Ramona Órbita é a nova creación da Paco Cerdeira, máis coñecido como Pakolas. Cunha máquina do tempo cargada de rock and roll, a protagonista está disposta a aprender e protexer a natureza. A historia atópase en Ramona Órbita: A dona do tempo, un libro-CD -o segundo do autor-para o público infantil. "É un formato moi agradable que che permite ir máis aló do musical e ter un contido máis didáctico", sinala o músico e compositor.

A personaxe de Ramona está inspirada na súa bisavoa. "A miña avoa e o meu pai sempre me falaban dela. Aínda que a coñecín, non me lembro. Era unha persoa brillante que facía operacións matemáticas enormes de cabeza. Tiña unha horta e co trueque sacaba adiante á familia, pero tamén axudaba á xente", intenta lembrar Paco Cerdeira, que non sabe se a súa familia "esaxeraba", pero gústalle como "enxalzaban as súas bondades".

A súa Ramona, a do libro-CD, posúe algo moi especial: unha máquina do tempo. Viaxa así pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, a China Imperial e o futuro. E cara onde quere ir Pakolas? "Sempre queremos coñecer a alguén do pasado, pero eu teño curiosidade polo futuro", confesa, aínda que a súa parte favorita do libro é cando a protagonista coñece a Leonardo da Vinci. "Era un artista moi completo", engade.

As letras das 10 novas cancións de Pakolas que artellan as aventuras de Ramona veñen acompañadas das ilustracións de Laura Romero. A ilustradora, licenciada en Belas Artes na Universidade de Salamanca, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas viaxes no tempo.

O libro-CD, conta o seu creador, ten "un valor engadido" pois serve de material didáctico para os logopedas. "É importante porque case non hai material deste tipo en galego para traballar na logopedia", expón Cerdeira.

A axenda de Pakolas está chea. Nin o coronavirus é un impedimento para el. "Curiosamente, cando rematou o confinamento empezaron a chamarme bastante. É un formato pequeno, accesible para os aforos dos Concellos", explica o músico, que recorre Galicia con Ramona Órbita, a súas historias e, moi importante, a súa música. "Foi unha época de cancelacións e econtratacións", recoñece, pero a súa ilusión por achegar as súas cancións aos máis pequenos permanece intacta.