribunal da Orde Pública, declara expresamente "ilexítimo" na nova Ley de Memoria Democrática, en fase de anteproxecto. Ilexítimas e nulas son, xa que logo, e segundo aclara o Goberno na resposta, as súas resolucións, "ao seren contrarias a Dereito e vulnerar as máis elementais esixencias do dereito a un xuízo xusto". A nova lei, lembra o Goberno para o caso de Bóveda, "declara o carácter radicalmente nulo de todas as condenas, sancións e formas de violencia persoal producidas por razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa durante a Guerra Civil e a Dictadura".

Na súa iniciativa, o representante da formación nacionalista require ao Goberno dúas cuestións: en primeiro lugar, a anulación do xuízo sumarísimo no que se fixou o fatal desenlace para Bóveda, ca fin de "restituír plenamente a súa dignidade e memoria". Por outra banda, o deputado pregunta ao Goberno cando se fará pública a devandita anulación.

A demanda non é nova en absoluto, pois xa no ano 2006, outro deputado do BNG, Francisco Rodríguez, presentara o Congreso unha Proposición non de Lei na que esixía a anulación do xuízo. Un acordo parlamentario que, a pesares de ter sido aprobado no seu momento, chegou sen executar aos nosos días. Malia teren habido avances significativos na materia, como a Declaración de reparación e recoñecemento persoal de Bóveda como vítima do franquismo, que o Goberno fixo pública no ano 2015, a anulación do xuízo militar continuaba a ser, a ollos de Rego, "unha débeda pendente".

O caso de Alexandre Bóveda, que semella ter acadado xustiza case un século despois, pode marcar o vieiro para as miles de vítimas da Guerra Civil cuxos nomes aínda agardan en caixóns un desenlace parecido. Perseguindo este fin de homenaxe colectiva, a asociación Cultural Alexandre Bóveda inaugurou, hai doce anos, unha estatua en lembranza do político, que se erixe en Catro Camiños cunha concepción particular: constituída por unha serie de caras polícromas dispostas arredor dun cilindro, a peza rende homenaxe non só a Bóveda, senón a todos os represaliados anónimos que atoparon un destino inxusto e anticipado na cadea ou no exilio.